Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2025, dedicada a Xosé Manuel Beiras

A Homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé Manuel Beiras. Compostela, 2025, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio do Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, CEDRO e Xunta de Galicia, chegou este ano á súa XXXI edición, recaendo na figura de Xosé Manuel Beiras, de quen se destaca, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986. A homenaxe tivo lugar en Santiago de Compostela o sábado 14 de xuño de 2025.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, un teixo, e a colocación dun monólito conmemorativo.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

Aquí pode verse a crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolma:

Vigo: Francisco Castro en concerto

Francisco Castro ofrecerá unha experiencia cercana e íntima co público, diferente ao habitual dos grandes escenarios en auditorios, teatros ou ao aire libre. O músico poderá comunicarse así directamente cun público que vai estar sentado practicamente á súa beira en íntima complicidade.A entrada (10 euros) pode collerse na porta da Fundación no momento do acceso ao concerto.

Andrea Nunes: “A poesía é unha linguaxe moi eficaz para nomear as disidencias porque é quen de escapar dos marcos normativos”

Entrevista de Inés Pena a Andrea Nunes Brións en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mapa da estría é un título que soa a corpo, a territorio, a ferida e resistencia. Como nace este libro e que quería mapear nel?
– Andrea Nunes Brións (ANB): O libro nace da necesidade de pór en palabras unha experiencia brutal e propia atravesada por desprazamentos, perdas e tamén existencias. A estría funciona como unha marca visíbel da tensión, como cicatriz que conta unha historia. Quixen mapear, como indica moi ben a palabra, as diferentes emocións e as feridas que deixan os lugares, os encontros, as linguas e os afectos vividos nos últimos anos.
É verdade que hai que recordar que este libro escribino nun tempo e reviseino dez anos despois. A verdade é que sentía que o tiña pouco secuestrado, e dábame medo que a recepción fose un pouco “esta blanquita europea dando voltas polo mundo e contando un diario de viaxe”, cando non era así.
– ND: Por que decide usar a imaxe das estrías como eixo vertebrador deste novo libro?
– ANB: Porque a estría non é só unha marca da pel: é memoria, é rastro dun proceso. Encántame que sexa unha pegada do que se moveu, do que se transformou. É tamén unha reivindicación do corpo real, non domesticado; é unha metáfora do que nos atravesa sen pedir permiso e tamén das marcas que deixa o sistema sobre os corpos disidentes. Tamén son marcas de resistencia, de loita e de beleza. Non hai corpo sen historia e esas historias tamén se len na pel. (…)”