Entrevista de Antón Escuredo a Suso Lista en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como “armou” esta “travesía” en trece relatos que aparecen na obra?
– Suso Lista (SL): Se comezamos polo nome, escollín Travesía relacionándoo co peor vento que temos no mar. O vento forma parte dos catro elementos e, desta maneira, completo a serie dos outros tres libros que fixen dedicados á auga, á terra e ao lume: Salseiros, Xeixos e Charamuscas. E son trece por ser unha ducia pesca que leva trece unidades de sardiñas, tal e como se vendían antes. E para nada é un número de mala sorte, todo o contrario, é unha sorte que che dean trece cunha ducia.
Son relatos curtos. Síntome máis cómodo con esta fórmula que con outras máis extensas. Levaba tempo sen escribir. Despois da novela Como a roda no muíño que saquei en 2020 non tiña moito interese e de repente quixen pórme outra vez. Sabía que tiña que rematar os catro elementos. Tiña algún xa escrito mais cando me puxen foi todo moi rápido, en tres meses tiña o libro rematado para publicar.
– ND: Nas historias que conta neste libro baséase na realidade que o arrodea?
– SL: Neste libro en concreto baséome na miña propia vida. Vivo en Corme, na Costa da Morte, e case todos os personaxes que fago teñen moito de reais, son de aquí e teñen que ver coa miña propia experiencia. Fago literatura propia da Costa da Morte, aquí non a coloco por quedar ben. Con todo, introduzo moitos temas que me interesan, como é o flamenco que me quedou de facer a ‘mili’ en Cádiz e coñecer persoas moi interesantes. Podo dicir que a miña vida entra na obra e nela sae tamén a etapa que pasei na mariña mercante ou como percebeiro. No meu libro falo de nós mesmos, de como respiramos. (…)”
Juan Fariña fabula sobre os misterios de Betanzos na súa última novela: “Decidín inventarme ao creador do globo, nada menos”
Entrevista de Antares Pérez a Juan Fariña en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): É a súa novela coa estrutura máis complexa. Nótase máis seguro?
– Juan Fariña (JF): Si, moito máis, xa me noto doutro xeito, teño moita máis confianza. É case como andar en bici. Aínda así eu teño que aplicar unha disciplina prusiana, sacando horas do meu tempo libre. Esta novela empeceina o 26 de agosto e termineina o 14 de decembro. Traballei nela todos os días de luns a xoves, tres ou catro horas todas as tardes.
No seu terceiro traballo, Fariña volve reflexionar sobre o patrimonio ou a memoria histórica e recupera a dous personaxes da súa primeira novela: As cartas de Abel, que transitan pola Vila xunto a un variado grupo de personaxes, unha cuadrilla de adolescentes, un inquieto aprendiz de escritora, unha resolta taberneira da Ribeira, un home que atravesa un doloroso duelo ,… ata unha pantasma doente atrapada nunha casa da Cerca. Os personaxes ficticios conviven cos reais, como Claudino Pita, Vicente Ferrer, o rei Carlos III, ou Antonio Vázquez, o autor do mapa que documentou os danos causados polo lume do século XVII.
– LO: Tivo que documentarse moito?
– JF: Non, non moito, son un lector asiduo e coleccionista de publicacións como o Anuario Brigantino, moitas das historias xa as coñecía, aínda que obviamente tiven que refrescar as lecturas.
O devastador incendio de 1616, o pasado lazareto da Madalena e o seu escuro pretérito como campo de concentración e misterios insondables da Vila, como a orixe dos túneles que sucan o subsolo do centro histórico, con entradas desde casas particulares que de tanto en tanto emerxen en forma de titulares da prensa para quedar de novo sepultos no esquecemento.
En Agosto dezaseis, Juan Fariña atrévese a especular coa orixe destes pasadizos, que se vincularon con minas de mercurio, unha teoría con defensores e moitos detractores: “É un asunto que hai que investigar, é un tema moi interesante. Eu lanzo unha teoría tola pero que se demostre o contrario”, chancea. (…)”
Ponteareas: actividades do 10 de xullo da Feira do Libro 2026
Xinzo de Limia: presentación de Goma de borrar, de Valeria G. Caneda
Vigo: presentación de O libro dos anatemas, de Val Eudoxia
Carballo: actividades dos 9, 10 e 11 de xullo na Praza dos Libros 2026
As Letras Galegas 2027 celebrarán a Xosé Neira Vilas
Desde a Real Academia Galega:
“Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. Con este célebre comezo, no ano 1961 saía do prelo en Buenos Aires por primeira vez Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos, vendidos e traducidos da literatura galega de todos os tempos. O seu autor, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), será o protagonista do Día das Letras Galegas 2027, de acordo coa decisión adoptada por unanimidade polos membros de número da Real Academia Galega no pleno ordinario celebrado este mediodía no pazo municipal de María Pita, despois de que se retirase na propia sesión a outra candidatura presentada, a do filólogo Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008). O vindeiro 17 de maio será así unha ocasión especial para lle agradecer ao de Gres a creación deste personaxe universal, pero non só iso. A RAG reivindicará Neira Vilas en todas as súas dimensións: a de autor dunha vasta produción literaria —que abrangue todos os xéneros—, o editor, o investigador, o activista cultural e mais o divulgador que, nun contexto histórico adverso, converteu o galego nun mecanismo de creación, de reivindicación e de afirmación colectiva. Dende Galicia e tamén, durante moitos anos, na diáspora en América, da que foi cronista indiscutible e sobre a que deixou un legado de gran valor documental.
Como escritor, Neira Vilas acadou algo extraordinario: crear unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Memorias dun neno labrego é o exemplo máis evidente dese milagre literario. A través da voz inocente e lúcida de Balbino, retratou o mundo rural galego da posguerra cunha enorme sensibilidade, denunciando as inxustizas e recollendo a riqueza humana e emocional da aldea. Hoxe este rapaz transformado en símbolo colectivo segue vivo na memoria compartida porque fala dende a autenticidade e dende a emoción que traspasa xeracións. (…)”











