Bases do II Premio Laudamuco para Textos Teatrais

Desde Erregueté:
Laudamuco, señor de ningures foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional. Aconteceu o dezaseis de maio de 1978. Van alá corenta e un anos. Detrás daquela audaz iniciativa estaba a “Compañía Antroido” e, dirixindo ese proxecto escénico, o noso ilustre veciño Roberto Vidal Bolaño. Aquela decisión foi determinante para o o conxunto do sistema teatral galego e sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro.
Coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca, o IIº Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2020, de acordo coas seguintes

BASES
Primeira.- Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega.
Segunda.- A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables. Asemade, entregaráselle ao/á gañador/a unha obra artística conmemorativa.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remitente, dirixido á Casa da Cultura de Brión, Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión (A Coruña).
Deberase indicar no exterior do sobre IIº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais, 2020.
Nun sobre anexo pechado deberá figurar, no exterior, o lema e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.
Cuarta.- O prazo de admisión de orixinais rematará o día 14 de febreiro de 2020.
Quinta.- O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral; será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo Alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
Sexta.- Na proposta de resolución do premio haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente; en dito acto farase pública a composición do xurado. O veredicto do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Brión, que é o órgano competente para resolver o premio.
Sétima.- A entrega do premio terá lugar nun acto organizado polo Concello de Brión o 16 de maio de 2020, corenta e dous aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Oitava.- Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.
Novena.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.”

A AAAG esixe que se manteñan os orzamentos do CDG e do CCG

Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica, envía este comunicado para manifestar, por unha banda, a súa perplexidade polo anuncio do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dun novo estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que, malia as súas aseveracións no Parlamento, foi elaborado sen consultar ao asociacionismo profesional do sector e, pola outra, para poñer de relevo a súa máxima preocupación ante as cifras económicas que manexarían o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Galego dos Artes da Imaxe (CGAI) no ano 2020. Neste senso, tal e como se desprende do proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento e segundo destacou o BNG durante o pleno de onte, o investimento real da Consellería de Cultura e Turismo no CDG pasaría dos 600.000 euros deste ano aos 350.000 euros en 2020. No caso do CCG, a cifra reduciríase de 150.000 a tan só 50.000 euros. Finalmente, o CGAI ficaría con dúas partidas de 120.000 euros e 12.000 fronte aos 150.000 e 15.000 do presente curso. De se confirmaren estes datos, estariamos ante un profundo baleirado dos dous centros de produción, así como da filmoteca galega, cuns acusados recortes orzamentarios cuxa lóxica respondería a un único interese: o desmantelamento. Polo tanto esiximos que a Consellería de Cultura clarifique os orzamentos destas institucións e non rebaixe en ningún caso as partidas orzamentarias coas que contarán en 2020.
Estes recortes foron denunciados onte no pleno pola deputada do BNG Olalla Rodil que, nunha pregunta parlamentaria, abordou a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, ao respecto do proxecto de orzamentos. Non obstante, a resposta do titular de Cultura non resultou nin clarificadora nin tranquilizadora en ningún caso, xa que nin confirmou nin desmentiu nin matizou as cifras, senón que evitou manifestarse ao respecto das contas previstas para o vindeiro ano e preferiu sortear a cuestión anunciando un novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) asegurando, ao tempo, que para a súa elaboración se mantivo contactos co sector profesional.
Dende a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) só podemos amosar a nosa perplexidade fronte o silencio ao respecto dos recortes e diante do citado anuncio, xa que nunca se informou nin se consultou nin se lle adiantou a esta Asociación a elaboración deste novo marco estatutario para Agadic. Ademais, non consta que se producisen contactos desta natureza coa gran maiorías das asociacións do sector escénico, músical e audiovisual, polo que consideramos que o estatuto se levou a cabo de costas á inmensa maioría da profesión e obviando o tecido asociativo profesional.
Desleixo, desdouro e irregularidades
A AAAG critica unha vez máis o desleixo e a falta de vontade coa que a Xunta de Galicia leva xestionando dende 2009 estas institucións. No caso do Centro Dramático Galego, somos testemuñas dende fai unha década do maltrato constante e reiterado que se exerce sobre unha entidade con máis de 35 anos de historia que, tal e como denunciou esta Asociación en reiteradas ocasións, viu como temporada tras temporada reducía a súa contratación, a súa produción, as súa xiras, os seus orzamentos e a súa repercusión entre o público. Ademais, a administración non foi quen de darlles solución até o momento ás complicacións burocráticas que asfixian o normal funcionamento do CDG. E se nos referimos ao Centro Coreográfico, cómpre destacar a escasísima produción e o descrédito que foi colleitando esta unidade de produción de danza na última década, chegando a picos de desprestixio tan notorios coma o do pasado mes de xuño durante a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo, no que o sector observou “múltiples irregularidades”.
Por último, esta Asociación esixe que o titular de Cultura e Turismo dea pronta e cumprida información ao sector sobre o futuro da Agadic e que clarifique as partidas económicas coas que van contar o vindeiro ano as citadas institucións, entidades que se viron constantemente minguadas os seus orzamentos. “

A Coruña: Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, o 23 de novembro

A IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción é unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
A Literatura Dramática, na súa evolución estilística a través da historia, configúrase como un xénero multiforme onde a palabra artella partituras de accións destinadas aos palcos da imaxinación lectora e, de ser posible, ao xogo dos palcos teatrais. Máis que de filoloxía deberiamos falar de dramaloxía, no sentido de que os parámetros fundamentais de composición da literatura dramática especulan coa arte da acción (drama, etimoloxicamente significa acción). Falar da palabra en acción, e do movemento que esta pode implicar, leva o xénero da Literatura Dramática a mesturarse coa poesía, a deseñar pezas paisaxe, a poñerlle texto á danza ou ao circo e, por suposto, a representar historias con personaxes que fagan de espello dos aspectos máis candentes da actualidade.
A Literatura Dramática é un filón de alto potencial, que en Galiza segue a manterse case no esquecemento. Por iso cómpre deseñar encontros e actividades que exploren e poñan en valor a Literatura Dramática Galega actual, enfocada nas súas múltiples virtudes de cara ao Ensino, porque no Ensino, con maiúsculas, está o futuro.
Por outra banda, un dos elos fundamentais desta IV Xornada é servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para atopar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Coa alegría dun nacemento, celebrámolo a xeito de festival e chamámoslle Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que, para este 2019, ampliamos a 6 proxectos que serán amosados e compartidos en público. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua. Para promover as sinerxías e o diálogo, abrimos, neste II Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, a unha proposta do país veciño.
Así pois, nesta IV Xornada de Literatura Dramática 2019. Cartografías da palabra en acción, preténdese mostrar a presenza da literatura dramática galega na actualidade, tanto no ámbito do ensino como a través doutras canles de comunicación como a edición ou a programación teatral. E, por outra banda, facilitar os procesos de creación en curso, no marco galego, en relación co portugués, colaborando no seu impulso.

Terá lugar o 23 de novembro de 2019 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 –como chegar-) | A Coruña, con entrada libre.

Inscrición 
Está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional por 8 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición).
Hai dúas modalidades de inscrición:
1. Para o profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario, a matrícula, gratuíta, farase desde o 21 de outubro até o 21 de novembro a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
2. Para as persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG desde o 21 de outubro até o 21 de novembro a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:30), e a Asociación de Escritoras e Escritores emitiralles un diploma acreditativo de asistencia.

PROGRAMA

Mañá
09:45 Apertura da III Xornada.
10:00 Mesa redonda A literatura dramática nas aulas.
Presentación e moderación: Olivia Pena.
Participan: María Vilariño e Manuel F. Vieites.
11:15 Mesa redonda A difusión da literatura dramática hoxe.
Presentación e moderación: Carlos Labraña.
Participan: Inma Doval e Manuel Xestoso.
12:30 Aula maxistral a cargo de Fernando Matos Oliveira​.
Aberta a todas as persoas interesadas. O autor, cun amplo coñecemento como estudoso e crítico da dramaturxia portuguesa contemporánea, falará sobre o papel da literatura dramática na configuración dunha cultura diferenciada e os camiños da dramaturxia portuguesa de onte a hoxe, mantendo posteriormente un coloquio co público presente.

Tarde
Entre as 16:30 e as 20:30 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 6 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou mostra desta. Entre os 6 proxectos, poderá seleccionarse tamén un proxecto portugués, para comezar a facilitar un intercambio e un diálogo entre as inquedanzas da creación actual galega e portuguesa.
O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipo de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai amosar.
No breve debate posterior ás presentacións búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.

Adiado o Paseo pola Pontevedra literaria. Outono 2019: MN Soutelo, previsto para o 23 de novembro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Este Paseo comezará ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.

Adíase a data prevista do sábado 23 de novembro, por causas meteorolóxicas.
A cidade imaxinada: unha memoria familiar
Con MN Soutelo.

O Festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, recibe o premio do Público da Culturgal 2019

Desde Sermos Galiza:
“O Festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, recibe o premio do Público da Culturgal 2019.
«Chove para que eu soñe», rezan as portas das vellas cortes da que fora casa do poeta do Courel por antonomasia. Hoxe en día, transformada en sede da Fundación Uxío Novoneyra, serve de cuartel xeral, entre outras moitas iniciativas, do festival dos Eidos, homenaxeando a famosa obra do escritor. A maxia e diversidade deste encontro valéronlle o apoio popular, consolidando o evento como gañador do Premio do Público Culturgal 2019.
Máis de 1.600 persoas votaron na rede durante dúas semanas, escollendo entre as tres propostas que, alén da gañadora, inclúen o Novos Cinemas de Pontevedra e o Club Clavicémbalo de Lugo. A candidatura dos Eidos recibiu 819 votos, impoñéndose sobre as outras dúas.
Os campos familiares dan nome a un festival relativamente mozo, que desde hai cinco anos constitúe unha axitación no remanso do agosto da montaña lucense. A festa trae á convivencia de veciñanza e visitantes unha celebración da poesía, da natureza e das artes.
O seu modelo transcende o típico para transitar os territorios do mestizo en tres xornadas cunha programación cultural que conxuga distintas disciplinas vencelladas ao literario: recitais, concertos, artes escénicas, roteiros, visitas guiadas, ou mesmo obradoiros.
Son as apostas da fundación para destacar o legado do seu poeta, contribuíndo á dinamización da zona. A organización entende o amor pola literatura como ferramenta para habitar e mellorar o mundo, nun utopismo que se fai realidade cada agosto, e que o público quixo recoñecer.
A entrega do premio será durante a feira Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o domingo 1 de decembro.”