Entrevista a Ramón Vilar Landeira sobre Un peixe no parqué

Desde Xerais:
Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, protagonizou un novo encontro do clube de lectura de Radio Fene Radiofusión, no que participaron Henrique Sanfiz, Esther Val, Tatty Lavandeira e Andrés C.M. Riveira, ademais do autor.
A peza pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”

Manrique Fernández: “Fállanos algo fundamental: a irmandade. A sociedade actual é terriblemente individualista e, en moitos aspectos, esmagadora”

Entrevista de Montse Dopico a Manrique Fernández en Praza:
“Tras Tres feridas e Crónicas de Embora, Manrique Fernández vén de publicar o seu terceiro libro de narrativa, Os anxos indecisos (Galaxia). Un monllo de relatos unidos, segundo conta o seu autor, pola indagación sobre o peso que, na vida, teñen as decisións: as que tomamos, e as que toman por nós. Falamos con el desta e das súas anteriores obras.
– Praza (P): Os anxos indecisos é, coma o teu primeiro libro de narrativa publicado, Crónicas de Embora, un libro de relatos. É unha escolma de relatos que escribiras desde Crónicas de Embora? Ou xurdiu xa como un proxecto de libro?
– Manrique Fernández (MF): Cando escribo un libro de relatos gústame concibilo como unha unidade independente: prefiro iso a facer un recompilatorio de cousas que foron quedando fóra doutros proxectos. Os contos de Crónicas de Embora tiñan en común un tempo e un espazo, e tamén un estilo máis próximo á literatura popular; Os anxos indecisos nace arredor da idea da forza que teñen sobre as nosas vidas as decisións, tanto as que tomamos nós como as que toman outros e que acaban por afectarnos.
Ás veces, son pequenas decisións que cremos intranscendentes e rematan por ter unha influencia enorme; outras, padecemos as consecuencias de decisións que toman outros; ou vémonos empurrados a tomar determinadas decisións… No fondo, escribo para indagar; e nese sentido Os anxos indecisos é un traballo de indagación sobre ese tema.
– P: Os anxos indecisos é, porén, moi distinto de Crónicas de Embora, que estaba máis relacionado coa tradición dos contos e lendas populares -como comentabas agora- coa escrita de clásicos do xénero coma Fole… Quixeches, dalgunha maneira, afastarte deste primeiro libro?
– MF: Non é que buscase afastarme de nada, pero as ideas sobre as que se alicercan ambos traballos son moi diferentes. En Crónicas de Embora buscaba precisamente iso, facer un texto ao estilo clásico, ao xeito da literatura que se facía aquí a mediados de século, máis entroncada coa tradición e a oralidade. Os anxos indecisos é moito máis contemporáneo, tanto nos temas que trata coma no seu enfoque. Creo que un acaba por escribir aquilo que lle gustaría ler, e eu sempre fun moi ecléctico nas miñas lecturas.
Quizais sexa por iso que trato de ofrecer cousas novas e non encaixarme en ningún estilo concreto; prefiro sentirme libre para facer o que me apeteza en cada momento. Se botas unha ollada cara a atrás, antes deste libro de relatos publiquei unha obra de teatro para nenos; antes, unha novela; antes, outro libro de relatos moi diferente a este; tamén teño unha biografía, un libro de conversas, outro de poemas narrativos… Como podes comprobar, traballos moi diferentes. (…)”

Mario Regueira, gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, crítico literario Mario Regueira, é o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelo de Montes. O artigo “Matar o recadeiro” foi o elixido polo xurado, que destaca como se aborda “con espíritu crítico unha realidade contemporánea laboral como é a das persoas que teñen que empregarse como ‘recadeiros’ – tamén chamados ‘riders’- baixo condicións absolutamente escravistas e vinculado coa aparición de novas formas de capitalismo”.
Eis o artigo:

Matar o recadeiro
Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.
Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.
Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.
A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.
Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.”

Xurxo Souto recibe o Premio Facer País

Desde Sermos Galiza:
“Unha vintena de colectivos culturais da comarca de Sarria, Val do Neira e O Corgo decidiron outorgarlle ao cantante, escritor e locutor Xurxo Souto o Premio Facer País. A entrega terá lugar o vindeiro 2 de novembro en Láncara, nun acto que reunirá representantes do mundo cultural de todo o país
Feliz e agradecido, nun primeiro momento Souto sentiuse desconcertado, pois consideraba que os seus méritos eran poucos. Porén, axiña acordou. Non era un premio individual, senón o dun movemento colectivo e xeracional: “Sinto que con este premio non se me recoñece a min, senón ás compañeiras e compañeiros do bravú”. Pois xustamente, comenta Souto, hai 25 anos “que un grupo de mozos rachou o tópico de que o galego non servía para o rock and roll”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.
O xurado valorou o “entusiasmo e forza” coa que reivindica a nosa lingua e a nosa cultura, “contribuíndo a que os demais, e sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo”. Souto móstrase ilusionado polo propio sentido do galardón, que alude ao que considera o seu mestre, Manuel María, e ao seu proxecto literario, político e social. O coruñés tamén destaca a ilusión de o recibir “diante da dinámica dun tempo en que se nos nega, coa nosa cultura invisibilizada”.
A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou “o valor e relevancia do premio que involucra unha vintena de colectivos da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo” e o labor que “desenvolven as asociacións de base no eido da cultura”. (…)”

Marín: presentación de Beleza vermella, de Arantza Portabales

O 18 de outubro ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 6), preséntase Beleza vermella, de Arantza Portabales, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Malores Villanueva, María Ramallo, Itzíar Álvarez, Susana Pedreira, Antón Sobral e Ramón Rozas.

Elena Gallego Abad publica a quinta entrega de Dragal

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Comezamos semana falando de literatura e dragóns. Dragóns que existen na nosa tradición e en moitas lendas galegas. Elena Gallego é a autora da saga Dragal, que chega a súa quinta entrega editada por Xerais.
Nalgún lugar da costa galega os dragalianos exploran os seus poderes. Híbridos entre humanos e dragóns, invisibles ao ollo humano durante milenios…poderán eludir a tecnoloxía do século XXI?
Mentres o cabaleiro alquimista ensaia a fórmula que garantirá a supervivencia da estirpe, as damas da Fraternidade alíanse para protexer a xestación dunha nova criatura.
Pero os inimigos do dragón non descansan: o achado dun pergamiño que desvela a existencia das catacumbas pode supor un desastre.
Dragal V explora os límites entre realidade e ficción científica para conquistar novos e vellos lectores. “Só quen se mergulle no sangue da lúa descubrirá o segredo do dragón”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”