Pontevedra: IV Xornada de Onomástica Galega, o 19 de outubro

Vigo: representación de Despois das ondas, sobre un texto de Ernesto Is

O 11 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.
Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.
Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se convirta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu Membro de Honra, Manuel Álvarez Torneiro

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Manuel Álvarez Torneiro, quen nos deixa na súa poesía un excepcional traballo formal ao servizo da reflexión humanística, no sentido máis amplo, coa utopía sempre no albo.

A Asemblea xeral de Socias e Socios da AELG nomeouno Socio de Honra en 2011, canda a Víctor Campio Pereira González, uníndose así á listaxe conformada por Jenaro Marinhas del ValleRafael DiesteRicardo Carvalho CaleroÁnxel FoleFrancisco Fernández del RiegoXosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Shey’Álvaro Cunqueiro e Celestino Fernández de la Vega.

Os ángulos da brasa foi Premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012, poemario que tamén sería recoñecido co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Educación e Cultura e o Premio da Crítica Española en 2013.

O seu corpo está sendo velado na Sala 1 do Tanatorio Servisa da Coruña. Mañá xoves, 10 de outubro, será incinerado ás 11:00.

Letra das Festas: Popurrí de orquestras, bises e verbenas

A Letra das Festas: Popurrí de orquestras, bises e verbenas, é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere.

Letra das Festas. A revista oral do San Froilán 2019
Popurrí de orquestras, bises e verbenas. Memorias desde o palco!
Non hai festa sen verbena, nin verbena sen orquestra, nin orquestra que non presuma de que lle pidan un bis!

​Mércores, 9 de outubro, ás 18:00
Salón de Actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Avda. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –perto da estación de autobuses–).
Entrada de balde.

Contan e cantan: 
Luís Cortiñas
Verónica Cambón
Gerardo Iribar
Tino López
Ambientación musical:
Tania Pérez
Coordinan e presentan:
Lois Pérez
Antonio Reigosa

Compostela: presentación de Co pai, de Xosé Neira Vilas

O 9 de outubro, ás 20:00 horas, realizarase no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a presentación de Co pai, de Xosé Neira Vilas, publicado por Galaxia. No acto participan Fernando Redondo Neira, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra, autora do estudio introdutorio.

Un ensaio sobre os soberanos da Galiza Castrexa gaña o Manuel Murguía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa é o título da obra gañadora da XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña. O seu autor, Martín Fernández Calo (Porto do Son, 1990), reivindica a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu. Gaña un premio de 6.500 € e a publicación da obra é o que recibirá o autor.
Un xurado composto por Xurado, Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria escolleron a obra de Martín Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva.
“A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa”, apunta o fallo do premio que destaca tamén que “a tese dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas, españolas e estranxeiras)”.
O xurado apunta ademais que o estudo está moi ben redactado e é moi preciso terminolóxicas e conceptualmente. “O autor sintetiza ben os obxectivos da investigación e os resultados acadados nas conclusións. E formula interrogantes cuxas respostas probablemente están enterradas nas ducias de xacementos castrexos sen escavar a día de hoxe”, sinalan arredor da obra.
Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval.
Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica.
Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, gañadora do Manuel Murguía, a esta intención xeral se adscribe a súa tese de licenciatura (USC, 2015): A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a.C.-VIII d.C.
O pasado ano publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018). Toda a súa produción académica, con referencias, resumos e eventualmente arquivos para a descarga, pode consultarse na súa páxina académica persoal.”