VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

Desde a Cidade da Cultura:
“Tes unha idea innovadora para emprender no ámbito das industrias culturais? A túa carreira profesional ou estudos van da man do deseño, a ilustración, a comunicación, a xestión cultural, a fotografía e o audiovisual, a creación artesá ou artística…?
Os VII Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco danche o apoio que precisas para facer realidade os teus proxectos!
Convocado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, este concurso ten como obxectivo impulsar a posta en marcha de ideas emprendedoras e proxectos innovadores no ámbito da creación e da cultura.
Podes participar en dúas modalidades:
– Aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural ou proxectos culturais na internet.
– Proxectos na área do deseño, a xestión cultural, e a creación artística e plástica.

PREMIOS
O premio en cada unha das modalidades inclúe:
– 3.000 euros para darlle á túa idea o pulo que precisa.
– Poderás incorporarte de balde, durante un ano, ao coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás.
– Asesoramento personalizado para desenvolver o teu proxecto durante a túa estancia no CEM.

CANDIDATURAS
O prazo de recepción de solicitudes está aberto entre o 5 de outubro e o 4 de novembro e as candidaturas poderanse presentar, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes, presencialmente ou por correo postal, no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Consulta máis polo miúdo esta información nas bases -publicadas no DOG do 25 de setembro (código de procedemento CT899A)- e no noso apartado de dúbidas frecuentes.
Os premios Emprende Gaiás – Sixto Seco contan coa colaboración do IGAPE e de Afundación.”

Máis información aquí.

Antonio Piñeiro gaña o IV Premio Neira Vilas de Novela Curta

Desde Sermos Galiza (foto: Fundación Xosé Neira Vilas):
“O escritor ribeirense Antonio Piñeiro resultou gañador do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con Esca, un relato “tenebroso” e con elementos simbólicos ambientado na ría de Arousa dos anos 20, concretamente no Balneario da Toxa.
Así o decidiu por unanimidade na súa reunión deste xoves o xurado deste galardón, composto por Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo, membros do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo crítico literario e profesor Armando Requeixo.
Segundo narrou Juan Andrés Fernández, de entre todas as obras presentadas, o xurado decidiu conceder o premio este ano á presentada por Antonio Piñeiro, da que destacou a súa “calidade literaria”, o “uso do vocabulario” ou a “posta en escena” da trama, ambientada nos anos 20.
Esca está ambientada no balneario da Illa de Arousa e ten como protagonista a un “vello burgués retirado”. “Ao seu ao redor viven unha serie de personaxes secundarios que van entrando e saíndo da novela dunha forma un tanto nebulosa”, destacou Juan Andrés Fernández.
Na trama conviven personaxes adultos e infantís cun “asunto tenebroso” e “elementos simbólicos” que se desenvolven nunha atmosfera de tensión crecente e que conflúen nun “brillantísimo final”, que permite ao lector comprender “gran parte da novela”.
Aínda que a calidade das 13 obras presentadas este ano levou ao xurado a ter que debater durante máis de dúas horas a decisión, finalmente foi esta “calidade literaria”, unida á súa riqueza léxica e ao impactante final, o que motivou a súa elección.”

Miguel Cavadas, María Caíña e Paula Marina García fanse cos premios literarios da USC

Desde Sermos Galiza:
Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega “unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero”, alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá.
As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa “orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”.
Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta “a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico”.
O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras.
A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de “fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua”. O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza.”

Escola de Escritoræs. Obradoiro Poéticas rebeldes: poesía infantil e xuvenil, con Fran Alonso, en Pontevedra

O Obradoiro Poéticas rebeldes: poesía infantil e xuvenil é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra. Será impartido por Fran Alonso, cunha sesión especial de Carlos Negro.

A poesía infantil e xuvenil conxuga a súa capacidade para seducir desde a lectura coa maxia da palabra, coa súa enorme disposición para o xogo e a súa vocación rebelde e subversiva. Sen dúbida, é un xénero, cheo de forza e de futuro. Nese curso coñeceremos e escribiremos poesía infantil e xuvenil penetrando nos seus segredos, mergullándonos nas súas formas, nos temas, nas voces ou nos silencios. Exploraremos a súa relación coa música, coa ilustración, coa oralidade e coa arte, sen esquecer os mecanismos para saber transmitila e os camiños que levan á súa publicación.

Terá 8 sesións de dúas horas cada unha.

Calendario e inscrición
– Haberá oito sesións de dúas horas de duración cada unha, os días: venres 25 e xoves 31 de outubro; venres 8, 15 e 22 de novembro, xoves 28 de novembro; xoves 5 de decembro e venres 13 de decembro de 2019.
– Horarios: de 18:30 a 20:30.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, gratuíta, no correo electrónico oficina@aelg.org.
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019: Elena Gallego Abad, o 26 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os Paseos comezarán ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.

Sábado 26 de outubro
Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella.
Con Elena Gallego Abad.