Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Viana do Bolo: presentación de Arelas de liberdade na Galiza, de Francisco Xavier Redondo Abal
Celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil con Ledicia Costas
Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Na biblioteca Ánxel Casal, a partir das seis e media, comeza a festa para celebrar o Día internacional do Libro Infantil. Pero, de feito, xa esta mañá noutra biblioteca, na Antonio Odriozola de Pontevedra, arrancaba a xornada coa lectura do manifesto da IBBY. Un manifesto co lema: ‘Os libros fan grande o máis pequeno’. Así que, tal día coma hoxe pareceunos boa idea convidar unha das autoras máis lidas e premiadas da literatura infantil galega. Ledicia Costas. A entrevista pode verse aquí.”
Mercedes Queixas: “Xandra naceu dun reto persoal”
Entrevista de Paula Vázquez a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Esta é a primeira vez que publica para nenos. ¿Como xurdiu a idea?
– Mercedes Queixas (MQ): Xurdiu hai moito tempo, a partir dunha petición da miña filla máis nova. Díxome por que non escribía cousas importantes e interesantes para nenos e nenas, no canto deses textos serios e aburridos que eu facía. Entón tomeino coma un reto persoal. Partindo deses relatos que ás veces lle lía a elas cando eran cativas, pregunteille que conto lle gustaría que escribise. Pediume que contase a historia dunha landra que quería voar. E así foi.
– LVG: O libro fala dos soños e da posibilidade que, como seres humanos, temos de conseguilos. Para lelo non hai un límite de idade…
– MQ: Creo que cando o escribín realmente pensei en min, ou en calquera persoa adulta. De feito, nunha das presentacións máis recentes, cando lle preguntei aos cativos por que lles parecía que eu escribira este libro, un díxome directamente «porque ti tamén querías voar». Sentinme absolutamente espida, tiña razón! Eu compúxeno porque preciso soñar. Mesmo sendo adultos, creo que nunca debemos renunciar á capacidade de aspirar a algo.
– LVG: Unha historia para crer e soñar, ter esperanza e nunca perderse. ¿Uns valores que se perden cada vez máis nesta sociedade?
– MQ: Si, estou segura de que me enriqueceron moito todas as lecturas de libros infantís que eu compartía coas nenas. Non nos podemos conformar con que as cousas teñen que ser así porque veñen dadas, porque todo o mundo as fai ou porque é o que se leva. Podemos ter diferentes desexos e traballar para acadar outros obxectivos. Con esta obra, quero compartir un convite que moitas veces me fago a min mesma, a voar e a non caer no inmobilismo e inconformismo. Debemos ter a nosa maneira de ver o futuro e o noso propio dereito a traballar por el. Este libro é algo así como unha chamada de atención, e paréceme fundamental transmitirllo ás crianzas.
– LVG: Xandra conta coas ilustracións de Paula Pereira. ¿Vostede tamén participou no proceso creativo?
– MQ: Eu entregueille o texto, e cando ela mo devolveu coas súas ilustracións foi cando me convencín a min mesma de que podía haber un libro. Antes non, para min só era un texto gardado nun arquivo. Ela tiña moitas ganas de experimentar co ámbito da ilustración infantil. A obra é un reto das dúas. Meu, á hora de construír un texto, e dela, á hora de artellar o plástico, de facer que esas palabras tivesen unha iconografía. (…)”
Vértice de versos: entrevista a Emma Pedreira
Vigo: mostra «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo»
Desde Afundación Vigo:
“Do 6 de abril en adiante podes visitar na Sede Afundación de Vigo a exposición «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo», un diálogo artístico entre obra visual-obxectual e poesía discursiva dos dous artistas, canda a interpretación plástica de poemas dun amplo conxunto de autor@s galeg@s. Remata o 28 de abril.
O diálogo artístico entre Baldo Ramos e Pepe Cáccamo desenvolve, a través do proxecto expositivo A dobre páxina, unha nova modalidade comunicativa no proceso de interacción entre a poesía discursiva e a poesía obxectual. O libro, a plataforma clásica da palabra, é agora o soporte físico das intervencións, tensións e conversas entre ambos artistas, creando libros-obxecto de fondo valor literario e estético.
A dobre páxina pódese entender como o terceiro proxecto despois de Cara inversa no 2014 e Libros conversos no 2016, no que os artistas foron dessenvolvendo esta conversa artística. Na mostra intensifícase a proximidade entre as poéticas discursivas e visuais de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. O libro de vello é a materia sobre a que traballan, intervindo cada un sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, en equilibrio ou contraste de estilos, con natural préstamo recíproco das linguaxes propias de cada autor. O obxectivo procura, alén do fortalecemento dos vínculos expresivos que van tecendo desde hai anos o seu diálogo creativo, a solución dun reto: construír pezas artísticas unitarias nas que se fundan –sen confundirse– e complementen as propostas individuais de cada autor. O mesmo horizonte perseguen as liñas de versos que, na parede da sala actuarán ao xeito de pé de foto.”