Desde
Praza:
“Manuel Rivas e Craig Patterson veñen de ser recoñecidos co Premio Ostana de escrita en lingua materna, un galardón que todos os anos entregan a vila de Ostana (no norte de Italia) e a Asociación Cultural Chambra d’Oc e que destaca autores e autoras en linguas minorizadas.
Nesta undécima edición Rivas foi galardoado co Premio Internacional, e Patterson co Premio á Mellor Tradución.Ademais, Til Stegmann (EUROCOM -Intercompresione lingue europee) recibiu o Premio Especial, Gerard Zucchetto o Premio en Lingua Occitana, Marcelo Martinessi (Guaranì – Paraguay) o Premio de Cinema, Franca Masu (catalán alguerés) o Premio de Música, e Dariya Martynova – Neseni (Even – Siberia) o Premio para escritores/as mozos/as.
Os galardóns comezaron a entregarse no ano 2008 e esta é a súa undécima edición. Na súa primeira edición Alfredo Conde foi galardoado co Premio Internacional, sendo este o único recoñecemento que ata agora fora para un galego. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Anaír Rodríguez: “A onda ultraconservadora actual está tentando neutralizar o movemento a prol da igualdade de xéneros”
Entrevista
a Anaír Rodríguez en Sermos Galiza:
“Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) vén de publicar o segundo volume de Pioneiras (Xerais), un libro ilustrado no que recolle once biografías de mulleres galegas que abriron camiño nos seus respectivos eidos e que pretende fornecer de ferramentas ás novas xeracións para “reverter a falla de referentes femininos” que existe na sociedade, nomeadamente no ensino.
No limiar do primeiro volume de Pioneiras (Xerais), a súa autora, Anaír Rodríguez (Vigo, 1978), alude a un estudo publicado recentemente pola revista “Science” no que se afirma que “as nenas se cren menos brillantes ca os nenos a partir dos seis anos”. A conclusión, dramática e desoladora, pon de manifesto que a desigualdade de xénero é un problema estrutural ao que, dun ou doutro xeito, contribúe a sociedade no seu conxunto. Por iso, esta filóloga decidiu escribir un primeiro libro ilustrado sobre unha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras nos seus respectivos ámbitos. Hai apenas unhas semanas saíu do prelo a segunda parte, integrada polas biografías doutras once mulleres pioneiras, descoñecidas para o gran público.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu a idea de escribir Pioneiras?
– Anaír Rodríguez (AR): Desde sempre tiña curiosidade por coñecer todas estas biografías de mulleres que non chegaran ata nós. Coñecía os traballos de Aurora Marco, por exemplo, que recuperou moitísimas biografías de mulleres galegas, ou o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, e pensei que toda esa información que chegaba a lectores específicos pagaba a pena ser divulgada e, sobre todo, facer que chegase as nenas e os nenos, que son dalgunha maneira os que están no momento de configurar a súa visión do mundo e eu creo que é fundamental que todo o legado das mulleres tamén se transmita á xente nova. Partiu dun interese particular e xurdiu a posibilidade de facer os libros e así foi. (…)”
New York: coloquio e recital con Francisco Álvarez-Koki
A AELG lamenta a perda do seu Socio Manuel Vilanova
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda de Manuel Vilanova.
Manuel Vilanova (Barbantes, 1944 – Vigo, 2019). Doutor en Filoloxía Románica pola UCM e Catedrático de Lingua e Literatura Española de Ensino Medio, é autor dunha obra poética en língua galega de exquisita envergadura composta polos seguintes volumes:
– A tarde cheia de verán (1979). Editorial Mogor.
– E direi-vos eu do mister das cobras (1980). La Región.
– A lenda das árbores de prata (1985). Edicións Nós.
– A esmeralda branca (2006). Follas Novas
– Antonio das mortes e a muller de verde (2010). Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
– Nin sequera no ceo (2011). Follas Novas.
– Un banco na Gran Vía (2016). Ir Indo.
– A substancia das horas (2017). Ir Indo.
– 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Pigmalión.
Tamén é autor dunha serie de libros poéticos de gran calidade en castelán:
– Mejor el fuego (1972). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El cazador de días (1977). Fablas Ediciones. Las Palmas.
– El quinto cáliz (1977). Diputación Provincial de Granada.
– Casa para los ojos (1988). Diputación Provincial de Málaga.
– El corazón del pan (2002). Fundación Jorge Guillén, Valladolid.
A poesía de Manuel Vilanova, fundamentalmente a chamada tetraloxía vilanoviana, composta por E Direivos Eu do Mister das Cobras, de 1980, A lenda das Árbores de Prata, de 1985, A Esmeralda Branca, de 2006, e Un Banco na Gran Vía, de 2017, semella estar transida pola cobiza do infinito. Concepto que, dado a volta, reflectido no espello, poderíamos considerar como rexeitamento da finitude. A extensión colosal deste discurso, case sen parangón no marco das poéticas contemporáneas, unida á súa permanente calidade, convérteo nun fenómeno a considerar.
Este rexeitamento da finitude, que o é tamén do silencio, do nada, e, por tanto, da morte, descrita como “a saída” e “o billete de saída”, é unha aposta pola vida, pola creación, pola palabra, polo discurso. E a partir de aí podemos estender o xogo de analoxías. Ao fondo o eco da proposta hegeliana da arte como “presenza do infinito no finito”.
Esta cobiza do infinito ten como marco enunciativo unha voz que percibe o infinito dentro de si a través de desmesura das linguaxes, desmesura que se deixa sentir nos infinitos signos do mundo, multiplicados polo devir, mais, sobre todo, na lingua verbal e as súas infinitas combinacións e sentidos. O mundo é unha desmesura e as nosas múltiples, incontables propostas de representalo tamén rematan por se converter en desmesura. Fronte ás tentativas das ciencias e das técnicas de mensurar o mundo, a poesía asoma como a proba tanxible da súa desmesura.
Aos seus setenta e catro anos, Manuel Vilanova, nado en Ourense en 1944, escribe un libro de setenta e catro poemas: 74 saudades para ascender aos ceos (2019). Un libro que é unha recapitulación existencial e, por tanto, un axuste de contas co vivido. Trátase de darlle un repaso ao relato do camiño, iso que, normalmente, atinxe o nome de autobiografía. Mais non esquezamos de partida que estamos perante un dos maiores poetas que teña dado este noso país no seu milenio xa sobrado de existencia e que, por tanto, esta codificación do mundo representado e achegado aos sentidos do autor non se vai producir dun xeito común senón, antes ben, modificado pola orixinalidade da súa voz peculiar.
Manuel Forcadela
O enterro terá lugar o xoves 7 de marzo, ás 5 da tarde, en Barbantes (Ourense).
Aquí podemos ver a longa entrevista publicada no Centro de Documentación da AELG, onde fala da súa obra.






