Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: presentación de Cociñando con Bolboretas no bandullo
Noia: presentación de Mulleres, de María del Carmen Rey Núñez
Cospeito: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2019
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Cospeito, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela
Desde
Sermos Galiza (foto cedida a Sermos Galiza):
“Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela, morreu o pasado 6 de marzo. Contaba 93 anos e un infatigábel labor de investigación e divulgación das culturas brasileira e portuguesa.
Ademais de volumes como Gramática portuguesa (1946), A poesia portuguesa actual (1976) ou A língua e a cultura portuguesa no tempo dos Filipes (1986), Vázquez Cuesta tamén dedicou os seus esforzos de filóloga á obra de ilustres autoras galegas, entre outras Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.
A profesora e filóloga nacera en Chantada en 1926. A súa nai, Modesta Cuesta, foi a primeira muller licenciada en Farmacia na universidade galega. O seu pai, Daniel Vázquez, deputado pola ORGA nas Cortes constituíntes da II República. Pilar Vázquez Cuesta titulouse en 1946 na Complutense de Madrid.
No 76 comezou como docente, tras gañar a oposición, de lingua e literatura portuguesas na Universidade de Salamanca e, a partir de 1982, como catedrática en Compostela. Despois de 1991, data da súa xubilación, continuou ligada a esta institución como profesora emérita.
Doutora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa e medalla Castelao da Xunta de Galiza en 1996, foi ademais tradutora ao castelán de escritoras e escritores portuguesas e brasileiras.”
Narón: presentación de A vida é dura antes dos 18, de José Luis Graña
Entrevista con Suso de Toro sobre Dentro da literatura
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista con Suso de Toro sobre Dentro da literatura. Pode verse aquí.”
Vídeo da presentación en Vigo de As ramonas, de Ana Cabaleiro
Tempos Novos: Conversa con Emma Pedreira, por Eva Moreda
Eva Mejuto: “Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Schindler e non temos idea do que pasou no noso propio país?”
Entrevista
de Montse Dopico a Eva Mejuto en Praza:
“(…) – Praza (P): Memoria do silencio é a historia, non moi coñecida, de tres irmás galegas que axudaron a fuxir por Portugal a centos de xudeus durante a II Guerra Mundial. Nelas inspíranse algúns dos personaxes da película Lobos sucios de Paula Cons… Como deches coa historia e por que te dediciches a tratala nunha novela xuvenil?
– Eva Mejuto (EM): Nunha conversa con Luís Bará arredor dun programa sobre a recuperación da memoria das mulleres. Eu en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) e cando Luis me falou delas, haberá cousa duns catro anos, xa me puxen a ler e a buscar toda a información posible, desde noticias en prensa, ata as ficcións creadas, máis ou menos libremente, sobre esta historia, coma os libros de Vicente Piñeiro ou o filme de Paula e a novela de Emilio Ruiz Barrachina, que saíron cando eu estaba xa detrás do tema.
A historia, por si mesma, sen adobíos, é absolutamente fascinante e pensei de inmediato que tiña que escribir algo sobre ela, sen ter aínda moi decidido que nin para quen. Despois de 22 segundos e de tratar directamente coa mocidade pensei que era unha historia necesaria para ese público, ter referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres, deixar de ver a historia narrada desde fóra. Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan, ao meu modo de ver, aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado e é fundamental que teñan esa perspectiva histórica que provoque unha reflexión necesaria sobre o pasado e o presente.
– P: As tres irmás teñen medo, pero é Lola a que ten un maior sentido da xustiza. Non podería aturar non facer nada. Como construíches as tres personaxes, coas súas diferenzas?
– EM: Tiven unha grande axuda co historiador de Ribadavia Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos. Falei cos dous en varias ocasións, déronme moita documentación da época (noticias da prensa, actas…), falei con parentes que aínda viven en Ribadavia, veciños que as lembraban e máis recentemente cun dos netos, que vive en Vigo.
Os propios actos de Lola e das irmás falan por si propios e son moi indicativos da súa forma de ser, como ir declarar en plena guerra a favor do alcalde, de Izquierda Republicana, que acabou sendo asasinado, levarlle comida aos presos que estaban a carón da súa casa, agochar na casa a un parente perseguido… todo isto xa nos dá a idea do tipo de mulleres valentes e xenerosas que eran.
Quen se atrevía a facer iso nunha época na que o medo o invadía todo? Das súas actuacións na trama de fuxida de xudeus na segunda Guerra Mundial non hai nada documentado, pero xa só co que sabemos do que fixeron antes e ao longo da súa vida, dá para construír unha parte importante dos personaxes. Logo os testemuños da xente que a coñeceu, que as tratou, deron para acabar de construír os aspectos máis emocionais, facer as personaxes máis redondas, os seus caracteres, a súa afectividade, a súa relación co resto da vila… Elas tiñan perfectamente delimitado cal era o papel de cada unha e sen dúbida Lola levaba a voz cantante. E como se trata dunha novela, está a parte de ficción, o meu punto de vista e a miña achega persoal, aínda que tentei ser o máis fiel posible á realidade. (…)”












