Artigo
de Susana Sánchez Arins na Sega:
“(…) Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia é um resumo/síntese da tese de doutoramento de Montse Pena Presas. O objetivo do seu trabalho é revisar a crítica feminista à LIJ e comprovar se esta deixou pegadas no sistema literario galego. A autora faz un recorrido desde os inícios na Galiza dos dous campos: o dos estudos feministas e o da produção de literatura infantil e juvenil, analisando se há ou não influências e relações entre esses dous espaços. Para isso recorre à clássica periodização cronológica, estabelecendo etapas desde a década de 20 do século passado até a atualidade.
Montse Pena estuda dous mundos marginais, não heterodoxos, nos seus respetivos campos: o feminismo entre as ideologias e a LIJ no sistema literário. E no recorrido que faz para nós, vemos como essa marginalidade fica refletida na ausência de visibilidade, mesmo no ocultamento, das suas respetivas achegas à cultura galega.
Na primeira parte do livro, na que para a analisar a existência de crítica literária infantil desde os movimentos feministas, damos com duas mostras deste silenciamento: a ausência de bibliografia sobre o tema, de materiais críticos, e de corpus de obras sobre as que trabalhar. Trabalho que deve fazer a autora se quer pesquisar, pois (quase) nada antes. Porque o movimento feminista houve de mover-se nas margens, fora dos espaços académicos e, só por isso, pode parecer que não existiu. Mas rastrejando as suas pegadas nas revistas da época, transcende a existência, sim, de grupos de mestras a trabalhar por boa parte do território na elaboração de materiais coeducativos e mesmo de materiais literários.
E vem aí a segunda mostra: as mulheres escrevemos literatura bem antes do que as academias e as histórias literárias oficiais marcam, só que estas unicamente atendem a literatura adulta, esquecendo a pensada para crianças que, igual que as mulheres1, entra dentro do campo da não-literatura. E assim, Montse Pena recupera os nomes das pioneiras e adianta anos o aparecimento de autorAs no sistema galego. Onde as histórias literárias académicas dão espaço às mulheres nos inícios do século XXI, Pena Presas coloca-nos o Pericles e a balea de Xohana Torres como título pioneiro, e dá conta da entrada doutras mulheres no sistema (Sabela Álvarez, Gloria Sánchez, María Victoria Moreno, Fina Casalderrey…). (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: palestra “Os Pinos. O Himno da Nazón de Breogán”, por Fernando López-Acuña
Compostela: presentación de Novas masculinidades, de Jorge García Marín
Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte
Desde
Agadic:
“Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios…), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.”
Lugo: presentación de Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos, de Xosé A. Fraga
Crónica videográfica da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral (II)
A
XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 27 de outubro de 2018 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Conferencia. Muller que sabe latín, non serve para min. Estefanía A. Lodeiro Paz:
– Mesa redonda. A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso (primeira parte). Con Antonio Reigosa, Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz:
– Mesa redonda. A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso (primeira parte). Con Antonio Reigosa, Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz:
Compostela: presentación de Chámame señora, pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva
Bueu: presentación de Contra todo isto e Vivir sen permiso, de Manuel Rivas
Adolfo Caamaño faise co I Premio de novela Vilar Ponte
Desde
Cultura Galega:
“O xurado da primeira edición do Premio de Novela Vilar Ponte, seleccionou esta fin de semana a Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) como gañador deste certame que convoca o Concello de Viveiro. Da súa novela Matar o heroe destacou a “súa solidez narrativa, tanto da estrutura como da ambientación espacial cronolóxica e dos personaxes”, así como o seu “contido universalista” e “a defensa do pacifismo e a non violencia, en consonancia cos valores cívico-sociais defendidos polos irmáns Vilar Ponte na súa traxectoria vital”. Caamaño leva un premio en metálico de 4.000 euros, mentres Rocío Leira Castro obtivo os mil euros do segundo posto coa súa obra Veleno en familia.
O xurado estivo formado polo cronista oficial do municipio, Carlos Nuevo Cal, o profesor de lingua e literatura Bernardo Penabade Rey, e a xornalista Alba Porral Quintillán. A entrega dos galardóns realizouse o 30 de novembro no Teatro Pastor Díaz.”





