Compostela: Encontro Carlos Casares, escritor e intelectual público, os 16 e 17 de novembro

INSCRICIÓN AQUÍ.

Carlos Lixó gaña o Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé

Desde La Voz de Galicia:
“A trixésima edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial de Fene, xa ten gañador, Carlos Lixó Gómez (Ribeira, 1991), graduado en Historia pola Universidade de Santiago e doutorando en Historia Medieval nesa mesma institución académica compostelá, que actualmente se encontra realizando unha estancia de investigación na Universidade Nova de Lisboa. Lixó fíxose co galardón pola obra Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, o seu primeiro poemario.”

Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto

Desde Sermos Galiza:
“(…) Sete meses despois, centos de persoas encheron o Teatro Colón da Coruña na primeira homenaxe nacional a Paco Souto nun espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial e que foi apresentado pola vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e pola viúva do poeta Emma Abella.
O tributo -convocado sob a lenda de “Atesourando a palabra”- reuniu unha nutrida representación das artes polas que Paco Souto profesaba un maior cariño: as plásticas, a poesía, a música… Rosalía Fernández Rial contou para este evento con poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, e músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou figuras do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa.
Elas e eles tomaron a palabra para, desde o afecto e a admiración, evocaren a figura dun escritor que, alén de producir a súa propia obra, foi un importante promotor da cultura na Costa da Morte, o seu territorio, nas diferentes artes. Gabaron non só o Paco Souto poeta, mais tamén o Paco Souto activista político comprometido desde o nacionalismo coa causa das clases populares e dos direitos nacionais de Galiza.
“Foi un grande axitador cultural, coa súa continua vontade para promover actos e iniciativas culturais. Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, sobranceou Rosalía Fernández Rial, quen louvou a súa actitude “voluntariosa e colaborativa”. (…)”

Compostela: intervención de Concha Losada Vázquez no programa Parladoiros no Museo

O luns 13 de novembro, de 18:15 a 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha nova sesión do programa Parladoiros no Museo, coa intervención de Concha Losada Vázquez, arredor de Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Arquivo dixital de fondos de patrimonio oral do Museo do Pobo Galego. Prégase puntualidade, por tratarse dun luns o Museo permanece pechado ao público.

XIV Curso de Formación. A LIX. Relacións texto-imaxe. Literatura e Memoria: Carlos Casares no ensino

O XIV Curso de Formación. A LIX. Relacións texto-imaxe. Literatura e Memoria: Carlos Casares no ensino terá lugar do 10 ao 11 de novembro de 2017. A AELG colabora neste curso coa Universidade de Santiago mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O presente curso ten como finalidade formar e informar sobre Carlos Casares como educador e escritor de Literatura Infantil e Xuvenil. O obxectivo é salientar a importancia das súas obras na formación lectora no Ensino Infantil, Primario e Secundario e demostrar que son imprescindíbeis na planificación da educación literaria. Esta formación está xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo dos graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita.

Convocan:

  • Universidade de Santiago de Compostela. Instituto de Ciencias da Educación. Grupo de Investigación LITER21
  • Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
  • Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Carga docente: 10 horas (a homologación ten que solicitarse individualmente unha vez rematado o curso á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como formación permanente do profesorado)

Datas de realización: 10 e 11 de novembro de 2017

Lugares de celebración:

Requisitos de acceso: mestres, profesorado de Ensino Secundario e Bacharelato, bibliotecarios. Calquera persoa interesada no tema

Matrícula: ata o 9 de novembro de 2017

Pagamento:

  • Prezo: 15 €
  • Nº de conta para efectuar o ingreso: Banco Santander (ES40-0049-2584-9022-1400-2210)
  • Concepto: Workshop/Seminario – “Literatura e Memoria. Carlos Casares no ensino”
  • Prazos de pagamento de matrícula: un único prazo

Número de prazas: 150


 

Programa

Venres 10 de novembro

Lugar de celebración: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Rúa de San Roque, nº 2, 15704, Santiago de Compostela)

16,30-17,00
Recollida do material

17,00-17,15
Inauguración: Secretario Xeral de Política Lingüística, directora do Instituto de Ciencias da Educación, director da Biblioteca Afundación e directora do curso

17,15-18,15
Literatura e Memoria.
Sara Reis da Silva (CIEC-IE-UMinho) e Blanca-Ana Roig Rechou (ICE-USC)

18,15-18,30
Descanso

18,30-19,00
Planificación cultural e educativa. Proxecto Galaxia: de Ramón Piñeiro a Carlos Casares
Armando Requeixo Cuba (CRPIH)

19,00-19,45
Carlos Casares no ensino, o seu labor como mediador docente e a súa obra para os máis novos
Mar Fernández Vázquez (ICE-USC)

19,45-21,30- A función da ilustración na obra de Casares. Taller de ilustración: Achega a propostas artísticas contemporáneas que poderían ilustrar as obras de Casares
Olalla Cortizas Varela, Cristina Trigo Martínez e Guillermo Calviño Santos (ICE-
USC)

Sábado 11 de novembro

Lugar de celebración: Biblioteca Afundación (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, 15701, Santiago de Compostela)

9,30 -10,00.
Carlos Casares tradutor
Ánxela Gracián (USC)

10,00-10,45
As obras de Carlos Casares no ensino infantil e primario. Unha proposta didáctica
Marta Neira Rodríguez (ICE-USC)

10,45-11,00
Descanso

11,00-11,45
As obras de Carlos Casares no ensino secundario. Unha proposta didáctica
Eulalia Agrelo Costas (ICE-UVigo)

11,45-13,45
Carlos Casares a través da ollada doutros creadores (Marilar Aleixandre; Concha Blanco; Carlos Labraña e Xosé Antonio Perozo)
Carmen Ferreira Boo (ICE-USC) e Isabel Mociño González (ICE-UVigo)

13,45-14,00
Clausura: representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega,
directora do Instituto de Ciencias da Educación, director da Biblioteca Afundación e directora do curso

Entrega de certificacións

Información

Universidade de Santiago de Compostela Instituto de Ciencias da Educación (ICE)
Telf. 881814470/881814475/881814478

ice.secretaria@usc.es
blanca.roig@usc.es
Universidade de Vigo/Universidade de Santiago de Compostela
Marta Neira Rodríguez
marta.neirarodriguez@ceu.es marta.neira@usc.es
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
oficina@aelg.org
Biblioteca Afundación Telf. 981 59 34 67 biblio.santiago@afundacion.org

Colaboran

  • Biblioteca Afundación
  • Rede Temática  “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIXMI)
  • Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) – USC
  • Asociacións: ANILIJ-ELOS; ELOS-GALICIA

Directoras
Blanca-Ana Roig Rechou e Ana María Porto Castro
Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela

Coordinación e Secretaría

  • Rocío García Pedreira, Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela
  • Marta Neira Rodríguez, Universidade de Santiago de Compostela/Escola Universitaria CEU de Maxisterio de Vigo
  • Isabel Mociño González, Instituto de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela – Universidade de Vigo – Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

A Coruña: Atesourando a Palabra, Homenaxe Nacional a Paco Souto

O sábado 11 de novembro, a partir das 20:00 horas, no Teatro Colón da Coruña, terá lugar a Homenaxe Nacional a Paco Souto Atesourando a Palabra. En coherencia coa personalidade e discurso artístico deste escritor, levarase a cabo unha posta en escena na que confluirán a poesía, a música e a plástica. Diferentes profesionais das distintas áreas dialogarán arredor da figura dun escritor amigo que nos deixou para sempre a súa voz. O prezo é gratuíto, sendo necesario retirar a entrada na billeteira do Teatro.
Coordina e presenta: Rosalía Fernández Rial. Participan: -Poetas: Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández e Paco de Tano. -Artistas plásticos: Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña, Abraham Vila. -Músicos: Aida Saco, Serxio Moreira, algúns músicos de Samarúas. Vídeo: Xosé Antón Bocixa Rei.

Xosé Monteagudo gaña o Premio San Clemente 2017

Desde Galaxia:
“A última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). (…)”