Cen anos de Pura Vázquez

Desde o Portal das Palabras:
“Escollemos este setestrelo de voces para celebrar o centenario do nacemento da poeta auriense Pura Vázquez, que brillou coa súa palabra literaria na segunda metade do século pasado, alén de ser a súa obra unha referencia para as promocións de autores e autoras que viñeron despois. Ela puido presumir de ser a primeira escritora que publicou unha obra no noso idioma logo do alzamento incivil de 1936, cando se pretendía afogar a literatura galega nas escuras augas da censura, o silencio e o exilio. En plena ditadura, Pura Vázquez amosa a seguridade e a fortaleza necesarias para transitar con paso firme por camiños que non eran doados naquel tempo para ninguén, e menos aínda, para unha muller: escribe e publica os seus textos, e faino no idioma propio, sen renunciar á defensa da galeguidade, nin no plano lingüístico, nin tampouco na reivindicación da historia e a cultura do país, a través de alusións expresas aos grandes referentes da nosa identidade secular, con Rosalía á cabeza.
Trataremos, entre outros aspectos da súa biografía, do seu traballo como mestra na etapa de infantil, da súa querenza polas artes e en particular pola música, do seu espírito inquedo e viaxeiro e, como non podía ser doutro xeito, da especialísima relación coa súa querida irmá, Dora Vázquez, con quen compartiu a vida e a paixón polo oficio de escribir en varias obras de feitura conxunta. Farémolo a través de sete palabras escollidas entre os seus versos que, por diferentes motivos, locen de maneira singular entre os seus libros de poemas. Querida Pura, comezamos!”

Lino Braxe dirixe a lectura dramatizada de A Soldadeira, de Luís Seoane

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Adaptación coa que a Fundación Luís Seoane continúa o ciclo arredor da obra dramática do artista. O director, Lino Braxe, afirma que “A soldadeira está moi vixente; as cousas que denuncia seguen estando aí”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro, Vigueses Distinguidos

Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo:
“O nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos constitúe para eles como poetas e narradores vigueses unha merecida honra da corporación do seu concello, que moito orgulla a Vigo na celebración da Reconquista 2018. Galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o maior recoñecemento que pode recibir unha obra publicada, Ledicia Costas en 2015 por Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais 2014), e Antonio García Teijeiro en 2017 por Poemar o mar (Xerais 2016), este primeiro agarimo da cidade onde naceron e na que escriben e publican a súa obra literaria supón, probablemente, para eles un emocionante exercicio de xustiza poética. Xaora, esta distinción constitúe ademais a constatación do éxito colectivo de todas as participantes nos proxectos da literatura infantil e xuvenil e do fomento da lectura en lingua galega, tantas veces agochados ou inxustamente minusvalorados, a pesar de constituír un exemplo da achega formidable da diversidade acuñada polas minorías, en todo caso fantasías realizables das que Ledicia e Antonio son activistas e destacados promotores. (…)”

Bases do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle

“1. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda convoca o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle.
2. Os orixinais estarán escritos en galego e a temática será libre.
3. As obras presentadas terán un máximo de 20 folios, en tipo de letra Times New Roman, e cun tamaño de letra de 12; ou ben mecanografados a dobre espazo.
4. Establécense un 1º Premio e dous 2º premios, os cales serán publicados nos Cadernos de Teatro Alexandre Bóveda. Asemade o 1º Premio será estreado, en formato de lectura dramatizada, por ACAB Teatro, o grupo teatral da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
5. O prazo de admisión de orixinais rematará o 1 de maio do 2018.
6. Os participantes e as participantes no I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle comprométense a aceptar o regulamento das presentes bases.
7. Os orixinais non serán devoltos aos autores e autoras.
8. Os orixinais serán enviados ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Rúa dos Olmos,16-18, 1º – 15003 – A Coruña. Figurando dentro do sobre tres copias, outro sobre no que constará no seu exterior o lema co que se presenta o traballo, e no seu interior, os datos do participante: Nome, enderezo, título da obra e teléfono, de contacto.
9. O xurado estará formado por profesionais do sector de recoñecido prestixio.”

Teresa Moure fala da plaquette Não tenho culpa de viver

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”O acto de escrever é um acto de verdade radical”. Teresa Moure fala da plaquette Não tenho culpa de viver, un conxunto de poemas asinados por Ana Brouwer, protagonista da súa novela Um elefante no armário. A entrevista pode escoitarse aquí.”