Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
O Premio Rosa dos Ventos 2018 recoñece a Fina Casalderrey
Desde
a Real Academia Galega (foto da RAG):
“A lectura dos libros de Fina Casalderrey deixou pegada nos mozos e mozas do Instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires. “Mergulláronnos na marabillosa cultura galega, a cal defendemos e defenderemos tendo a Fina -xunto a outros insignes intelectuais- como guieira”. Así queda reflectido na resolución da última edición dos Premio Rosa dos Ventos, que concede anualmente o alumnado de quinto de bacharelato deste centro arxentino-galego. A escritora e académica é a gañadora deste ano por decisión dun xurado que, xunto á calidade da súa obra e a súa “defensa comprometida da lingua galega”, quixo salientar o seu carácter.
“Fina tiña que ter a nosa Rosa dos Ventos“, expresan os mozos e mozas que resolveron o galardón, que valoran tamén a condición da académica como docente. “É ante todo mestra, e iso nótase cando un a escoita. Achega os conceptos dun xeito amable, sen estridencias, con agarimo…”, engaden sobre unha autora que puideron coñecer en persoa e que, “malia ser unha das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil”, é unha persoa de “talante modesto, respectuoso, cariñoso, cercano e optimista”.”
Compostela: presentación de Carne da minha carne, de Susana Sánchez Arins
Héctor Cajaraville, Premio Merlín de Literatura Infantil 2018
Amauta Castro: “Cómpre rexeitar elitismos, falsas vangardas, profanar a propia tradición e ir alén da cultura de consumo interno”
Entrevista
de Montse Dopico a Amauta Castro en Praza:
“O amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución -en relación co amor, tamén-. Son os eixos temáticos de A tarde. O desacougo, o poemario co que Amauta Castro vén de gañar o Premio de Poesía Pérez Parallé. Unha aposta, segundo conta o autor nesta entrevista, por un “modelo de escrita moi concreto”, baseado “nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku”. Amauta (seudónimo de Rafael Muñoz Castro) respondeu as nosas preguntas por correo electrónico desde Girona, onde vive.
– Praza (P): Antes de nada, como foi recibir a noticia do premio e que significa para ti?
– Amauta Castro (AC): Sei que sempre se di, pero non agardaba o premio. De feito pensaba que xa se fallara o sábado e que evidentemente eu non fora o galardoado. Cando o domingo á noite recibín a chamada da organización do Pérez Parallé quedei moi sorprendido.
Non vexo o premio como unha ferramenta comercial ou editorial senón como un recoñecemento ou un estímulo para alguén que sinxelamente procura o verso cada día. Os premios teñen unha natureza complexa, mesmo inxusta. É por iso que hai que coller folgos e continuar: “Y sobre todo, mirar con inocencia. Como si no pasara nada, lo cual es cierto”. A. Pizarnik.
– P: O poemario está dividido en catro partes: a primeira ten que ver co amor; a segunda coa escrita e a terceira e cuarta co amor outra vez, mais camiñando cada vez máis cara á escuridade (o desamor). Por que esa estrutura en catro partes? Algunha razón especial para que a estrutura de cada unha delas sexa como de pequenos poemas separados entre si por números romanos?
– AC: Trátase de catro plaquettes que poden ser perfectamente autónomas e lidas dun xeito individualizado. En troques, o que si que hai é unha liña estética común. Deféndese un modelo de escrita moi concreto, baseado nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku.
Os eixos temáticos son, por esta orde: o amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución (en relación co amor, tamén). A unidade vén dada, xa digo, por un tipo de poesía que eu defendo desde os últimos anos e que fun atopando a base de ensaiar as palabras día a día. O poemas son efectivamente curtos e responden a cadansúa unidade temática, e na súa orde interna seguen un fío non discursivo e están simplemente numerados. (…)”
Santiago: presentación de Gaiola aberta. Escolma de poesía infantil (1997-2017), de Xoán Neira
Tabela dos libros. Decembro de 2018
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros do 2018, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e felices festas!”
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.
Xesús Rábade Paredes gaña o primeiro premio Caldaloba
Desde
La Voz de Galicia:
“O xurado da primeira edición do certame de poesía Torre de Caldaloba, que promoveu o Concello de Cospeito, concedeu o premio a Xesús Rábade Paredes; mentres que o ouresán Paulino Peña Vázquez recibiu o segundo premio. Na categoría de menos de 18 anos, a gañadora foi Andrea Sanjurjo (A Pobra do Caramiñal), mentres que segundo foi Yaré Brea (A Coruña). O xurado valorou a obra gañadora, precisamente sobre a Torre de Caldaloba, “pola súa imaxinación e riqueza”. O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, amosaba a súa satisfacción polo éxito de participación, con 52 traballos presentados, e pola calidade dos mesmos, como destacou o xurado. Ademais, indicou «que foi unha sorpresa agradable que o gañador fose nado en Cospeito e unha figura relevante das nosas letras». O premio entregarase o sábado 15 de decembro, ás seis da tarde, no local social de Pino. O gañador recibirá 1.500 euros e a publicación da obra.”
Manuel Portas, premio Blanco Amor de novela longa
Desde
La Voz de Galicia:
“O escritor santiagués Manuel Portas Fernández foi o gañador do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Por puntos. O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, deu a coñecer hoxe o seu ditame trala reunión mantida no centro cultural Marcos Valcárcel, elixindo, de entre os 24 orixinais presentados ao premio, a obra de Manuel Portas presentada baixo o lema “Melquíades Sancristovo”.
O galardón, cunha dotación económica de 15.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Portas, destacando da novela Por puntos a súa «calidade narrativa», tratándose «dunha novela de interese para calquera tipo de lector, que recrea unha galería de personaxes interactuando nun contexto actual e urbano”. Na acta, tamén destaca o xurado que “este retablo de tipos humanos mantén ata o final unha tensión argumental, que é a que sustenta unha trama áxil e diversa”.
O xurado destaca do gañador que se trata «dun autor plenamente asentado e celebrado na nosa literatura, e a variedade de rexistros lingüísticos desta obra singulariza ás persoas que interveñen no relato e achega forza expresiva e autenticidade á novela». O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, «cuxa obra incrementa a calidade e nivel deste premio, o máis antigo e prestixioso da literatura galega».
A entrega do galardón tivo lugar o 1 de decembro no Liceo de Ourense, coincidindo co trinta e nove cabodano do autor da Esmorga. Durante o acto, o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio. (…)”



