Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A investigadora Aurora Marco é a autora do libro Elas, unha compilación de biografías de 400 mulleres galegas. A sede de Santiago de Afundación acolle agora unha exposición co mesmo título na que se amosan 38 cadros orixinais realizados por pintoras galegas que ilustran o libro de Marco. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ourense: presentación de Casares, de Ramón Loureiro
Entrevista a Arturo Casas no Día Mundial da Poesía
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““A poesía recupera os espazos públicos”. No Día da Poesía falamos co profesor e escritor Arturo Casas sobre a lectura e as expresións do poético. Pode accederse á entrevista aquí.”
Miguel Sande: “Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios”
Entrevista a Miguel Sande en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Mais esta novela [A candidata] non é de acontecementos, máis ben é de pensamentos. Está construída, en gran medida, en base a monólogos interiores. E o peso lévano dúas figuras femininas, ademais. Que dificultades ten pórse no corpo dunha muller e contar as súas emocións máis íntimas?
– Miguel Sande (MS): Eu non atopei dificultades por mor do xénero. O importante para min era dar coa voz e coa ollada. Iso é o que me importa da literatura. Neste caso, coido que o maior desafío foi converter en lírica esa intimidade, en especial a da filla. Eu tiña claro que quería afondar no máis recóndito de si pero debía evitar que o texto acabase sendo escatolóxico. Hai pasaxes que, de escribilos sen esa estratexia poética, habían parecer antiliterarios. E nese sentido, a min vénme ben ser amais de narrador, poeta e autor de teatro. Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios. No noso tempo cómpre saber pular as fronteiras expresivas. A miña parte de dramaturgo está moi presente na construción do monólogo, que é un xénero dramático ben recoñecido xa. A miña faceta poética valeume para construír o universo das personaxes cunha altura que a cotidianidade non me daba por si mesma. Sinceramente, para min o máis difícil é xustamente iso: atopar o ton idóneo para contar as cousas que quería contar con altura literaria. Deille moitas voltas antes de chegar ao resultado final.
– B: Explíqueme a que se refire con “atopar a voz e a ollada”.
– MS: É o que eu denomino Teoría da Lúa. Canto tempo hai que a humanidade olla para a lúa? Velaí está desde sempre. Desde sempre miraron para ela os seres humanos e desde sempre escribiron sobre o que vían. Ninguén que olle para a lúa e ignore o que xa se escribiu sobre ela pode chamarse escritor. O importante, en realidade, non é a lúa senón a ollada. A ollada é a parte da escrita na que temos que traballar para intentar conseguir dicir algo novo. Nesta novela, a voz da filla era a que eu consideraba crucial para encontrar esa novidade: tanto por esa intimidade da que veño falando como pola parte política da que se fala nese tramo. (…)
– B: Vostede é xornalista. Ultimamente son moitos os colegas de profesión que publican literatura, principalmente por mor da crise, que os deixou con máis lecer do que habían desexar. Incluso a profesora Dolores Vilavedra prognostica que no futuro inmediato esa impronta profesional hase notar na escolla de temas e de estilos. Está de acordo?
– MS: Non sei. Si é certo que hai máis xornalistas sen traballo e que iso pode motivar que teñan máis tempo para escribir literatura. Pero non acredito en que haxa un tipo de literatura “de xornalista”. O que si penso é que durante moito tempo a literatura galega mostrou unha realidade acomodada. Os temas que primaron eran os propios de quen ten máis ou menos a vida resolta. Coido que no futuro si intervirán novas voces que viven o paro e a precariedade, novos ámbitos narrativos aos que as nosas letras foron alleos nos últimos tempos. (…)”
A Coruña: recital de Celso Fernández Sanmartín e Natalia Toledo no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 27 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Celso Fernández Sanmartín e a poeta zapoteca Natalia Toledo. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2017.
“As cousas mudam, as palavras ficam. Carvalho Calero”, artigo de Xoán Costa
Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Carvalho Calero morreu o domingo 25 de marzo de 1990, mais na imprensa escrita a nova e as necrolóxicas correspondentes non apareceron até a terza feira día 27. (…)
Pasaron vinte e cinco anos. A súa casa natal en Ferrol derrúbase; sobre a súa obra e o seu pensamento, especialmente o lingüístico mais non só, paira o silencio, cando non o desprezo e o sempre reclamado “Día das Letras” non chega.
A figura de Carvalho segue a ser deostada polo mesmo oficialismo que o obsequiou con sentidas “laudatio funebris” nos periódicos desa semana. Mesmo hai quen considera que nada hai que lle recoñecer e que coa estatua erixida en Compostela xa sobexa.
E cal é a razón de tanta aversión, que mesmo se contradi co escrito hai 25 anos na imprensa por quen na altura, se erixían como representantes do galeguismo académico e que conclúen, en xeral, considerando Carvalho como un intelectual honesto, un investigador serio e unha persoa comprometida co seu país. Ou é que só se trataba das elexías póstumas interpretadas por carpideiras de pago? (…)
Entramos nos quiosques da Galiza de aquel 27 de marzo. Procuramos as principais cabeceiras. E lemos. (…)”
Vigo: presentación de O Segredo de Sheela na Gig, de Iolanda Aldrei
Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2017
Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:
Sábado 1 de abril (12:00 – 13:30 h): paseo con Emma Pedreira.
Este paseo é ao mesmo tempo un recital efémero, unha exposición fotográfica itinerante, unha homenaxe da poeta ao fotógrafo e ás rúas que pasearon e viviron xuntos como neta e avó, unha volta ao pasado nos tempos da guerra civil e, sobre todo, unha entrada exclusiva nun álbume de familia daquel neno que aprendeu o oficio da fotografía dentro dunha guerra.
Sábado 22 de abril (12:00 h – 13:30 h): paseo con Beatriz Maceda.
Camiñar, retornar ao barrio de Beiramar na compaña dos versos de Luísa Villalta e do pasado anarquista deste o meu lugar da infancia, que sempre mirou cara ao mar. No que aprendín que ser muller era sinónimo de afouteza, que os viquingos contaban historias máxicas e, que na vida hai barricadas.
Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.
Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.
Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir respectivamente das seguintes datas:
– Paseo con Emma Pedreira: inscrición desde o xoves 23 de marzo.
– Paseo con Beatriz Maceda: inscrición desde o luns 10 de abril.
– Paseo con Nacho Taibo: inscrición desde o luns 24 de abril.
– Paseo con Chisco Fernández Naval: inscrición desde o martes 2 de maio.