Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Madrid: presentación de No tempo de “Follas Novas”, en edición de Pilar García Negro
A Coruña: presentación de O rebumbio dos vagalumes, de Alberte Santos Ledo
I Excursión da ruta Costa do Solpor, o sábado 17 de outubro
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza a primeira excursión en autobús da Ruta Costa do Solpor para o sábado 17 de outubro de 2015.
Trátase dunha ruta turístico-literaria de un día que percorre os escenarios naturais da novela Costa do Solpor (finalista Premio Xerais 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria) de Xosé Mª Lema, na súa maior parte de grande interese paisaxístico, tal como se describen na sección O Territorio do/a Escritor/a da web da AELG, concretamente aquí. Visitaremos, entre outros lugares de interese: as ruínas do pazo de Boallo; litoral fisterrán, coa visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra e o castelo de San Carlos; a casa natal do Crego Sabio; litoral muxián: cabo de Touriñán e punta da Buitra, praia da Arnela, monte Cachelmo e a furna da Buserana; a vila maldita de infausto nome; litoral camariñán: cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo e a Serra das Penas Rubias; Valverde; os Coídos Xemelgos de Santa Mariña do Tosto; os valados litorais de Camelle e o Museo de Man.
O guieiro será o propio autor da novela.
– Saída de Vimianzo ás 10 da mañá do 17 de outubro.
– Xantar no Restaurante O Pinar (Os Muños-Muxía), ás 14:30 horas.
– De volta en Vimianzo: sobre as 8 da tarde.
– Prezo por persoa: 25 € (inclúe transporte en autocar e xantar).
Por rigorosa orde de inscrición. Se houber máis solicitudes de inscrición que prazas disponibles, daráselles prioridade aos socios/as.
Para anotarse, contactar con semescom.info@gmail.com Sigue lendo
María Solar: “Son escritora porque o levo dentro”
Entrevista de Carlos Loureiro a María Solar en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): ”A literatura é a arte de escribir algo que se le dúas veces; o xornalismo, a de escribir algo que se le unha vez.” Se puideres vivir de calquera das dúas facetas, quedaríaste coa perpetuidade do escrito literario ou co fuxidío do xornalístico?
– María Solar (MS): A perpetuidade do literario eu creo que está, lamentablemente, un pouco esvaecida nos últimos anos. Cada vez ter un clásico é máis difícil e o mercado nútrese das novidades. En todo caso, o xornalismo é a miña vida, e a escrita a miña paixón. Pero todo son caras da mesma necesidade que é a da comunicación. Síntome comunicadora por natureza. Sexa na radio, na tele ou nos libros contamos historias, facémosllas chegar ás persoas. Eu presento sempre para alguén, non lle falo a unha cámara, fálolle a unha persoa que me escoita e me ve. Nos libros igual, escribo para quen me le. A diferenza é que nun son historias reais, e no outro, invéntome mundos propios.
– NG: Na actualidade da nosa literatura vemos que aquela máis dirixida cara lectoras e lectores de menor idade está a pasar por un momento realmente álxido… Por que a túa pluma se dedicou até agora a escribir para estes receptores?
– MS: Non sabería dar unha razón. Non son consciente de que a haxa. Simplemente a idade a quen me dirixo márcama a historia que quero contar. Pero ollo, calquera dos meus libros teñen un solo pero non un teito. Pódenos ler nenos pero tamén maiores, para iso traballo con niveis de lectura, de xeito que o adulto profundiza máis nalgunhas claves que os nenos pasan por riba. E realmente creo nesa literatura “para todos os públicos” como o cine. (…)
– NG: Por que xogares coa mestura do absurdo e o onírico para chegares a un mundo infantil-xuvenil? Ah, e poderíase definir esta novela [O meu pesadelo favorito] como “obra infantil de humor absurdo”, tal e como apareceu por aí?
– MS: A novela é unha historia de humor absurdo e moito máis. Ten reflexión, ten critica social, fala das persoas diferentes, de que te fagan sentir raro, da perda dun ser querido… e de mil cousas máis, e está envolta no humor e tamén no absurdo como pilar creativo.
– NG: Dende logo que ás veces a realidade supera á ficción, como se soe dicir, pero é difícil encontrarmos literatura infantil-xuvenil sen o recurso do marabilloso, da ficción, non?
– MS: En O meu pesadelo favorito tiña claro que quería ter dous planos narrativos un, nunha realidade absurda (porque ás veces non hai nada máis absurdo e irreal que a realidade), e o outro no mundo dos soños e a febre, que me permitía crear os seres máis fantasiosos como Dinorrinco, Hipodrilo, O doutor Ensaio, O extraterrestre ZZC5, o bar das mentiras ou a propia Alicia que serve de ponte de unión entre mundos, e aínda que está presente en toda a historia só aparece cara o final. Eu divertinme facendo ese xogo entre o posible e o imposible. (…)”
Compostela: presentación de Xeixos, de Suso Lista
O mércores 14 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora. No acto participa, xunto ao propio autor, o editor Miguel Toval.
Yolanda Castaño, a un paso do Premio Nacional de Poesía, desde Canadá
“Finalista do Premio Nacional de Poesía, A Segunda Lingua (Premio Fundación Novacaixagalicia, 2014), a última entrega poética da compostelano-coruñesa Yolanda Castaño, quedaba recentemente ás portas do máis alto galardón do Estado. Logo de pasar oito de nove roldas de votación, na última delas o xurado decantábase por Luis Alberto de Cuenca, deixando a Castaño sen acrecentar o único nome galego que conta a historia deste recoñecemento poetico: Manuel Álvarez Torneiro no ano 2013.
A escritora estivo estes días no Canadá, facendo parte do XXXI Festival Internacional de Poesía de Trois-Rivières. A pesar de ser o máis lonxevo de Norteamérica e terceiro do mundo, este encontro mundial de autores nunca contara cun/a poeta de Galicia nas súas trinta anteriores edicións. Entre outros e outras participantes dos catro continentes, Castaño ofreceu máis de vinte recitais en galego e en tradución ao francés neste festival francófono que se celebra durante dez días de outubro cada ano no Quebec.”
Barcelona: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Vigo: presentación de Ostrácia, de Teresa Moure
A terza feira 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Ostrácia, de Teresa Moure, publicado por Através. No acto, xunto á autora, participa Manuel Bragado.
Vilaboa (Culleredo): tertulia sobre Culleredo na prehistoria, con Carlos Pereira
O mércores 14 de outubro, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Culleredo na prehistoria. A entrada será libre para o público interesado.