A Coruña: charla de Xesús Manuel Valcárcel sobre Xosé María Díaz Castro

O venres 16 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n.) da Coruña, Xesús Manuel Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro: poesía galega da paisaxe. Tamén se inaugura a exposición que organiza a propia Biblioteca arredor da figura de Díaz Castro.

Santiago: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal

O venres 16 de maio, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda de Santiago de Compostela (Rúa Travesa, 7, baixo), preséntase o libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas, nun acto onde estará acompañado por Francisco Macías. Seguidamente, ás 21:00 h., o público asistente poderá acompañar ao autor e proseguir a conversa en Fillos da Malte (Cruceiro de San Pedro, 14).

Carlos Negro: “As top model son as princesas Disney da actualidade”

Entrevista a Carlos Negro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): [En Penúltimas tendencias] Vostede métese na pel dunha adolescente que non quere converterse nunha muller preocupada por estar sempre fermosa e ir á última moda. ¿É que nestes 40 anos non se avanzou nada na igualdade de xénero e síguese fomentando a muller sumisa e consumista?
– Carlos Negro (CN): Aínda que si hai unha igualdade de xénero legal, seguen vixentes certos estereotipos, tanto físicos como de tipo vital. Nestes podemos incluir a presión que existe para que as nenas primeiro queiran ser princesas como as dos contos de Disney e, cando pasan á adolescencia, desexen ser top models. En realidade, as supermodelos son as princesas da actualidade. Pasa o mesmo cos estereotipos masculinos. A moda vende novos tipos de masculinidade, que en principio parecen positivos (como o coidado do corpo). Pero é que se manteñen actitudes, parellas a esta moda, na que se aposta polo macarra rebelde, depilado, pero que continúa sendo machista. Por poñer un caso, é o prototipo que ofrece Mario Casas na película Tres metros sobre el cielo. (…)
– FdV: ¿Foi difícil escribir a través dunha adolescente?
– CN: Sempre é complicado meterse na pel dunha personaxe para escribir, pero nesta ocasión tiven que facer ademais laborais de observación e de investigación, lendo revistas para adolescentes como Superpop ou vendo series para este tipo de público.”

A Coruña: presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz