Entrevista
de Ramón Nicolás a Xabier P. DoCampo na revista Qué leer, na versión en galego publicada no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que cambiou na LIX galega dende os seus inicios como narrador?
– Xabier P. DoCampo (XPD): A LIX en Galicia é un fenómeno literario que se inicia como tal ao comezo dos anos oitenta. Nese tempo comezamos a publicar unha serie de escritores e escritoras da miña xeración, e facémolo como resposta á carencia de obras na nosa lingua que se poidan propoñer como lectura nas aulas. Esta necesidade continúa, pero superouse a urxencia daquel momento.
– RN: Sempre conxugou, na súa obra, a calidade literaria co interese argumental…
– XPD: É certo que se trata de contar historias, pero a literatura faise na linguaxe, ela é quen xera o elemento artístico da obra. Importan as historias, pero máis importa contalas ben, conxugar eficacia narrativa e beleza literaria.
– RN: A súa última obra: A illa de todas as illas, é unha homenaxe indubidable á mellor literatura….
– XPD: É o meu tributo á literatura que nos converteu en lectores, a aquelas obras que na infancia e adolescencia, debuxaron na nosa alma o mapa do arquipélago onde habitan as palabras. Mais tamén é un libro sobre a lectura. Ler é unha aventura, a de buscar en cada libro o que nos di de nós mesmos. É un camiño de formación do individuo, porque lle vai dicindo de si e da súa relación co mundo. Eu non nego o que a lectura ten de pasatempo, esa é unha forma de ler, pero non a única, porque hai esoutra: a de saber de min. Esa é a que eu quero para a LIX, xa que a ela, sempre que sexamos esixentes coa súa calidade literaria, está encomendada a formación do lector literario. A LIX fai lectores, pero máis debe facer bos lectores.
– RN: Como acolle o recoñecemento próximo que lle tributan dende a AELG?
– XPD: Estas cousas hai que acollelas sempre como algo que nace no cariño e na xenerosidade dos que deciden que sucedan. Eu recíboo con agradecemento a esas persoas e a todas cantas se alegran de que isto aconteza.
– RN: A súa loita pola defensa do idioma galego é insubornable. Que é o máis necesario hoxe para asegurar a súa continuidade?
– XPD: Se a alguén, individuo ou pobo, o despoxan da súa lingua aniquilan a súa capacidade de recoñecerse no mundo e na historia. Xa sempre vagará como un ser adimensional. Todos os idiomas son igual de importantes, de grandes e, mesmo, de extensos, porque todos chegan aos confíns das persoas que os falan e os entenden, e os confíns da alma están alá onde o universo se curva e se fai infinito. Tan difícil é de entender que somos galegos porque falamos galego?
– RN: E para aumentar a base lectora?
– XPD: Os lectores e lectoras fanse na escola. A educación debe consistir en ler e escribir (e despois todo o demais, pero despois). En aprender a facelo con criterio persoal, pero harmónico coa historia. Ler axúdanos a facernos sabios e o ser humano naceu destinado ao saber.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo, unha das tres obras finalistas do Premio AELG ao mellor ensaio
Os
premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres obras finalistas do premio ao mellor ensaio A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores).
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXVI)
O
Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEIP Os Casais, de Fene, do seguinte xeito:
Betanzos: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas
Cuestionario Proust: Antonio Reigosa
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio Reigosa:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Quen me coñece di que son tranquilo e sensato. Oxalá!
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só afecto compartido.
4.– A súa principal eiva?
– Non saber nada, pero nada, de música. Pero teño moitas máis.
5.– A súa ocupación favorita?
– Saber que o que me apetece facer non ten urxencia.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sen présa.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lles pasase algo malo ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Viaxeiro profesional. Gastar a vida viaxando.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, a pesar de todo.
10.– A súa cor favorita?
– Entre o verde-prado e o azul-mar; non sei se terá nome.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da abrula. Anuncia a primavera.
12.– O paxaro que prefire?
– O carrizo, polo ben que fai o niño.
13.– A súa devoción na prosa?
– Juan Rulfo e Álvaro Cunqueiro. E outros moitos e moitas, claro.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro.
15.– Un libro?
– Só un? Pois Pedro Páramo, pero hai moitos máis que me interesan que xa lin, e outros que tamén me interesan e que aínda non lin.
16.– Un heroe de ficción?
– Gústanme os personaxes tipo Homer Simpson.
17.– Unha heroína?
– Brancaflor, a filla do Demo, polo que representa.
18.– A súa música favorita?
– A que se acompaña de voz, e que diga algo que me interese.
19.– Na pintura?
– Impresionismo e Surrealismo, sobre todo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non son mitómano, nin me gustan os heroes nin as heroínas.
21.– O seu nome favorito?
– Que empece por A ou por C, e que non sexa moi longo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía, o cinismo.
23.– O que máis odia?
– O incumprimento dun compromiso.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A todos os ditadores, tiranos e opresores de todo lugar e tempo.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Nas guerras sempre hai vítimas inocentes.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter calma nos momentos críticos.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme, e dentro de moito tempo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Animoso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que son produto da ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Con paciencia e unha cousa detrás da outra.”
A Coruña: presentación de Substantivos, petróglifos e barcos, de Isaac Xubín
O
venres 4 de abril, ás 19:00 horas, en Maquinaria pesada (Rúa Linares Rivas 45, locais 24-25) da Coruña, Isaac Xubín presenta Substantivos, petróglifos e barcos, un percorrido ao longo da experiencia vital e da literatura. No acto, o autor recitará poemas da obra.
Inma López Silva fálanos do seu último libro Maternosofía
Maniños, Fene: presentación de Ático, de Arsenio Iglesias Pazos e espectáculo Poetas da Hostia
O
sábado 5 de abril, ás 20:00 horas, na ACRD O Pote de Maniños (Estrada da Palma, 217, O Pombal, Maniños, Fene), terá lugar a presentación do libro Ático, de Arsenio Iglesias Pazos, publicado en Positivas. Con motivo do mesmo, haberá unha nova edición do espectáculo Poetas da Hostia, co participación, xunto ao autor, de María Lado, Lucía Aldao, Eduardo Estévez, Mario Regueira e Paula Carballeira.


