A Coruña: presentación da Asociación de Editores Coruñeses

O mércores 9 de abril, ás 12:30 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Durán Loriga 10) da Coruña, preséntase a Asociación de Editores Coruñeses, que nace coa intención de pór en valor a industria editorial coruñesa en toda a súa amplitude e diversidade, nun momento particularmente afectado polas circunstancias derivadas da actual crise económica, ofrecendo ao público máis de 1.000 títulos en catálogo e contribuíndo a dinamizar, a través dun amplo abano de intervencións e actos culturais, a realidade do libro e a práctica da lectura. Estarán presentes na rolda de prensa: José Manuel Fernández Cadahía, Tucho Calvo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Eduardo Riestra, Xan Arias e Ana Fernández Vilaseco.

Estilística da Lingua Galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, unha das tres obras finalistas do Premio AELG ao mellor ensaio

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres obras finalistas do premio ao mellor ensaio Estilística da Lingua Galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Xerais).

Tabela dos Libros de abril, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega outra volta a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boa lectura!»

Cuestionario Proust: Antón Cortizas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antón Cortizas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pregunteille ao espello: E ti de quen vés sendo? E non mo soubo dicir.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só amizade.
4.– A súa principal eiva?
– Ser eu mesmo, talvez?
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir o meu mundo e argallar trebelladas no obradoiro.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter e dar o agarimo necesario cando o necesitas e cando o necesitan.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lle pasase algún mal á miña muller e fillas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Bon.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, pero habitado por galegos con dignidade, amantes do propio e que non estivesen dia tras día tirando pedras contra o propio tellado, como acontece.
10.– A súa cor favorita?
– A verde, será por algo que descoñezo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Calquera que florece libre.
12.– O paxaro que prefire?
– A merla e mais o merlo, e logo todo o resto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto de ninguén.
14.– E na poesía?
– Tampouco son devoto, mais podo citar a Miguel Hernández, Lorca, Celso Emilio, Benedetti, Neruda, Rosalía…
15.– Un libro?
– Talvez o que aínda non lin.
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood… Era un que facía xustiza porque a xustiza non a facía?
17.– Unha heroína?
– A vendedora de mistos, do conto de Andersen, que foi quen de vencer coa fantasía e a esperanza, aínda que apenas durante o tempo de calor dunha caixa de mistos, a miseria dos miserábeis que viven a consta da miseria dos demais.
18.– A súa música favorita?
– A que consegue emocionarme, que é moita. A de Zeca Afonso, e a de tantos galegos que están facendo coa súa música que o noso país sexa un chisquiño máis fermoso.
19.– Na pintura?
– Favoritos non teño, porque non son moi experimentado neste terreo, mais podería citar a Brueghel, Van Gogh, e tantos máis; e acó, a carón, o Leandro…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Toda a xente do común que sobrevive acotío os asaltos e roubos do Capital e os seus secuaces, e que sabe onde é que está o mal que nos afoga.
21.– O seu nome favorito?
– Son tres: Catarina, Rosalía e Antía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Tres: que a xente falemos a berros esteamos onde esteamos, o incivismo de tirar papeis ou lixo ao chan e a tala indiscriminada de árbores.
23.– O que máis odia?
– A soberbia e a cobiza e, madia leva, o odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores todos e os que usan a democracia, mellor dito, o sufraxio universal -que a democracia aínda non chegou-, para armárense en ditadores, e a xente que lles fai a reverencia. Non habería ningún ditador, se non houbese xentiña, armada ou desarmada, que os defende.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A bondade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De morte morrida de vez, e a ser posíbel que a morte me pille xa morto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Talvez a saudade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os ocasionados pola ignorancia, mais non os causados pola estupidez.
30.– Un lema na súa vida?
– Outro mundo é posíbel, mais está neste.”

Chus Pato, autora do ano nos premios Irmandade do libro

Desde Sermos Galiza (a foto é da Federación de Librarías):
“A XXIII edición dos premios Irmandade do Libro que anualmente entrega a Federación de librarías de Galicia tivo lugar desta volta en Rianxo. A vila de Castelao acolleu a cerimonia de entrega que contou coa presenza, entre outras persoas, do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e do propio alcalde, Adolfo Muíños.
Nesta ocasión, os galardóns Irmandade do libro foron para Chus Pato, como autora e Ulises de James Joyce (Editorial Galaxia) como libro do ano 2013. Nas demais categorías trunfaron a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros como obra infantil e xuvenil e a Libraría Ramón Cabanillas de Cambados, que recibiu o recoñecemento da Federación nesta ocasión.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Valle Inclán de Redondela recibiu o galardón polo seu fomento da leitura. O premio Irmandade do libro á mellor colección do 2013 recolleuno a Colección Cociña infantil e familiar da Editorial Ouvirmos. En relación aos centros de ensino, a Federación premiou o CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal.
Os premios concedidos, explican desde a Federación, visan recoñecer “a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da nosa sociedade” polo que animaron a todo o sector a “non fechar os ollos” malia a situación económica e continuar traballando a prol do “libro e a leitura” como “ferramentas imprescindíbeis de progreso”. (…)”

Beatriz Maceda: “Man ensinounos a poder vivir con moito menos do que vivimos”

Entrevista a Beatriz Maceda en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Era Man tan especial?
– Beatriz Maceda (BM): Era unha persoa que non pode ser esquecida. Unha das funcións da literatura é a de reivindicar e comprometerse. Moitos nenos de agora xa non coñecen a Man, e para iso fixen o libro [Man, o Alemán de Camelle]. (…)
– LVG: Chegou a coñecer a Man?
– BM: Un amigo faloume del e fun a coñecelo. Nunca estivera en Camelle. Cando o coñecín non só me pareceu interesante como artista, senón que tamén ten moitos valores positivos para transmitir. Demostrou que se pode vivir con moito menos do que vivimos. E sobre todo, admíroo pola súa coherencia. (…)
– LVG: Que tal foi a acollida do libro?
– BM: Moi ben, xa vai pola segunda edición. Pero co que me quedo, sobre todo, é coas historias que me ocorreron. Non tiña experiencia en presentacións literarias e pasoume de todo. Na Feira do libro de Cee houbo un home que veu falar comigo e acabou chorando ao lembrar a Man. Viñeron a verme dúas mestras xubiladas que deron clase en Camelle, que o coñecían e tamén falaron del moi emocionadas. (…)”