Entrevista a Xosé Neira Vilas

EntrevistaXosé-Neira-Vilas-150x150 a Xosé Neira Vilas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Xa ten contado noutras ocasións que Memorias dun neno Labrego orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Efectivamente Memorias non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura. (…)
– NG: Agora, dende a súa perspectiva actual, á fronte da Fundación que leva o seu nome, como ve vostede a situación da literatura galega? E no que respecta ao futuro?
– XNV: A literatura galega vai ben a pesar da crise e a pesar de que merman lectores. Temos editoriais, concursos, premios nacionais e internacionais. Non é pouco para un pequeno país coma o noso e nas circunstancias actuais. En canto ao futuro, non sei, pero penso que seguirá consolidándose.
– NG: En canto a situación na que se atopa Galicia? Como era o pobo que deixou e como é o que atopou anos despois?
– XNV: Completamente distinto. Cando me fun, o ano 1949, a maioría das aldeas non tiñan nin electricidade. O tractor non se coñecía, as estradas non estaban asfaltadas, non existían os grupos escolares de hoxe. En fin, se nos poñemos a comparar as diferenzas son grandes aínda que queda moito `por facer e hai que seguir loitando para que se faga, para lograr un maior benestar para o noso pobo, e sempre mantendo a solidariedade cos que menos teñen.
– NG: E un home do seu compromiso social e cultural, como valora a situación actual na que nos atopamos?
– XNV: A actual situación, en sentido xeral, é moi complexa, algo así como un impase do que non sabemos o que sairá. Son optimista, aínda que tamén realista. Penso que todo cambiará para mellor. Malia á corrupción, etc. (…)”

Compostela: charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar

O martes 18 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría O Fogar das Palabras (Rúa dos Castiñeiros, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, que presentará a novidade Mel de abellón, do sueco Torgny Lindgren.

Cuestionario Proust: Henrique Alvarellos

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Alvarellos:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ardiente paciencia da que falaba Neruda.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Autenticidade
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto (obviamente) e sentido do humor.
4.– A súa principal eiva?
– Inseguridade?
5.– A súa ocupación favorita?
– O meu traballo (sic).
6.– O seu ideal de felicidade?
– A doce normalidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir de preto e non poder evitalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son (sen as devanditas eivas).
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Falando da percha, calquera escura (negro, marrón, azul).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Mapoula espontánea na beira de calquera estrada.
12.– O paxaro que prefire?
– Vencello (sempre no máis alto de xuño…).
13.– A súa devoción na prosa?
– A boa prosa poética. Tamén o xornalismo literario. E o ensaio.
14.– E na poesía?
– Imposible elixir. Un quere poesía en todo. É unha vontade.
15.– Un libro?
– Segundo as épocas fóronme marcando varios e moi distintos: Quijote, Cien años de soledad, a narrativa e a poesía de Cunqueiro (Herba aquí ou acolá), a poesía luguesa de Pimentel ou Novoneyra, De catro a catro, Música para camaleones, Mortal y rosa, Livro do desassossego
16.– Un heroe de ficción?
– Do cinema reteño dende a adolescencia a miña querenza por ser coma Jeremías Johnson.
17.– Unha heroína?
– As mulleres de Vermeer, por exemplo.
18.– A súa música favorita?
– O pop, o jazz clásico, o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Os azuis de Lugrís, os ollos de Díaz Pardo e tamén de Modigliani, os trazos e as cores de Seoane, as cinzas de Nóvoa… En fin.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os anónimos.
21.– O seu nome favorito?
– Pablo, Manuel e Marta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falsidade (cuberta de sorriso).
23.– O que máis odia?
– Vid. 22.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Sen fuxir da pregunta, permíteme lembrar un refrán que adoitaba dicir meu pai: “Un general, por lo general, carece de cultura general”.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido (e, ao mesmo tempo, moi tarde).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimismo (debe de ser xenético, porque non se entende).
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os de “yo, mi, me, conmigo” (Ai, a vanitatis!).
30.– Un lema na súa vida?
– Cada día é un mundo que hai que percorrer.”

A autoestrada do sur na nosa lingua no duplo aniversario de Cortázar

Desde Sermos Galiza:
“O 12 de febreiro de hai trinta anos, morría Julio Cortázar en París. Trinta anos despois do seu pasamento e cando se conmemora o centenario do seu nacemento, a Editorial Trifolium publica en galego A autoestrada do Sur, en tradución de Francisco X. Fernández Naval. (…)
Cortázar, do que este ano se cumpre un duplo aniversario, visitou Galiza e tivo unha relación intensa co país, da man da galega Aurora Bernárdez coa que casaría en 1953.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, tradutor do libro, é tamén autor de Respirar por el idioma. Los gallegos y Julio Cortázar, editado na Arxentina por Corregidor. Entre outros episodios que relacionan ao escritor con Galiza está o ter tido como editores a Lorenzo Varela e Luís Seoane e entrou en contacto tamén con exiliados como Rafael Dieste, domicilio arxentino no que o autor escribiu escribiu El examen“.

Alva Martínez Teixeiro gaña o Prêmio de Literatura Brasileira do Itamaraty

Alva Martínez Teixeiro obtivo, co ensaio A linha de sombra de uma suspeita lição de zoologia, derivado da súa investigación sobre a obra da escritora brasileira Lygia Fagundes Telles, o primeiro lugar do Prêmio de Literatura Brasileira do Itamaraty, convocado polo Ministério das Relações Exteriores –coñecido como Itamaraty– do Brasil. O premio ven do IV Concurso Internacional de Monografias, que o Itamaraty desenvolve desde 2005 para divulgar a literatura brasileira no exterior. Cada ano é dedicado a un autor brasileiro como tema das monografias: a recoñecida escritora paulista Lygia Fagundes Telles, ocupante da cadeira 16 na Academia Brasileira de Letras, foi o tema deste ano.
Este premio, que no primeiro lugar supón tamén para a gañadora un montante de 20.000 dólares USA, conleva a publicación dos cinco ensaios premiados polo Ministério das Relações Exteriores, en libro de distribución gratuíta e voltado á difusión da cultura brasileira.

Cuestionario Proust: Antía Otero

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antía Otero:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A intuición
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade e xenerosidade…, mais tamén sei que ás veces agardar o mellor dos demais é arrogante.
4.– A súa principal eiva?
– A elevada autoesixencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non creo nos estados ideais en canto á felicidade. Creo máis en sacarlle o zume a aqueles polos que transitamos, aínda sendo moito máis difíciles.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter nada polo que ilusionarme e ninguén con quen compartir as ilusións.
8.– Que lle gustaría ser?
– A mellor versión de min mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
– No mesmo no que vivo. Con moitos cambios, iso si.
10.– A súa cor favorita?
– Tódolos azuis.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Esas primeiras rosas do ano que me regala a miña avoa Rosalía e que ten na súa horta.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco cando teño a sorte de escoitalo.
13.– A súa devoción na prosa?
– A devoción é algo que se vai alimentando e repártese pouco a pouco entre libro e libro. A miña é moi variada. Dende David Foster Wallace, Boris Vian ou Unica Zürn ata Samuel Solleiro e Marcos Calveiro.
14.– E na poesía?
– Dende Baudelaire a Sharon Olds, Xela Arias e Ana Romaní.
15.– Un libro?
– Aquel que aparece cando máis o preciso.
16.– Un heroe de ficción?
– Sempre fun máis dos antiheroes
17.– Unha heroína?
– Pentesilea.
18.– A súa música favorita?
– A que trata de non repetir e colócase na vertixe.
19.– Na pintura?
– A que sae do marco e expándese.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña avoa e o meu avó… (se virades todo o que fan e como afrontan a vida coa idade que teñen… entenderíadelo).
21.– O seu nome favorito?
– O que vai ter a miña filla.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– Os prexuízos e o patriarcado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores, os que se reencarnan en ditadores e os que soñan con selo.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar?… Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Creo máis no traballo continuo que nos don(s).
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa. Durmindo e sen enteirarme de nada, despois de cear con moita fame, beber con moita sede e rir con moitas ganas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Fun aprendendo a abandonar a melancolía e acollerme aos estados creativos.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non teñen mal fondo.
30.– Un lema na súa vida?
– Anque estou completamente en contra da caza, gústame o significado deste: “Non gastes pólvora fina en pardais”.”