Santiago: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

O venres 15 de novembro, ás 16:30 horas, no pub Modus Vivendi (Praza Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar unha roda de prensa de presentación da novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Mercedes Queixas: “A forza da nosa literatura non deixa de abraiarme”

Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Ademais de filóloga, investigadora e profesora -imparte clases no colexio Xosé Pichel de Coristanco- Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que ten de particular a web da AELG?
– Mercedes Queixas (MQ): É unha páxina moi potente e hoxe en día é o maior centro de documentación e de coñecemento sobre os escritores e escritoras actuais. É unha ágora, unha porta de entrada á súa vida e á súa obra que conta con máis de 420 socios e socias, a inmensa maioría da xente que está a crear na literatura galega.
– LVG: ¿Superouse xa o receo dalgúns escritores cara Internet?
– MQ: Eu penso que todo pode convivir. De feito segue a haber unha produción dinámica en papel, pero ao mesmo tempo os autores e autoras xa se están incorporando ás edicións dixitais. Estamos dando mostras de vivir canda o tempo actual e de buscar plataformas para achegarnos a todo tipo de públicos, porque haberá lectores que preferirán sentir o papel e outros que prefiran manexarse noutro soporte. A literatura non ten barreiras de seu e non imos ser nós os que llas poñamos.
– LVG: ¿E no seu caso é dos que prefiren o papel ou emprega o ordenador a cotío?
– MQ: Eu tiven o meu tempo de transición porque son gutemberiana, unha recén chegada ás novas tecnoloxías; non son diso que xa se chama nativo dixital, pero moi recentemente me decatei de que cada vez emprego menos o papel, polo menos para unha escrita máis elaborada. Aínda o preciso para tomar notas, para recoller ideas que xorden no tempo menos pensado e no lugar menos acaído, pero cando xa me dispoño a elaborar iso fágoo directamente sobre o teclado.
– LVG: ¿En que está a traballar agora?
– MQ: Estou elaborando unha nova historia xeral da literatura galega. Será nun formato divulgativo para intentar que calquera persoa, independentemente da súa formación se achegue a unha literatura que leva en activo desde finais do século XII, que tivo épocas brillantísimas así como outras de sombras provocadas sempre por axentes externos, e que agora segue a dar unhas mostras de vitalidade, de forza, de capacidade de creación e renovación que a min non deixa de abraiarme.”

A Coruña: presentación de Ningún precipicio, de Olalla Cociña

A sexta feira 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase Ningún precipicio, de Olalla Cociña, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participan Iago Martínez e Dores Tembrás.

O Grove: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, no espazo da Galería Besada (Rúa Concepción Arenal, 18) do Grove, preséntase Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Álvarez e Dunia Álvarez.

Noia: mesa redonda Francisco Fernández del Riego. Camiño (ben) andado

O venres 15 de novembro, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar unha mesa redonda cos seguintes participantes:
– Mª Dolores Cabrera, padroeira da Fundación Penzol. Presentación e coordinación.
– Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol. Relatorio: Francisco Fernández del Riego e a Penzol e outras institucións.
Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia. Relatorio: Francisco Fernández del Riego, Galaxia e a revista Grial.
– Xurxo Martínez, escritor e investigador. Relatorio: Don Paco e a mocidade.
Ao longo do acto proxectarase o vídeo Francisco Fernández del Riego. No río do tempo (1913-2010) de Félix Vidal.

Betanzos: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, Manel Cráneo presentará a súa obra de banda deseñada A Torre dos Mouros publicado por Demo Editorial. Participan Antón Malde, Manuel Gago e Manel Cráneo.