Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Santiago: Procesión da Santa Bolaña
A Estrada: entrega do Premio García Barros, de Santiago Lopo
O
venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a entrega do Premio Manuel García Barros a Santiago Lopo, pola súa novela Hora zulú.
Coñécense os gañadores do XIII Certame Os viadutos de Redondela
O
xurado do XIII certame literario de relatos curtos Os viadutos, formado polas escritoras Inma López Silva, Rexina Vega e Luís Manuel García Mañá, acordaron conceder o primeiro premio do Certame ao relato titulado A preocupación dos pés quentes, de Javier González Saavedra, así como outorgar un segundo premio ao relato Érase unha vez un francés, un italiano, un viaduto e a vila, de Pablo Mosquera Pereira.
Da obra gañadora o xurado salienta que o autor é unha persoa capaz de contar unha historia ampla, unha voz incómoda que afonda nas contradicións sociais para informar das circunstancias de todas as relacións humanas.
Este Certame literario está organizado pola a Concellería de Xuventude do Concello de Redondela.
Corcubión: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro
Lousame: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2012
O
sábado 15 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Lousame convidan á saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2012, nun acto no que estarán presentes Manuel Cartea, Xesús Laíño e Teresa Villaverde Pais. Ao remate da presentación do volume, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2012.
Santiago: presentación do libro Tempos dixitais
Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura
O
venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.
Lídia Jorge, Escritora Galega Universal
O
Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou nomear Escritora Galega Universal a autora portuguesa Lídia Jorge. Este recoñecemento sustentase en sólidos argumentos: o seu compromiso ético coas causas da dignidade do pobo portugués e por ser creadora dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Portugal como nos máis diversos idiomas ao que foi traducida, no que a muller portuguesa ocupa un lugar de centralidade. Lídia Jorge é talvez a escritora en activo máis recoñecida das letras portuguesas, afirmación na que concordan a crítica máis exixente e o público lector.
Con este nomeamento, Lídia Jorge súmase á lista de Escritores/as Galegos/as Universais conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro.
Lídia Jorge licenciouse en Filoloxía Románica e preferiu ser profesora do ensino secundario a asistente na facultade para ter tempo para escribir. Leva 30 anos de carreira, con 15 volumes maiores alén de varias decenas de ensaios e contos. A súa mestría no dominio da lingua portuguesa fica patente neles, nun estilo de sintaxe ampla que ilumina as profundidades por onde guía con naturalidade a lectura.
O recoñecemento chegou cedo, despois de A Costa dos Murmurios (1988) que decorre na África da colonización portuguesa durante o período bélico. O éxito dese romance abriu camiño para unha adaptación fílmica de Margarida Cardoso igualmente premiada. A forza da vivencia psicolóxica das experiencias femininas xa estaba nese libro, nas dúas mulleres centrais, Evita e Helena. Tamén en Notícia da Cidade Silvestre existe un binomio feminino, Júlia Grei e Anabela Cravo. Mulleres e densidade tamén na súa máis recente obra, precedida por O Romance do Grande Gatão (2010), Contrato Sentimental (2009), Praça de Londres (2008), O Grande Voo do Pardal (2007). E anteriores que xa por aquí circularon con éxito: Combateremos a Sombra (2007), historia dun psicanalista que vai servir de pretexto para nos revelar unha ousada realidade de misterio absolutamente inesperada; O Belo Adormecido (2004), seis contos con protagonismo para xoves e adolescentes; O Vento Assobiando Nas Gruas (2002), confronto de dúas familias desemellantes, unha delas acabada de chegar de África, historia que recolleu o Grande Premio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas/Casino da Povoa, e cuxa publicación na Alemaña coincidiu co Premio Albatroz da Fundação Günter Grass polo conxunto da obra. O Vale Da Paixão (1998), Premio D.Diniz da Fundação da Casa de Mateus, Premio PEN Clube Português de Ficção, Premio Máxima de Literatura, Premio Bordallo de Literatura da Casa da Imprensa e Prix Jean Monnet de Littérature Européenne. En fin, a lista de premios, como a de títulos, é longa, como tamén a enumeración dos países onde se acha publicada, Francia, Alemaña, Brasil, EUA, España, Grecia, Suecia, Italia, Israel, Islandia, Iugoslavia, Reino Unido…
A Noite das Mulheres Cantoras é o mais novo romance de Lídia Jorge. Retrata admirabelmente, como noutras ocasións, as mudanzas nun cadro realista, histórico e social desta vez máis recente, a acción a rodopiar à volta do final dos anos 80 do século XX, e cun tema, como avisa a editora, «de inesperada audacia –o da forza da idolatría e a construción do éxito– visto a partir do interior dun grupo, narrado 21 anos máis tarde, na forma de monólogo». Grupo e construción do éxito dentro do ambiente da música, unha atmosfera exposta con autenticidade na que se inscribe a historia de varias raparigas, banda de ‘mulleres talentosas’ aí mergulladas, nunha montaxe en libro que consegue seducirnos desde a primeira á última páxina.
Santiago: presentación da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda. No acto participan Aurora Marco, Carmen Blanco e Begoña Caamaño.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.




