Poesiagalega.org: Un final de etapa

poesiagalega.org é unha iniciativa do GAAP que se materializou polo apoio inicial do Consello da Cultura Galega e pola obtención posterior de financiamento público a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia (Programas Sectoriais de Investigación Aplicada: Sociedade e Cultura). O 4 de decembro de 2012 remata o ciclo trianual do proxecto de investigación vinculado e ábrese unha xeira nova na que a produción e actualización de contidos do repositorio dixital diminuirá sensibelmente por mor da dispersión do equipo, que nalgúns casos supuxo ademais a perda de postos de traballo.
O anterior non supón que o repositorio e base de datos deixen de estar operativos. Todas as ferramentas de procura e a totalidade de arquivos dispostos seguirán conservando plenamente as súas funcionalidades. A diferenza coa etapa anterior é que non se incrementarán contidos co ritmo que até agora se puido manter. (…)”. Desde poesiagalega.org.”

Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas

O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.

Entrevista de Pemón Bouzas a Agustín Fernández Paz sobre O rastro que deixamos

Desde Xerais:
“O programa da TVG O Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, emitiu unha entrevista a Agustín Fernández Paz polo seu libro O rastro que deixamos

As entidades da lingua dan o apoio á RAG no mantemento orzamentario

“A presentación dos Orzamentos Xerais do Estado do goberno de Rajoy para o 2013 en que figura que a Real Academia Galega recibirá só 340.000 euros, un 70% menos que o millón de euros que recibía no último ano do goberno do PSOE en Madrid, tivo a súa resposta oficial por parte da RAG e causou un gran malestar en numerosas entidades. As declaracións do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, dunha “posíbel” desaparición da institución se esta quedaba sen fondos provocou unha reacción de apoio unánime á continuidade e unha defensa directa fronte a actitude de discriminación do goberno español.
No Instituto da Lingua Galega (ILG) Antón Santamarina, asegurou que aínda que non teña ningún tipo de axudas a RAG continuará, viviu sen subvencións no franquismo e o que esta a pasar agora é unha crise que se superará algún día”. Como membro tamén da RAG apunta que a institución deberá cancelar algún dos proxectos, “mais a actividade continuará”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “é inexplicábel a precariedade nun dos símbolos fundacionais do noso país, a RAG xustifica a existencia doutras institucións como a da propia Xunta”. Para Sánchez Iglesias a RAG “debería ter un status aínda máis importante do que ten e o que vemos é que se lle castiga pola súa defensa do idioma e os seus últimos pronunciamentos”.
O presidente da Coordinadora de Traballador@s de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, pensa que a hipotética desaparición da RAG “é algo tremendo e inimaxinábel posto que unha lingua quede sen Academia é como se un país quede sen estrutura de estado, non ten sentido”. Na CTNL apoian as reivindicacións da RAG. Para Nel Vidal “a diminución dun 70% vai ser un sen sentido e máis se o comparamos co que reciben outras academias”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, cre que “as institucións galegas teñen que recibir diñeiro público” e reitera o total apoio desde A Mesa ás reivindicacións da RAG”. Callón vai máis alá e opina que “non está ben que a reivindicación sexa só de carácter económico, a RAG pode facer moito máis, como fixo no caso do decreto, e ter unha postura máis activa en temas como o galego na xustiza, nos medios de comunicación, na educación, na administración,…”. (…)”

Fallo do XXVI Certame de poesía Rosalía de Castro

Coñécense os gañadores dos Premios Rosalía de Castro e Rosa Reboredo da A. C. Rosalía de Castro de Cornellà:

Na modalidade de poesía en Lingua Galega, na súa 26 edición, os gañadores foron os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Cruz Martínez Vilas, de Vigo, polo seu poema titulado Contemplo o proceso inevitábel da despedida. Dotación, 500 €.
– Segundo premio: para Yolanda López López, de Ourense e residente en Madrid , polo poema Necrópoles de soños. Dotación, 300 €.
– Terceiro premio: para Anxo Mena Rodríguez, de Carral, polo seu traballo Vou deixarme de espirais. Dotación, 200 €.

– Na modalidade de narrativa o mesmo xurado concedeu o premio da novena edición do Certame Rosa Reboredo, ao traballo en Galego presentado por, Tito Pérez Pérez, da Coruña, pola súa obra Ensaio encol da liberdade. Dotación 500 €.
– Tamén se concedeu unha mención especial ao traballo en Catalán presentado por, Àngel Fabregat i Morera titulado Els herois malvats.

Cornellá- Barcelona 2 de decembro de 2012.

A Coruña: recital de Emma Pedreira e Carole David no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 10 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Emma Pedreira e a poeta francófona quebequesa Carole David: DINVERSOS- Folleto 3 2012-12.