Entrevista
de Armando Requeixo a Yolanda Castaño no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Yolanda Castaño (YC): Teño máis claro o que lles falta, aínda que pode que lles sobre un certo ensimesmamento (cunha leve inclinación endogámica) que en ocasións non as fai estar demasiado atentas ao que se está a facer fóra ou fai que case desprecen a proxección fóra, a promoción ou mesmo a tradución, aínda con afortunadas e moi numerosas excepcións. O que ao meu xuízo máis lle falta ás nosas letras é profesionalidade, talvez debera dicir profesionalismo, ou ambas as dúas unidas como caras dunha mesma moeda. E as dúas unidas a unha visión positiva das mesmas que non faga seguir vinculando a súa ausencia a unha postura ética máis honrosa. Ao meu ver, o voluntarismo e a militancia, no eido literario galego, deberían ser as xenerosas e loables actitudes dunha fase provisoria da nosa cultura (coma fase dun proceso que desaugase noutra situación cara á cal todos os axentes deberiamos pechar filas), pero nunca un estadio detido no tempo, á vez empantanado e ‘empantanante’, á vez protector e limitante, gregario e autocompracente, un tanto atávico. Compre especificar que esta carencia non a vexo máis acusada nos autores e autoras (dunha calidade que nada ten que envexar ás doutras latitudes veciñas) ca no resto de actantes do sistema literario. Con todo, observo carencias —alén de no mercado ou nas infraestruturas de produción— nas actitudes coas que os escritores e escritoras deberamos encarar a nosa autoría. Mais recoñezo que o sistema completo non facilita que os escritores/as galegos alimentemos a nosa produción de obras literarias como algo que vaia máis alá dun ‘hobby riquiño’. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– YC: Existe unha calidade literaria moi sobresaínte, apoiada nun moi bo número de autores e autoras de enorme diversidade, ambición literaria, esixencia estilística, sentido de vangarda e compromiso coa literatura. Hai un nivel alto que podo estender mesmo ao lectorado. Mais todo isto choca cun mercado literario con moitas carencias, moitas eivas estruturais e outras fallas que en parte comentei na pregunta sétima. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Cotobade: proxección-presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey
O
venres 13 de xullo, ás 21:00 horas, na sede da Asociación Canón de Pau (Igrexario, Loureiro) de Cotobade, proxectarase a película e presentarase o libro Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicada en Galaxia.
Vigo: homenaxe a Roberto Vidal Bolaño
Xosé Ramón Barreiro: “Murguía foi consciente de que un movemento elitista como o rexionalismo era incapaz de acadar a autonomía galega”
Entrevista
a Xosé Ramón Barreiro en Praza:
“Non era Murguía un home sen contradicións. Pésimo estudante, peor administrador dos seus propios recursos económicos, ser irascible e mesiánico… Mais o seu non deixa de ser “o caso máis asombroso de fidelidade a un país”, segundo di Xosé Ramón Barreiro Fernández na súa obra Murguía, que acaba de publicar Galaxia. En case mil páxinas con fotografías ata agora inéditas, o historiador reconstrúe a biografía do que foi un dos pais do nacionalismo galego, deitando luz sobre os aspectos máis escuros arredor da súa vida. Mais afonda, sobre todo, no seu inesgotable proxecto de “rexeneración” de Galicia, que abrangue o seu traballo como escritor, xornalista e creador do rexionalismo. (…)
– Praza: A súa Historia de Galicia desafiou a interpretación esencialista de España do propio Estado liberal centralista. En realidade, esa contestación da historia oficial españolista, representada pola Real Academia de la Historia, aínda non rematou. En que medida a Historia de Galicia de Murguía pode servir aínda neste proceso?
– Xosé Ramón Barreiro: Mantén todo o seu valor non nos argumentos empregados senón nos obxectivos marcados que son dotar Galicia dunha vontade de ser propio. (…)”
A Coruña: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira
O
xoves 12 de xullo, ás 20:00 horas, no Circo de Artesáns (Rúa San Andrés, 36) da Coruña, preséntase o libro Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.
Rianxo: presentación de Pranto Matricial na voz do seu autor, Valentín Paz-Andrade
A Coruña: recital poético-musical do Grupo Ouriol
O cine na obra de Agustín Fernández Paz
“Durante a celebración da Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz proxectaronse as principais películas ás que Agustín fai alusión na súa obra, rendendo tributo ao cine. A montaxe, que agora reproducimos, preparárona Martin Pawley e Eloy Domínguez.” Vía Xerais.
A Mostra de Teatro de Ribadavia homenaxeará a Francisco Pillado
“A
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia homenaxeará na súa edición 2012, que comezará a vindeira semana, a Francisco Pillado, ao quen lle entregará o Premio Abrente de honra. A Mostra quere recoñecer a súa “ollada ampla e preocupación activa polas letras galegas, ora dende a directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ora como director da revista Casahamlet ou da colección Arlequín de teatro ou da editorial Laiovento”. E salienta que “as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social”. Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, recoñeceu ter “unha satisfacción moi especial porque é un premio moi prestixioso, e porque a xente que levou a Mostra Internacional de Teatro todos estes anos converteu a Ribadavia na capital do teatro en Galicia”. En Ribadavia construíronse os alicerces do teatro galego, dende finais dos anos sesenta: “iamos con moita frecuencia a Ribadavia”, lembra Pillado, que salienta que “nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da democracia para nós o teatro era un gran medio de expresión de ideas”. (…)” Vía Praza.



