O
martes 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva) de Pontevedra, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Abilleira e Fernando M. Vilanova.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013
“A
Asociación Berciana da Lingua Xarmenta sempre reivindicou, nos diferentes actos que leva realizados no Bierzo desde 2005 xunto con outras institucións bercianas, que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) merece un recoñecemento especial dedicándolle un Día das Letras Galegas. Neste 2012, un ano máis, Xarmenta solicítalle á Real Academia Galega que o poeta Antonio Fernández Morales sexa o persoeiro escollido para a celebración do Día das Letras Galegas de 2013 fundamentándose en que: “Antonio Fernández Morales publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua”. Ademais, Xarmenta salienta que “Morales escribiu en lingua galega na comarca do Bierzo, fóra da Galicia administrativa, nunha época difícil para as nosas letras”. (…)” Desde Praza.
Unha épica en construción
Reportaxe de Daniel Salgado en El País:
“Co sintagma “viúvas dos vivos”, Rosalía de Castro rexistrou, en Follas Novas (1880), a ferida migratoria aberta en Galicia. A poeta escribía cando as primeiras estatísticas oficiais do Goberno español ofrecían datos da emigración oficial: entre 1860 e 1880 deixaron o país 122.875 persoas. Como a literatura dificilmente se desanoa do mundo en marcha, continuou dando conta do exilio económico que asollou o territorio ao longo do século XX. Aínda a falta dunha épica da cuestión —así o denuncia Xavier Alcalá—, as pegadas de galegos á procura dunha vida mellor polo mundo adiante aparecen unha vez e outra nas letras galegas. Xosé Neira Vilas en Esperando o leiteiro (Galaxia, 2012) e o propio Alcalá en Verde oliva (Galaxia, no prelo) son as máis frescas mostras.
O detective Frank Soutelo, o personaxe creado por Miguel Anxo Fernández e protagonista de catro novelas de serie noir, é fillo de emigrantes a California. N’A fame fatal de Alberto Lema, lembra a coordinadora da revista de libros Protexta, Ana Salgado, a protagonista anuncia que marcha para as Canarias. Da Porta blindada de Margarita Ledo sae Antón Moreda, histórico galeguista da emigración marxinado dende os cenáculos piñeiristas. As maneiras en que o fenómeno social máis relevante da historia recente se entremete na narrativa son múltiples, equívocas, fragmentarias, ruinosas. “Non entendo como desaproveitamos a oportunidade da épica”, considera, ao respecto, Xavier Alcalá, “non entendo como cada escritor galego non ten unha novela sobre a emigración; dá para todos”. (…)”
Celanova: plenario extraordinario da Real Academia Galega centrado en Celso Emilio Ferreiro
“(…) O
cortexo cívico trasladouse ao Auditorio Municipal Ilduara, onde tivo lugar a sesión plenaria extraordinaria da Academia. Abriu a sesión o presidente, agradecendo ao Concello e á Fundación Curros Enríquez a súa xenerosa colaboración e ás autoridades, á familia do homenaxeado e ao público a súa presenza. A continuación, o secretario, Xosé Luís Axeitos, deu lectura á certificación do acordo, que se tomou en sesión ordinaria do Pleno o 30 de marzo de 2012, para a celebración deste plenario extraordinario. En primeiro lugar, interviu a académica de número Margarita Ledo Andión cunha alocución que titulou, Celso: editor clandestino, na que fixo memoria do labor do homenaxeado como propagandista político. Destacou “a importancia da forma na configuración do nacionalismo” e “a construción do noso imaxinario nacional a partir da espiral”. Lembrou que, nos últimos anos da década de 1960, se “desenvolveu unha pegada nunca subsumida na retórica esencialista”. Rematou o seu discurso reivindicando a vixencia das palabras de Celso Emilio: “a miña terra é íntima e tenra, pero a xuventude fuxe dela á procura de pan”. En segundo lugar, o académico Darío Xohán Cabana destacou a influencia de Celso Emilio e Curros Enríquez na súa formación como poeta: “foron os dous de Celanova, os virxilios que guiaron os meus primeiros pasos na literatura”. Sinalou tamén a dificultade que, para as xeracións máis novas, supón comprender o impacto de Longa noite de pedra tivo naquela altura, pois “chegou a vender quince ou vinte mil exemplares en tempos sen galego no ensino”. Para Darío Xohán Cabana, “Celso Emilio era o novo Curros, era o símbolo da loita antifranquista. Era o gran poeta que todos queriamos imitar”. (…)” Vía Real Academia Galega.
Xosé Manuel Fernández Castro: “Recoñecer a Vidal Bolaño é recoñecer a importancia do teatro na normalización cultural do país”
Entrevista
a Xosé Manuel Fernández Castro en Praza:
““Ter no país unha figura como a de Vidal Bolaño e mirar cara a outro lado é unha inxustiza”. Está é unha das conclusións que transmite Xosé Manuel Fernández Castro (Santiago, 1963). A finais do ano pasado este profesor publicou en Laiovento A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, libro que fura na traxectoria vital e profesional do dramaturgo. Praza aproveita a campaña que promove as Letras Galegas para Vidal Bolaño para recuperar o libro e falar con Fernández Castro.
– Praza: Cales son os motivos polos cales as Letras Galegas homenaxee a Vidal Bolaño?
– Xosé Manuel Fernández Castro: Pois é que algún ano haberá que lle dedicar o 17 de Maio a un autor dramático, porque non queda outra que recoñecer o importante papel do teatro na normalización da nosa cultura. Esa homenaxe ao teatro é necesaria e, seguramente, hai que recoñecer a súa relevancia a través dunha persoa moi significativa e, realmente, non hai ninguén máis significativo que Roberto Vidal Bolaño. Algunhas veces cométese un erro enorme ao deixar nun segundo termo formas de creación que vaian por outras canles que non sexan as estritamente editoriais. A experiencia literaria que hai detrás das obras dramáticas non teñan unha presenza tan clara nas librerías, mais non por iso son menos importantes ca outras formas literarias. Hai moito tempo que non vemos un dramaturgo homenaxeado coas Letras Galegas (…)”.
A Coruña: recital de Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
11 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man do poeta indio en lingua inglesa Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval.
Xosé Neira Vilas: “Xa non hai Lelos nin Balbinos, pero eu enténdome ben cos nenos de hoxe”
“Así
de claro é Xosé Neira Vilas na páxina que o xoves 7 de xuño lle dedica o Faro da Cultura (do Faro de Vigo) nunha longa entrevista que lle fan co gallo da publicación de Esperando o leiteiro. Podes ler a conversa completa, en formato PDF, aquí.” Vía Galaxia.
A Estrada: presentación de A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso e Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano
Santiago: presentación do número terceiro de Contos Estraños Pulp
O
sábado 9 de xuño, ás 19:00 horas, no Parque de Santo Domingo de Bonaval (Rúa Santo Domingo de Bonaval, 3) de Santiago de Compostela, preséntase o terceiro número de Contos Estraños Pulp, adicado á fantasía épica e homenaxeando o mestre J. R. R. Tolkien.

