O
venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel Virtual (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase Os quilómetros que recorremos dende aquela, o novo poemario de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Pobra do Caramiñal: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello
O
venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no salón de actos do Liceo d’A Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase o libro Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola A. C. Barbantia, participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Xesús Laíño, presidente de Barbantia e Jorge Abal Caamaño. Crónica posterior en Galaxia.
Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo
O
venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.
Santiago: presentación da edición ilustrada de Follas Novas en El Patito
O
venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no espazo de arte de El Correo Gallego (Rúa do Preguntoiro, 29) de Santiago de Compostela, preséntase a edición ilustrada por Álvaro de la Vega de Follas Novas, de Rosalía de Castro, publicada pola Editorial El Patito. No acto intervirán Xerardo Conde Roa, o Secretario Xeral de Cultura e Gemma Sesar, xunto ao ilustrador.
Convocado o X Certame de relato curto en galego Concello de Mugardos
O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a décima edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos.
BASES
– Primeira: Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
– Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega. O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
– Terceira: Estabelécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
* até 18 anos.
* e maiores de 18 anos.
O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.
* até 18 anos: o premio será un bono por valor de 300 euros.
* maiores de 18 anos: o premio será un bono por valor de 400 euros.
– Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria a que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
– Quinta: O prazo de entrega dos relatos é durante todo o mes de abril. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: X CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
– Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galega, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
– Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
– Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
– Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.
Mugardos, 16 de febreiro de 2012
O alcalde
Xosé Fernández Barcia”
Gondomar: presentación de Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso
O
venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, publicado en Edicións Xerais.
Santiago: nova edición de Os Bos e Xenerosos, dedicada a Francisco Carballo, o 3 de marzo
O
sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.
Blog do Día de Rosalía
“Un día 24 de febreiro naceu Rosalía de Castro, a muller que nos devolveu a lingua, a poeta que encarnou como ninguén o espírito de Galiza.
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega anima a conmemorar este acontecemento agasallando un libro e unha flor.
Este blog nace para reflectir todas as iniciativas, actos e celebracións que terán lugar ese día.
Envía o teu poema preferido (escrito ou recitado) a túa cita, a túa canción, a túa fotografía ou montaxe fotográfico, a imaxe que prefiras, un vídeo da celebración na túa aldea, parroquia, vila, cidade, centro escolar, universidade, onde sexa, o que sexa, a blogauria@gmail.com
Se es un creador e queres achegarnos unha colaboración, benvida. Se simplemente queres compartir un dato , unha anécdota, calquera cousa, esta é a túa páxina.
Todos somos Rosalía. Que se vexa.”
Xulio López Valcárcel: “Ao Courel hai que ir espido, cos sentidos abertos”
Entrevista
a Xulio López Valcárcel en La Voz de Galicia:
“O escano baleiro, que Xulio L. Valcárcel (Lugo, 1953) vén de presentar en Betanzos, non é só o chanzo de madeira no que adoitaba descansar Uxío Novoneyra ao pé da súa casa no Courel. É o símbolo da perda da Galicia rural. «Agora, testemuño mudo doutro tempo, [ese escano] non acolle máis que o peso da sombra dos que por el pasaron», di o autor no comezo dun libro que está entre o testemuño poético e unha literatura de viaxes comprometida coa defensa do medio. «Penso que a implicación persoal nun texto, dar conta da propia vivencia -explica-, fai que o texto adquira veromilitude, veracidade e forza». (…)
– La Voz de Galicia (LVG): Para enfrontarse á montaña non só vale o turismo de fin de semana, advirte…
– Xulio López Valcárcel (XLV): Si, esa é unha aproximación interesante [ri], pero insuficiente. Á montaña do Courel hai que ir espido, cos sentidos abertos. Non para impoñer a túa bagaxe cultural, senón para escoitar e recibir o que ela transmite.
– LVG: ¿Naceu este libro no Courel?
– XLV: Foi por unha padriñaxe da ruta do Lor, a raíz da que botei uns días no Courel. Coñecíao de rapaz, pois meus pais vivían en Quiroga. Pero esta vez reencontreime a realidade da montaña cunha mirada completamente nova. Foime revelada.
– LVG: O libro vai de algún modo reconstruíndo a paisaxe e a vida courelá da man do seu bardo. Fala da perda e da memoria. Cara o final, sorprende o comentario que fai ao fío duns versos de Novoneyra que din Ir co-ela / e vela como era…
– XLV: Eses versos son un dos motivos polos que escribín o libro.”
Convocado o V Certame de Poesía Concello de Mugardos
“O Concello de Mugardos, a través da Biblioteca Pública Municipal, convoca a quinta edición do Certame de Poesía Concello de Mugardos, co gallo do Día da Poesía, o 21 de marzo.
BASES
– PRIMEIRA: Establécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría:
* até 18 anos.
* iguais ou maiores de 18 anos.
Os/as concursantes poderán presentar un máximo de tres poesías, que se axustarán ás seguintes normas:
* TEMA: Libre.
* LINGUA: Galego.
* FORMA E EXTENSIÓN: DIN A4 por unha cara (extensión máxima por poesía), mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 14 e encabezados polo título.
As poesías terán que ser orixinais, inéditas e non premiadas en calquera outro tipo de concurso.
– SEGUNDA: Achegaranse dúas copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a.
– TERCEIRA: O prazo de entrega das poesías será todo o mes de febreiro. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo: V CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Cultura, Deporte, Turismo e Mocidade do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, núm. 45. (15620) Mugardos (A Coruña), segundo establece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
– CUARTA: Unha vez reunidos os membros do xurado para facer a oportuna valoración, resultará gañadora aquela poesía que, a criterio do xurado, sexa merecedora do primeiro premio, podendo facer ademais Mención Especial dalgunha outra se o consideran oportuno.
– QUINTA: O premio consistirá nun bono para mercar libros:
* por valor de 100 €, para a categoría de iguais ou maiores de 18 anos.
* por valor de 50€, para a categoría de menores de 18 anos.
– SEXTA: O nome do/a gañador/a farase público o mércores 21 de marzo (Día mundial da poesía), tendo lugar o acto de entrega de premios o sábado 24 do mesmo mes ás 12:00 horas.
– SÉTIMA: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases.
Mugardos, 3 de febreiro de 2012
O alcalde
Xosé Fernández Barcia”
