O
xoves 6 de outubro, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedras, terá lugar un novo faladoiro organizado polo Consello da Cultura Galega, dentro do Ano Cunqueiro, baixo o título Os intelectuais galegos e o franquismo, coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Cochón, Xosé Fortes e Olivia Rodríguez, coordinados por Henrique Monteagudo.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
La Opinión: “A AELG crea a Escola de Escritores para fomentar o compromiso coa lingua galega”
“(…) O
presidente da
AELG considera que a asociación que preside “podería ser útil neste momento” para cumprir a función de normalizar a lectura e a escritura en Galicia. “A nosa idea é procurar entre os mozos e mozas de últimos anos de estudos medios ou primeiros da universidade esa paixón pola escritura, poder compartir con eles a creación literaria”, afirmou Cesáreo Sánchez. Os obradoiros están destinados a persoas maiores de 16 anos e con eles a AELG pretende, segundo di nun comunicado, proporcionar estratexias para a escrita de ficción, afondar nos motivos que alimentan a literatura, crear unha capacidade de observación, reflexión e intercomunicación no propio interior, concienciar á sociedade da necesidade de estimulación creativa e poñer en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria. Cesáreo Sánchez sinala que o máis importante é “inicialos na escrita, e que isto leve a que de aí saian futuros escritores e non só iso, senón que se formen persoas que saiban escribir ben e comunicar o que pensan con calidade literaria”.
O primeiro dos talleres da Escola de Escritoras e Escritores terá lugar na Coruña e correrá a cargo da poeta Antía Otero, aínda que a AELG mantén conversas con moitos concellos galegos para levar eses obradoiros por toda a comunidade. En Lugo, segundo afirmou Sánchez, “case con total seguridade impartirán un curso Antonio Reigosa e Isidro Novo, e en Pontevedra realizarase un de literatura infantil e xuvenil”. A Escola de Escritores da AELG, explica o seu presidente, “pretende transmitir, como primeiro valor, a liberdade creadora”, e cos obradoiros tentarán “potenciar as capacidades interiores que xa existen na propia persoa, fomentar o mundo poético, en canto que mundo persoal e interior de cada un”. O presidente da asociación revelou que “haberá obradoiros de escrita creativa, sen separar en xéneros, porque cada un camiñará cara a certos xéneros. Crear literatura é un exercicio de liberdade interior”, apuntou. A Asociación de Escritores en Lingua Galega amosou o seu apoio aos medios de comunicación en galego: “Galicia necesita xente comprometida coa lingua, é un acto deplorable o peche de xornais”, dixo Cesáreo Sánchez, quen afirmou que “é un acto de responsabilidade coa lingua apoiar aos medios de comunicación en galego, aos galegofalantes vainos a vida en ter unha prensa nesta lingua”. Os escritores en galego confirmaron o seu apoio “tanto os medios como os traballadores deses medios, xa que dalgún xeito a nosa razón de ser é tamén que haxa xornalistas en galego”, concluíu Sánchez.” Vía La Opinión.
A Xunta anuncia axudas á edición de libros e normalización nos concellos para 2012
“A edición de libros de texto en galego e os equipos de normalización municipais voltarán ter axudas da Xunta nos orzamentos de 2012. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Normalización Lingüística anunciou onte, na súa comparecencia ante o Parlamento, a vindeira publicación de dúas convocatorias con este obxecto. Ademais, no caso das axudas a concellos, a convocatoria será para 2011-2012, de xeito que as entidades locais poderán imputar os gastos xa realizados este ano á mesma. Lorenzo adiantou que na orde “primará no reparto de axudas os concellos que xestionen de forma responsable e que aposten pola fusión de servizos”. Precisamente para finais deste mes farase o acto oficial de presentación da Rede de Normalización Lingüística, á que xa se adscribiron case cen entidades.” Vía Cultura Galega.
A Xunta non convocará os certames Xuventude Crea este ano
“Nin
banda deseñada, nin premio Tesoira de novos deseñadores, nin teatro nin música nin poesía nin videocreación. Como xa temían moitos sectores por mor do atraso na súa convocatoria, Xuventude Crea, o Certame galego de Creadores Novos, non se convocará este ano en ningunha das súas categorías. Segundo confirma a Consellaría de Traballo e Benestar, os galardóns considerados dos máis importantes e mellor dotados do país nos seus diferentes ámbitos, sofren tamén os recortes orzamentarios e están nunha fase de reformulación. Desde a Consellaría sinalan que aínda non está decidida a fórmula da convocatoria para 2012, a contía nin as categorías que se desenvolverán.” Vía Cultura Galega.
Edición ampliada de Lois Pereiro. Achegas críticas
“O
dosier que Poesiagalega.org presentaba o pasado mes de maio sobre Lois Pereiro conta xa cunha segunda edición ampliada. A nova versión “incorpora unha parte significativa da relevante produción crítica dedicada ao autor con motivo da celebración do Día das Letras”, entre as que se atopan os suplementos publicados en El Ideal Gallego, Faro de Vigo e Xornal de Galicia, así como o catálogo completo da exposición Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna. Asimesmo, tamén se poden ouvir e ollar as entrevistas que lle fixeron Ana Romaní e Xosé Ramón Gayoso ao poeta ou diferentes documentos audiovisuais que recollen a celebración do Día das Letras.” Desde Cultura Galega.
Manifesto da Federación Galeusca 2011
Damos
publicidade ao Manifesto final do XXVIII Encontro Galeusca, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, e que tivo lugar no Ateneu de Barcelona os pasados venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, baixo o título A tradución literaria. Profesión e creación.
MANIFESTO DA FEDERACIÓN GALEUSCA
ATENEU BARCELONÈS – BARCELONA 2011
Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS:
1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán.
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.
5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras.
6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:
– Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.
– Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.
– Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
– Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais.
Finalmente, comprometémonos a continuar traballando no camiño xa comezado naquel primeiro encontro, celebrado en Poblet o día 24 de xuño de 1984, e autoconvocámonos anualmente para dar continuidade ao labor iniciado entón e hoxe desenvolvido a traves da Federación Galeusca, creada no ano 2009.
Aquí pódese ver o texto e unha ampla crónica con todo o acontecido.
Muxía: Teresa Moure, dentro da iniciativa Galería Mulleres
O
Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartazes e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Tras vinte meses de programa con protagonistas como María Lado, Rosalía de Castro, María Xosé Queizán, María Casares, Marilar Aleixandre, María do Carme Krukenberg, Luísa Villalta ou Leonora Carrington, este mes de outubro centrarase en Teresa Moure.
Santiago: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O
mércores 5 de outubro, ás 20:30 horas, no Restaurante O Dezaseis (Rúa de San Pedro, 16) de Santiago de Compostela, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, co autor, Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez e Manuel Bragado.
Salamanca: participación de Miro Villar no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos
O
mércores 5 de outubro, a partir das 19:30 horas, no marco do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos que se celebrará na Sala da Palabra do Teatro Liceo de Salamanca, terá lugar un recital poético en homenaxe ao poeta arxentino Hugo Mujica, no que participarán, xunto a este autor, Miro Villar, acompañado por Milena Rodríguez (Cuba), Luis Arturo Guichard (México), Paulo de Tarso Correia de Melo (Brasil) e Jesús Losada (España).
Santiago: exposición Suleiman e Salúa, de Ali Ali, sobre un conto de Francisco X. Fernández Naval
Do
mércores 5
ao xoves domingo 23 de outubro, con horarios de luns a venres de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., e sábados de 11:00 a 14:00 horas, na Galería Caroní da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas (Rúa do Vilar, 21) de Santiago de Compostela, estará aberta a exposición Suleiman e Salúa, que recolle as ilustracións (de 1,20 m. de alto) que o artista sirio Ali Ali realizou sobre un conto, que tamén se pode ler alí mesmo, escrito por Francisco X. Fernández Naval como unha recreación fantástica dos recordos da infancia do artista, centrada nunha aldea das montañas do leste de Siria. Segundo o autor galego, Ali Ali “faloume da xeografía, da aldea situada ao pé dun lago, dos costumes e das festas nas que participaban os nenos, do ceo estrelado, dos animais e dos seres míticos. Con toda a súa memoria eu construín esa historia que el logo ilustrou”. A inauguración terá lugar o mesmo mércores 5 ás 20:30 horas.