“Álvaro Cunqueiro
está considerado un dos autores galegos que manteñen unha máis estreita relación co imaxinario e o pensamento popular da súa época. No entanto, o seu traballo está moi lonxe de ser unha simple traslación. Xogos, invencións e recursos de diferentes fontes mestúranse nunha obra na que, segundo el defendía, quería axudar a coñecer mellor o ser galego. E non todo o que semella popular é tal. Unha grande parte da obra de Cunqueiro amosa un grande achegamento ao mundo galego tradicional. É o caso a triloxía dos Feirantes, Menciñeiros e Xente de aquí e de acolá. Canda a estas, boa parte do xeito de vida e de pensamento tradicional paira mesmo naquelas obras nas que o mindoniense aborda temáticas clásicas ou cultas. Faino, iso si, mesturado con influencias e imaxinarios do máis variado e mesmo desde a perspectiva dalguén que non eran enteiramente daquel mundo. A mesa redonda O popular en Cunqueiro que se celebrou o pasado xoves no Consello da Cultura Galega no marco do congreso Mil e un Cunqueiros centrouse precisamente en abordar esta cuestión. (…)” Reportaxe en Cultura Galega.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: nace a Escola de Escritoras e Escritores da AELG cun obradoiro de escrita creativa a cargo de Antía Otero, a partir do 13 de outubro
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio de CEDRO, crea a Escola de Escritoras e Escritores da AELG, unha iniciativa que ten como obxectivos, cos autores/as como guía, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
•afondando nos motivos que alimentan a literatura,
•proporcionando estratexias para a escrita de ficción,
•destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade,
•partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe,
•concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo,
•poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria.
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros, contidos…
A primeira actividade é este Obradoiro de Escrita Creativa dirixido a persoas a partir de 16 anos, que será impartido pola escritora Antía Otero durante oito semanas (unha sesión de dúas horas cada semana de 18:00 a 20:00) os seguintes días: 13, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro. É de balde ata completar matrícula. Será no Museo de Belas Artes (Rúa Zalaeta, s/n – A Coruña). A unha das sesións asistirá outro escritor/a para contar a súa experiencia creativa.
O obradoiro, botando man de imaxes literarias e artísticas, achegará chaves interdisciplinares para descubrir e explorar elementos importantes nas creacións como son a imaxinación, a escoita, o tempo, o espazo, os personaxes, as escenas, os diálogos… Unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación, da comprensión e do diálogo persoal co feito literario e coa arte en xeral. O obxectivo é proporcionar estratexias básicas para a escrita, destacando que para escribir hai que desenvolver a capacidade de observación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade circundante. O prazo para anotarse comeza hoxe e remata o luns 10 de outubro e pode facerse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org ou chamando por teléfono ao 981-133233.
Convocadas as bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Co
fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes
BASES
Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.– De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 30 de decembro do 2011, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.– Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS.
Cuarta.– O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de febreiro e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Allariz en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
Santiago de Compostela, setembro do 2011
As bases poden descargarse aquí en formato pdf: Bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Armando Requeixo: “A Federación Galeusca”
Crónica
do Galeusca 2011 en Criticalia, o blog de Armando Requeixo:
“Un ano máis —e xa van alá case trinta— a Federación Galeusca celebrou a súa xuntanza reunindo autores e autoras da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta volta, o tema sobre o que se debateu durante dous días (30 de setembro e 1 de outubro) foi A tradución literaria: profesión e creación, o que explica que estas xornadas, celebradas en Barcelona, transcorresen coincidindo no tempo co Día Internacional da Tradución.
Por parte da delegación galega asistiron ao evento o presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias; a secretaria da asociación, a ensaísta Mercedes Queixas Zas; a profesora e tradutora Manuela Palacios e quen isto escribe.
No Ateneu Barcelonès —emblemático espazo que acolleu as sesións de traballo—, tiven a honra de debater co escritor e editor vasco Xabier Mendiguren e mais o xurista e asesor editorial Mario Sepúlveda sobre A repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, mesa redonda na que se puxeron en común interesantes cuestións que afectan aos contratos entre tradutores e editoras aplicados ao ámbito dixital.
Pola súa banda, Manuela Palacios, recoñecida tradutora ao galego de textos ingleses e gaélicos, participou no acto Lectura de fragmentos literarios na lingua orixinal e a tradución á lingua de chegada cun recitado de poemas de Ana Romaní e María Lado, que leu tanto en galego como en inglés. Xunto á tradutora galega interviñeron tamén o escritor vasco Fito Rodríguez (que transvasou a Proust do francés ao éuscaro) e mais os cataláns Feliu Formosa (quen deu voz a Rilke e Trakl en catalán e alemán), Montserrat Abelló (que visitou en catalán e inglés a Sylvia Plath, Margaret Atwood e Anne Sexton) e Manuel Forcano (quen achegou dende o hebreo ao catalán a Iehuda Amikhai).
A mesma Manuela Palacios, xunto á narradora catalá Carme Riera e o poeta vasco Nicolás Zimarro, debateron na mesa redonda Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), faladoiro no que a tradutora galega deu a coñecer a súa experiencia como coordinadora do volume To The Wind Our Sails, antoloxía bilingüe galego-inglesa dos versos de Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias.
Logo da preceptiva Asemblea Xeral da Federación Galeusca e a lectura da acta coas conclusións das xornadas, deuse remate ás mesmas, deixando así atrás dous días de vizosos parladoiros nos que os compoñentes das tres delegacións tivemos tempo para pór en común experiencias e pareceres sobre moi diversos temas de natureza literaria que nos preocupan por igual.
Agora, máis que nunca, encontros como este da Federación Galeusca abren esperanzadoras perspectivas para as letras de noso, fannos saber que as nosas inquedanzas son compartidas por outras literaturas irmás e convéncenos de que a loita a prol da causa da escrita propia non é unha angueira solitaria.”
Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez
O
martes 4 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Incorruptibles, dará comezo o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a abrir este ciclo de lecturas son Olga Novo, Martin Wu (The Homens) e Lupe Gómez, que agasallarán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. O dicionario di que incorruptible é algo que non se pode corromper, isto é, que non se bota a perder nin apodrece, e tamén que non pode ser subornado nin corrompido. A entrada custa 2 euros.
A Coruña: conferencia Angola e Galiza, Língua, de Benevides Eculica Maurício
O martes
4 de outubro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, con entrada libre, terá lugar a conferencia Angola e Galiza, Língua, pronunciada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Benevides Eculica Maurício, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho.
O historiador Pegerto Saavedra ingresará na Real Academia Galega
“Pegerto Saavedra Fernández
(A Fonsagrada, 1951), catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, será o novo membro da Real Academia Galega. A entidade tomou esta decisión no plenario desenvolvido o venres 30 de setembro, no que decidiron que sexa este historiador o que ocupe a vacante deixada por Francisco Xavier Río Barja. Nesa mesma xuntanza, o plenario tamén acordou facer oficial as propostas de Giulia Lanciani como Académica de Honra, e de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez como Académicos Correspondentes.” Vía Cultura Galega.
O Pen Clube de Galicia renova a Luís González Tosar como presidente
“Era
a única candidatura presentada e a asamblea do Pen Clube de Galicia aprobouna por unanimidade. O escritor Luis González Tosar foi reelexido como presidente, no que estará acompañado de Úrsula Heinze como vicepresidenta, Miro Villar, como secretario e Bieito Iglesias como tesoureiro. Entre as primeiras medidas, o reelexido presidente reivindicará ante a Consellaría de Cultura a inclusión a comisión do libro, así como buscará apoios para celebrar a cuarta Bienal Internacional do PEN que ten previsto celebrarse en Santiago en xuño de 2012.” Vía Cultura Galega.
Fernando Moreiras faise co X premio Plácido Castro por unha tradución do poeta Alexander Pope
“Alexander Pope
foi un poeta que tivo, entre outras virtudes, o mérito de poder vivir dos beneficios xerados polo éxito comercial das súas traducións. A súa primeira contribución á literatura, como autor, foi Ensaio sobre a crítica, texto que acaba de traducir ao galego o profesor da Universidade de Vigo, Fernando Moreiras. Esa tradución acáballe de valer o décimo premio Plácido Castro, ao que este ano se presentaron dez traballos. O xurado destacou que se trata “da primeira tradución deste autor ao galego, e da gran calidade da reprodución nos esquemas rítmicos da obra orixinal”. O premio non ten dotación económica e consiste nun diploma e nunha peza escultória deseñada por Xaquín Chaves.” Vía Cultura Galega.
‘O herdo de Cunqueiro’
Ampla
reportaxe en Cultura Galega: “Malia a estar recoñecido como un dos grandes das nosas letras, non cabe dúbida de que Álvaro Cunqueiro é tamén un autor controvertido. Debates ideolóxicos, modas literarias, e itnerpretacións dispares danse cita arredor da súa figura. Agora, o congreso Mil e un Cunqueiros organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades, tenta botar luz sobre a súa figura. Entre moitas outras cuestións que se tratan neste evento está a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras. (…)”. No mesmo medio tamén aparece esta referencia sobre a intervención de John Rutherford.