Entrevista de Antón Escuredo a Lorena Souto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Atopou resposta no seu traballo das razóns da invisibilidade da escrita das narradoras galegas que colocou como título da obra?
– Lorena Souto (LS): O título do libro comeza cunha pregunta. Son aínda invisíbeis as narradoras? Afortunadamente, a situación mudou con respecto á década dos 80 e dos 90, algunhas delas reciben recoñecementos como premios e teñen un grande éxito de público, malia que tamén é certo que queda moito para acadar a paridade, tanto a nivel numérico como no referido a outras cuestións.
Porén, o que pretendo aquí é mirar máis aló. Aínda que as autoras van gañando espazo, o libro trata sobre aqueles ángulos onde non chega esa luz. Interesábame ver que propostas fican na sombra, a cales lles custa máis entrar no campo literario, cales xeran desconforto e, sobre todo, por que.
– ND: Cal é a razón de que escollese singularmente estas catro autoras e non outras do panorama actual da literatura galega?
– LS: Centreime nas traxectorias destas catro escritoras porque en ocasións atoparon dificultades para publicar ou porque as súas propostas xeraron friccións no ámbito literario por diferentes motivos.
O estudo das súas obras resultoume revelador á hora de analizar dinámicas de campo arredor da produción das narradoras. A escolla non é, obviamente, exhaustiva, mais si que resulta representativa de certas marxes e puntos cegos que seguen a existir no proceso de visibilización das autoras.
No ensaio céntrome nalgúns elementos que poden atoparse nas súas novelas e que poucas veces foron abordados. Algúns deles son a escrita vangardista, a crítica feminista e de esquerdas ao discurso nacional ou a escolla da norma reintegracionista, ademais do tratamento de subxéneros como a ficción científica ou a novela gótica.
– ND: No limiar, a profesora da Universitat de Barcelona, Helena González, sinala que as catro autoras que vostede estuda neste libro “partillan un foco claro na ideoloxia”. Cal considera que é a razón desta característica?
– LS: En realidade as catro teñen proxectos e escritas moi diferentes e imaxino que tampouco compartirán a mesma maneira de pensar. No traballo das catro identifico unha perspectiva feminista, pero os seus enfoques son diversos, é dicir, que esa perspectiva se materializa na literatura que fan de xeitos moi diferentes, e non sempre obvia.
– ND: Cre que a resistencia cultural actual na literatura na Galiza ten nome de muller?
– LS: Só as mulleres escriben cunha perspectiva resistente? Todas as mulleres que escriben fano cun enfoque que poidamos considerar resistente? Resistente a que? Podemos dicir que escribir nunha lingua minorizada como o galego xa é resistir. Que as mulleres comezaran a gañar espazo nun eido e o patriarcado llelo negara tamén se pode entender así.
Porén, o libro que agora publica Através Editora pretende pensar matices, analizar os puntos de fricción e diverxencia; fuxir das uniformizacións e dos estereotipos. Preocúpanme especialmente aqueles que aparecen como espellismos de liberación e que poden acabar estreitándonos o universo de posíbeis.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xavier Queipo e a nebulosa mental que nos atorda
Entrevista a Xavier Queipo na Televisión de Galicia:
“Entrevistamos a Xavier Queipo polo seu último libro: Final feliz. Participa ademais na Semana do Libro de Compostela, a SELIC na charla ‘Relatos da xeración que non foi’. A entrevista pode verse aquí.”
Carballo: O lume das formas. Obxectos, de Pepe Cáccamo
O compromiso coa transmisión da lingua protagoniza a entrega dos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“O acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro, que tivo lugar na Casa Museo de Rosalía de Castro, estivo encabezado pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, serviu ademais para celebrar, en palabras da deputada, “o compromiso forte co galego”. Así, a premiada na categoría de persoas, a escritora María Canosa enxalzou a transmisión da lingua nai que ela recibiu por parte da súa familia e que agora ela transmite ás súas fillas. O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, premiada na categoría entidades, fixo un repaso polos máis de corenta anos de actividade da Asociación e que acaba de acadar o medio milleiro de autoras e autores asociados. Por último, Irimia Fernández, creadora dos xogos infantís Brazolinda, proxecto premiado na categoría dedicada a promoción da lingua entre a poboación de menor idade, incidiu na importancia de contar con recursos na lingua propia en todas as facetas da vida e desde idades temperás, e nomeadamente a través dos xogos e o lecer.
O acto rematou coa música de Adhara & Ritman, que mesturan o folk galego con outros estilos puros de raíz, coma o blues, o reggae, ou swing, o mesmo en letras propias que en adaptacións da lírica popular do país.
Convén lembrar que o xurado nesta edición estivo conformado por María Muíño, deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos García, de Twitter en galego. Como secretaria actuou Dores Sánchez, técnica de normalización lingüística da institución provincial.”