Diana Kurich recibiu o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas nunha emotiva Cea das Letras

Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”

A Coruña: Mil vidas: María Casares e as pezas teatrais que marcaron unha carreira, por Ernesto Is

O 16 de novembro, ás 16:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Ernesto Is ofrecerá unha palestra baixo o título Mil vidas: María Casares e as pezas teatrais que marcaron unha carreira. As persoas interesadas poden anotarse no correo electrónico acab@mundo-r.com

Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”