
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Incendios intencionados e política inadecuada, por Ramón Varela Díaz
Artigo de Ramón Varela Díaz en Mundiario (foto do autor, desde Nós Diario):
“Oito comunidades autónomas están afectadas neste momento por incendios forestais. A 14 de agosto, o lume afectara xa 148.205 hectáreas no Estado español no que vai de ano, segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais Europeos (EFFIS), cando a media anual (2006–2024) é de 79.570 ha. De 22 países europeos con datos, España está hoxe á cabeza e Galiza, como case sempre, situarase tamén no grupo de cabeza das comunidades autónomas tanto en número de incendios como en superficie arrasada. Na actualidade xa se superaron as 23.000 ha e a cifra segue subindo; mesmo o presidente galego admite que a situación “vai seguir sendo moi complicada” nos vindeiros días.
Mentres no Estado a superficie forestal ocupa o 56 % do territorio, en Galiza o forestal (arborado e desarborado) representa o 68,6 %, co agravante de que as repoboacións fixéronse con especies pirofíticas, é dicir, que arden ben, propagan o lume e saen beneficiadas del, xa que a súa estratexia biolóxica de ocupación e avance no territorio depende en parte do lume.
Problemática: Os incendios provocan perda de paisaxe, biodiversidade e hábitats; impacto na saúde pola inhalación de partículas finas PM2,5 e substancias tóxicas; emisión de monóxido e dióxido de carbono (CO2) e doutros gases que contribúen ao cambio climático. Interrompen o tráfico e as vías ferroviarias, obrigan a desaloxos e provocan vítimas humanas ao intentar apagalos.
No eido económico, xeran perdas importantes directas en propiedades, granxas e vivendas, e volatilízanse os cuantiosos fondos e recursos dedicados ao tema. Posteriormente hai que engadir a erosión, o aumento do risco de inundacións, os corrementos de terra… Tamén crean no rural desánimo, rabia e impotencia.
O caso de Ourense
Ourense é a provincia máis castigada polo lume (segundo La Región: Chandrexa de Queixa, dous incendios con 10.500 ha queimadas; Maceda, 2.200 ha; Oímbra, 5.000 ha; A Mezquita, 4.500 ha, e outros moitos máis pequenos). Curiosamente, é a provincia máis montañosa, menos forestal arborada e presenta grandes extensións de monte baixo sen arborado (ou mínimo), monte privado pertencente a comunidades de veciños.
O monte baixo ten gran riqueza de hábitats e é rico en biodiversidade. Antes, na economía labrega, cumpría diversas funcións: pasto para animais en liberdade ou semiliberdade (cabalos, vacún, ovellas, cabras…), cultivo temporal de cereal —Ourense foi hai décadas a provincia cerealística de Galiza—, aproveitamento para a caza, para a recollida de cama do gando e para estrume. Hoxe está practicamente desaproveitado, ignorado e incendiado continuamente, sen que exista unha política de ordenación e recuperación adecuada, como esixe a realidade económica e social.
Os incendios non son unha novidade en Ourense: entre 2015 e 2024 queimáronse 102.421 ha, de 185.562 ha queimadas no conxunto de Galiza. Nesta provincia rexistráronse 6.618 lumes de 17.172 no total galego, é dicir, o 38,5 %, e arde de media o 55,2 % da superficie que se queima en todo o país. Nos últimos 30 anos, Ourense estivo sempre á cabeza en grandes incendios forestais (GIF) e en superficie queimada. Entre 2015 e 2024 producíronse na provincia 21 GIF, de 34 no total galego, queimando 121.744 ha, o 50 % da superficie queimada en Galiza. Se no conxunto do país os lumes son intencionados nun 74,9 %, na provincia de Ourense chegan ao 79 %.
Quen quere que a situación siga así? Que políticas se puxeron en marcha para reverter a situación? Son responsábeis os gobernantes do Goberno galego e da Deputación? A administración potencia o abandono do rural e favorece a irracional repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos. Facilita a entrada de grandes empresas e multinacionais da minería para explotar o monte (litio, coltán…) sen que Galiza obteña beneficio económico ou social. Non importa que estas actividades cheguen aproveitando subvencións, consuman grandes cantidades de auga, xeren contaminación e provoquen desastres paisaxísticos. Aquí non se transforma o mineral que se extrae (postos de traballo limpos), e os beneficios empresariais tributan fóra do país. Todo está perfecto para o capital e a administración.
As empresas eléctricas Naturgy, Iberdrola, Endesa e Greenalia ven o territorio galego como un espazo a conquistar. Proba diso é que xa converteron Ourense nun monocultivo de electricidade (Miño, Sil e afluentes) e pretenden seguir producindo con bombeo hidroeléctrico ou almacenando a electricidade en baterías para exportala máis tarde (Galiza exporta a Portugal, Madrid e Euskadi máis da terceira parte da electricidade que produce). Por se fora pouco, ven Ourense e Galiza enteira como un gran parque eólico de onde obter cuantiosos beneficios, deixando apenas nada.
Queremos iso? Teñen sensibilidade de país os nosos gobernantes? Ourense, abandonada desde o franquismo, sufriu un despoboamento alarmante que continúa hoxe: segundo o INE, pasou de 430.159 habitantes en 1981 a 304.467 no rexistro de 2024. Onde está a ordenación do territorio racional, ecolóxica, sostible e social que mellore a economía do rural? Onde están as medidas para recuperar poboación e servizos?
Paos de cego contra o lume
O presidente da Xunta dicía en decembro de 2024 “que contaba cun dos dispositivos contra o lume mellores de Europa”; vese que non é así: fixo o ridículo. En 2023 externalizou o sistema de loita aérea contra o lume por 13,4 millóns ata 2026, sen que iso estea a dar resultado. Anunciara no Plan contra incendios (Pladiga 2025) novidades como a creación da figura dun xefe de loxística en grandes incendios, o aumento dun 20 % na formación e adestramento do persoal, plans preventivos para parques naturais, incremento da rede de videovixilancia, uso de drons, máis profesionais dispoñibles, helicópteros, motobombas, brigadas, axentes, técnicos, palas… Todo co obxectivo de que ardesen en 2025 menos de 18.554 ha, obxectivo que tristemente xa non se cumpre a estas alturas de ano.
A pesar do gasto de máis de 200 millóns de euros por parte do Goberno galego e de 5,2 millóns destinados este ano ata maio pola Deputación de Ourense, estamos igual que outros anos, sen avanzar. Isto indica que a prevención é insuficiente ou está mal enfocada, e que a extinción é un fracaso. A investigación e detención de culpábeis queda en mera intención teórica. Aquí arde todo: monte arborado e desarborado, pastos… e, para colmo, prodúcense evacuacións e quéimanse vivendas.
Algo parecido sucede con áreas protexidas: os incendios chegaron a parques naturais, ardendo nos últimos anos o 32,38 % da súa superficie, ou a zonas da Rede Natura 2000, con espazos que queimaron en pouco tempo máis do 15 % da súa extensión.
Preguntámonos: podemos esperar unha política axeitada que remate cos incendios e permita deter os incendiarios? En Galiza está demostrado que non.”
Imaxinar o inimaxinábel, por Lois Pérez
Artigo de Lois Pérez, publicado na web da AELG:
“Ao Mestre da Memoria 2023 da AELG, Xan do Vilar, escoiteino falar en Quiroga dos castiñeiros e do souto máis fermoso do Courel, aínda emocionado polos sucesos daquel gravísimo incendio onde o perdera todo; a Anxo Moure, falarme con tenrura no curuto da Casa da Árbore en Garabelos (Chantada) dos teixos, pero tamén de moitas outras árbores e do bosque, en conversas en Tui e nunha viaxe en coche dende Carballo a Lugo; a Daniel Caxigueiro, contarme abraiado no xardín da súa casa en San Martiño de Foz, do poder analxésico do zume dos salgueiros, do que soubo por un ancián polaco ao que lle caeron as bágoas ao ver un salgueiro como o da súa infancia –un pasatempo da súa nenez era zugar da cortiza do salgueiro–; á miña amiga Merce Grueso dicirme das carocas, eses buracos na cortiza que teñen algunhas árbores que semellan a boca da terra que ninguén escoita ou o oído ao que ninguén lle bisba nada pero que nos interpelan algunhas mañás de néboa no río, de cando en vez, como unha revelación; a Nito da Arousa, relatarme na súa casa da Illa, dos milleiros de árbores autóctonas que leva replantado alí e da resistencia do eucalipto e do difícil que é desfacerse del, como un soldado ferido na batalla ao que só lle restase camiñar. Polo escritor noruegués Karl Ove Knausgaard souben da micorriza, un fungo microscópico que, seguindo a idea de Suzanne Simard, forma unha rede subterránea que permite ás árbores compartir nutrientes e comunicárense, desafiando a visión individualista da nosa evolución como sociedade, suxerindo unha cooperación profunda entre todos os seus seres, moi por diante deste brutalismo patrimonialista en curso a nivel planetario (confundir o de todos co dun para facelo dun). Esas persoas e libros foron mellorando a miña conciencia do inmenso patrimonio natural que posuímos e mudaron para sempre a miña ollada puramente amábel e espontánea que calquera pode sentir ao percorrer unha fraga ou unha montaña. E a canción de Nacho Vegas: Ser árbol. E diante das imaxes que estes días dan conta da traxedia que está a vivir o noso país ardendo, veume tamén á cabeza unha lámina que había no meu cuarto cando era neno: ese debuxo de Castelao dun neno apertado ao tronco dun castiñeiro. As árbores son palabras e o bosque é a lingua. A lingua é territorio. O noso patrimonio é vida. A terra que pisamos, o ceo sobre as nosas cabezas.
Por que lembrar todo isto? Esperanza? Negación? Instinto de conservación? Non. Iso que hoxe vemos arder ponme en contacto co pouco que eu sei do que arde. Pero abondo para decatarme da dimensión da traxedia.
No incendio máis grave da nosa historia, o presidente Rueda di que “o plan de incendios estaba perfectamente preparado”. Pero é unha afirmación que entra dentro dun gobernar performático que é simular que se goberna. Esa simulación condiciona o resto da acción de goberno porque son accións destinadas a aparentar algo que non se corresponde coa realidade para saír mellor parado. O que nos di a realidade é xustamente o contrario: que o plan non estaba perfectamente preparado. Porque os lumes continúan sen ningún control ameazando con devorar outras zonas do país.
Cal é o grao de desidia e incompetencia desta xente que está na Xunta? Que senten exactamente polo seu territorio, pola súa paisaxe, polo seu país, pola xente? Que é o que entenden polo ‘seu país’? En que consiste exactamente na súa cabeza todo iso? Unha máis unha son dúas e o día ten 24 horas. E se este é o incendio máis grave da nosa historia e en dez anos non tomaches unha soa medida das 100 que che propuxeron os científicos en 2016, que nome lle damos a iso? Non é a túa responsabilidade? Non deberías dimitir, cesar ninguén? Irte?
Así que agora precisamos imaxinar o inimaxinábel. Adam Przeworski, ao fío do que vai acontecendo con Trump en USA, fala da incapacidade que temos como sociedade para ‘imaxinar o inimaxinábel’. É paradoxal, porque o que non somos quen de imaxinar como sociedade, si somos quen de imaxinalo como individuos. Moitos dos logros e transformacións como persoas xorden desa capacidade que temos para transformar o que imaxinamos en realidade. Pero iso é no plano individual ou en pequenos colectivos. No social é algo moi difícil, aínda que haxa excepcións. Abondan os casos do inimaxinábel cunha forte carga negativa, do que hai moitos exemplos ao longo da Historia. Pero nun sentido positivo de transformación social é algo máis escaso. Porén, esas derivas ao negativo veñen desa incapacidade para imaxinar o inimaxinábel. Tememos achegarnos a esa zona. Asociámolo co dramático, o tráxico, o perigoso. A perda. A morte. Esta, precisamente, resúltanos difícil de imaxinar porque batemos cos límites do descoñecido. E iso provócanos unha sensación de baleiro na medida en que é algo que escapa á linguaxe. Sen palabras das que aganchar resúltanos case imposíbel e fuximos dese lugar.
Pero precisamos vencer esa imposibilidade e imaxinar o inimaxinábel, aínda que nos resulte doloroso. Se os incendios destes días queimaron unha cantidade inmensa do país, precisamos imaxinar o que pode pasar nunha semana, dúas ou tres, xusto nese momento, cando pensabamos que xa pasara todo. Precisamos imaxinar, non que arde unha provincia enteira, senón que arde o país enteiro. E que se aplican medidas iguais ou semellantes, cos mesmos responsábeis que neste momento viven máis preocupados de gardar os seus intereses cós da cidadanía. Si, precisamos imaxinar o inimaxinábel, mobilizármonos e empurrar cívica e pacificamente esta xente fóra do goberno do país. Se non somos quen de imaxinar o inimaxinábel, acabarán pouco a pouco con todo. Até que non quede máis ca terra queimada.”
O Valadouro: acto de gratitude a Manuel Lourenzo
Monforte: actividades do 23 de agosto na Feira do Libro 2025
Monterroso: presentación de Ulla, Ulloa, Ulloáns, de Marco García Vaquero
Pontedeume: actividades do 25 de agosto na Vila do Libro 2025
Acta do xurado do XXVII Premio de Narración Curta Ánxel Fole
Pontedeume: actividades do 22 e 23 de agosto na Vila do Libro 2025
Vacina dos incendios, por Marilar Aleixandre
Artigo de Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“As situacións máis angustiosas que vivín son ter un dos meus debaténdose entre a vida e a morte e intentar apagar no medio da noite un incendio que ameazaba a casa. Ás veces, nos pesadelos, represéntase a lingua de lume avanzando polo monte de Toba e uns poucos veciños e veciñas loitando con pas por detelo.
Hoxe o pesadelo é realidade para a xente en Galicia que ve o lume levar por diante árbores, cultivos, paisaxes, casas nas que acougan memorias de xeracións, a súa vida. 60.000 hectáreas, talvez máis ao se publicar o artigo. Alcanzando Pena Trevinca, un símbolo no imaxinario do país, o Teixadal de Casaio. Arrasando parte do bosque de Ridimoas, os piñeiros, de momento sálvanse as caducifolias: un sinal.
Enfermidades e incendios teñen en común, ademais da angustia, que a forma máis eficaz de evitalos é a prevención. As vacinas salvan millóns de vidas. As vacinas contra os incendios son as políticas de prevención.
Estes incendios son distintos debido á crise climática, ao aumento desbocado das temperaturas, á seca. O fume impide, ás veces, actuar a helicópteros e avións. Cómpre apoiar todas as medidas para abandonar as enerxías fósiles.
As ecoloxistas, Adega, propoñen políticas forestais de xestión dos montes que preserve as súas funcións: limpar durante o inverno, repoboar con caducifolias, promover a gandería extensiva, deter a plantación de eucaliptos, non permitir a conversión en forestal de terras agrarias. A prevención require persoal contratado todo o ano, non seis ou nove meses, suficiente –a Xunta convoca agora 117 prazas de bombeiros e aínda hai vacantes–. As condicións laborais: ningunha comunidade autónoma aplica o novo Estatuto de bombeiros forestais de novembro. Pois, lembro, as competencias de prevención e extinción de incendios son das comunidades.
A solución non é aumentar as penas para os incendiarios. Si tomar en serio a crise climática.”