Desde a Cidade da Cultura:
“Como cada tempada, a data do 8 de marzo coincide cunha nova exposición da serie Mulleres sobranceiras do Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, que nesta ocasión dedicáse á figura da poeta Luz Pozo Garza, até o 9 de xuño.
Considerada unha das “voces esenciais” da poesía galega da segunda metade do século XX mantivo unha vida moi activa ata a súa morte no mes de abril de 2020 aos 97 anos deixando múltiples testemuños das súas actividades.
A exposición pretende, a través da súa documentación doada ao Arquivo de Galicia, facer un percorrido pola súa vida e a súa labor como poeta, ensaísta, catedrática ou editora.
A exposición nútrese do Fondo Luz Pozo Garza, arquivo persoal da poeta lucense e académica da lingua galega.
O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón está identificado como ‘Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza’.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Adela no País de Ural (M Editora), de Luís Mazás
Compostela: presentación da facsimilar de Fardel de eisilado, de Luís Seoane
A AELG celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Na nosa literatura, afouta e nutrida, temos numerosos exemplos para desfrutar e descubrir.
Desde a Sección de Didáctica da AELG, ofrecémosvos un xeito de indagar neste mundo marabilloso da man de Eva Mejuto (autora, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e persoa con grande experiencia no eido da edición).
Eva ofértanos un paseo pola literatura infantil e xuvenil galega baseado nas rúas de Pontevedra, nas librarías (tan importantes) desa cidade. E non só íso, na proposta tedes tamén un kahoot para descubrir e disfrutar novos personaxes e propostas literarias das nosas letras. Animádevos a mergullarvos neste mundo marabilloso. “Dinnos que os dragóns non existen para que cada quen poidamos descubrilos por nós propixs” (Jeff Smith, Bone).
Podedes acceder premendo nesta ligazón.
#AELG #DocenciaAELG #DíaDoLibroInfantilEXuvenil #LemosEnGalego
Malpica: presentación de Amar non ten laranxas, de Paco Souto
Corme: presentación de Como a roda no muíño, de Suso Lista
Lugo: Cultura coloca unha imaxe de Isidro Novo na biblioteca municipal
Desde a Área de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo:
“A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a biblioteca municipal Isidro Novo, onde se vén de colocar unha imaxe do poeta lucense. A edil de Cultura estivo acompañada do Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e de familiares do poeta.
Maite Ferreiro explicou que “desde a Tenencia de Alcaldía queremos facer unha homenaxe a un autor que fixo moito traballo a favor da lingua e da cultura galega”, e destacou a figura de Isidro Novo como “referente literario de Lugo”.
A obra de Isidro Novo contan con 21 libros escritos por el, aos que se suman 17 colaboracións con outros autores. Na súa obra destacan a narrativa e a poesía, xéneros aos que se suman a tradución e o ensaio.”
Conferencia de Pilar García Negro sobre Nós
XelArias. Palabra á intemperie (Baía), de Emma Pedreira e Laura Romero
María Dolores Araújo gaña o Certame de Narración Curta Ánxel Fole con Imaxes roubadas
Desde Nós Diario:
“A obra Imaxes roubadas, da viguesa María Dolores Araújo, foi a escollida polo xurado do XXIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. A gañadora recibirá un premio de 4.000 euros e a obra será publicada por Xerais.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado, que contou con Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín.
A obra Imaxes roubadas destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, porque “nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria… “
O xurado valora positivamente que de once obras de arte do século XX, seis estean realizadas por mulleres, sen esquecer o protagonismo feminino na maioría de relatos. Ademais, a presenza da arte galega é salientábel.”