Muiñeira da Pinguela, de Lupe Gómez, acada o primeiro premio no X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“Lupe Gómez Arto (Curtis, 1972) álzase como gañadora da X edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, premio convocado polo Concello de Mondoñedo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Muiñeira da Pinguela.
O xurado destacou nos versos de Lupe Gómez a súa capacidade evocadora, que nos traslada ao mundo da infancia e aos eidos familiares da memoria, cunha moi hábil alternancia do poema versal e o poema en prosa e a integración na escrita propia de diversas voces literarias citadas e homenaxeadas.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada O mapa do pintor, da que é autor Xurxo Alonso García (Buenos Aires, 1956), residente en Vilagarcía de Arousa.
O xurado salientou na súa proposta poética a forza das imaxes coa que se ganduxan estes versos así como a súa impecable dicción, que asenta no verso longo, case versicular, e nun celmoso rexistro lexical culto que envolve toda a escrita.
Miriam Ferradáns Ferradás (Bueu, 1982) acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Os amantes.
O xurado salientou na súa escrita a forza das relacións sentimentais que espella, esmaltadas de sintagmas e imaxes ben orixinais, nas que a voz lírica se erixe en cronista dunha intensa historia de amor no escenario dun pasado feliz que se rememora dende un presente de orfandade.
A entrega do premio terá lugar o xoves, 23 de decembro, segundo o seguinte programa:
– 12:30 horas. Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
– 13:00 horas. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto ao aforo e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.”

Vigo: presentación de Unha voz, moitas voces Xela Arias tradutora

Entrega do Premio Pedra do Destino de Amigos dos Museos de Galicia a Elixio Rivas

O domingo 28 de novembro, un representativo grupo de Amigos dos Museos de Galicia desprazouse ao Santuario dos Milagres de Baños de Molgas para facer entrega do Premio Pedra do Destino 2021 a don Elixio Rivas Quintas polo seu incansable traballo na pescuda e recolleita de palabras, tradicións e materiais que comparte e conforman a valiosa colección do “Museo dos devanceiros” nas mesma dependencias dos Paules. Amigos dos Museos de Galicia deu a coñecer este premio o 18 de Maio, “Día Internacional dos Museos”, galardón que, nesta ocasión consiste nunha valiosa peza para a súa colección: trátase dun rostrillo labrado en ouro para imaxe de Virxe, datado no século XVII. Antes e despois da entrega que terá lugar no mesmo Museo dos Devanceiros, o colectivo fará un roteiro polas terras do Medo.