Fina Calleja: “O apego de Rosalía á terra non é contemplación. É revolucionario, consciente. Non é unha paisaxe de postal, nostálxica”

Entrevista de Montse Dopico a Fina Calleja en Praza (foto: Culturactiva):
“Unha vez, tras unha visita escolar á casa de Rosalía de Castro, unha nena pequena chegou á casa contándolle ao seu pai que Rosalía non estaba. E que era fea porque estaba morta. O pai quedou pensando que, xa que Rosalía é precisamente o contrario: vida, luz…, algo habería que facer para axudar a que os nenos e nenas a visen tal como foi. Así xurdiu Rosalía’, a obra de teatro de Culturactiva que recrea a vida da Rosalía de Castro nena. Dirixida por Fina Calleja e interpretada por Cristina Collazo e Rocío González, Rosalía é o xogo, a exploración. O amor á palabra, á terra e ás persoas que nos coidan e que coidamos. Tamén as decisións adultas que, na infancia, non tomamos e nos afectan. E a amistade, e a imaxinación, como apoio no que acubillarnos cando a nosa vida dá un xiro. Falamos con Fina Calleja tras a preestrea deste espectáculo no Auditorio de Teo. A estrea será o sábado 22 de febreiro no Teatro Colón, na Coruña.
– Praza (P): O proxecto é unha iniciativa de Culturactiva. Por que che interesou cando che propuxeron dirixilo?
– Fina Calleja (FC): Eu xa traballara en Sarabela co Cabaleiro das Botas Azuis de Rosalía. Iso, e o meu amor pola figura de Rosalía, xa me puxo moi en antecedentes para facer unha revisión da figura da Rosalía como autora en consonancia cos novos estudos sobre o tema. Para min era interesante rescatar a poesía como protagonista, desde a certeza de que, se os nenos aos 4, 5 ou 6 anos adoran a literatura: xogan coas palabras, etc, algo pasa despois no seu desenvolvemento educativo no que isto pasa a ser outra cousa…
Partimos, así, do suposto ficcional da Rosalía nena que sente amor pola palabra como obxecto de xogo, en relación coa natureza. A aceptación do proxecto pola miña parte veu, de feito, cando atopamos iso: unha maneira de contar a historia que tivese interese, que achegase algo, que xustificase a posta en escena.
– P: Entón, a idea é presentar a Rosalía nena que vai xa descubrindo a poesía, na que vai nacendo a poeta que será despois.
– FC: Si, e sería magnífico que ademais os nenos e nenas que veñan ver a obra queden con esta idea de xogar coas palabras, que se sintan estimulados para seren creativos. Nese sentido, o espectáculo trata de ter un valor en si, e non ser só unha actividade escolar complementaria. Queremos que sexa algo que nutra ao espectador. (…)”

“Fina ironía e benévolo humorismo”

Desde Radiofusión: “Henrique Dacosta foi o convidado no club de lectura da Radio Fene Radiofusión. A súa biografía Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético editada por Xerais é un libro ameno, didáctico do que gustaría o profesor. Conversaron co escritor ferrolán, a directora dos Roteiros de Carvalho Calero, Loreto de Castro; Henrique Sanfíz, Antonio Casal, de Ferrolterra Antiga e María Xesús Arias. “A postura antilusista ou seja separatista, ou isolacionista, tem sentido de umha perspectiva castelhanista. O que estime que o galego é umha antigualla inservivel, ou simplesmente um expediente antieconómico, ou um insidioso atentado contra a unidade nacional, debe ser antilusista e antigaleguista, debe confessar-se abertamente castelhanista en materia idiomática” afirma no seu libro Da fala e da escrita.”