Arquivo da categoría: Actividades AELG
AELG: Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.
Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a asociación cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 16,30 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”), para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.
Marilar Aleixandre “á sombra do abruñeiro”
Marilar Aleixandre homenaxeada pola AELG
A homenaxe “A Escritora na súa Terra”, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada o sábado día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.
Programa de actos
Sábado, 5 de xuño de 2010 (11:45 horas) – Parque Avda. de Barcelona (Santiago de Compostela): Plantación dun abruñeiro (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo. Descubrimento da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Marilar Aleixandre.
13,00 horas – Salón Nobre do Pazo de Raxoi (Santiago de Compostela): Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen:Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Ana Romaní: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención da homenaxeada: Marilar Aleixandre.
14,30 horas – Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen” (Rúa das Oblatas s/n, Santiago de Compostela): Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade de Santiago de Compostela e demais persoas interesadas.
Sigue lendo
Homenaxe a Marilar Aleixandre: fin de reservas
O sábado 5 de xuño a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a XVI Edición “O/A Escritor/a na súa Terra”, recaendo este ano na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada en Santiago de Compostela. Se desexas acompañar a Marilar no xantar de confraternidade co que remata a homenaxe, informámoste de que o prazo para facer a reserva remata esta fin de semana xa que o luns 31 é a data tope que nos dá o restaurante para confirmar o número de asistentes ao xantar, non admitindo máis reservas a partires desa data.
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG)
Horario: Luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:00. Tlf./Fax: 981 133 233. Avda. de Alfonso Molina, s/n. Edif. de Sindicatos, 8º andar. 15008 – A CORUÑA.
Marilar Aleixandre, protagonista da XVI Edición “O/A Escritor/a na súa Terra”
O sábado 5 de xuño a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a XVI Edición “O/A Escritor/a na súa Terra”, recaendo este ano na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada en Santiago de Compostela.
Se desexas acompañar a Marilar no xantar de confraternidade co que remata a homenaxe, informámoste de que terás que facer a reserva até este venres, 28 de maio, a través do telf. 981 133 233 ou respondendo esta mensaxe. O prezo do prato é de 35€, que se pagará no propio restaurante nunha mesa habilitada para o efecto. Os actos comenzarán ás 11:45h no Parque Avda. de Barcelona, onde se plantará a árbore escollida pola escritora (un abruñeiro) e se descubrirá un monólito conmemorativo. Ás 13:00h, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, terá lugar o acto de entrega da “Letra E”. Ás 14:30h, xantar de confraternidade no Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen” (Rúa Oblatas s/n.)
Podes ver o programa de actos e localización no mapa dos lugares da homenaxe.
Mesía, Ponteceso: novas Polafías
Mañá venres e pasado mañá sábado terán lugar as seguintes polafías:
Ponteceso, 21 de maio, ás 20.30, na Fundación Eduardo Pondal
Mesía, 22 de maio, ás 21.00, na Praza do Concello de Mesía (haberá carpa)
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións locais e institucións. A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou
veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
Mais información sobre Polafía Ponteceso e Polafía Mesía. Para ver os contidos videográficos das anteriores polafías, podedes ver o portal da Sección de Literatura de Tradición Oral na web da AELG.
Día das Letras: 100.000 persoas defenden o galego e lembran Uxío Novoneyra
Xabier P. Docampo no III Encontro Cidade da Coruña
Este mércores 19 de maio, ás 20.00 no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar a quinta e última conferencia do III Encontro Cidade da Coruña “Literatura e viaxe”, neste caso a cargo de Xabier P. DoCampo, con título “Viaxes imaxinarias”. A presentación correrá a cargo da escritora María Canosa e a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas Zas, fará a clausura do ciclo de conferencias.
Convocatoria da AELG para o Día das Letras

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que forma parte da Plataforma “Queremos Galego”, contará con pancarta propia na manifestación convocada para o vindeiro luns 17 de maio, ás 12 da mañá, e que partirá da Alameda de Santiago de Compostela.
A AELG convida os seus Socios/as, e en xeral a todos os escritores e escritoras en lingua galega, a sumarse a esta manifestación tras a pancarta da Asociación, que estará na entrada da Alameda.