A Coruña: Roteiro Sempre en Galiza. Sempre con Castelao, con Pilar García Negro, o 28 de xuño

Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O roteiro Roteiro Sempre en Galiza. Sempre con Castelao, guiado por Pilar García Negro, xirará arredor dos seguintes eixos:
– Tempo vital e histórico de Castelao.
– Artista, escritor, político nacionalista, patriota galego.
– Exilio e obra derradeira. Sempre en Galiza.

Terá lugar o sábado 28 de xuño, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída é: Xardíns dos Cantóns, diante do busto dedicado a Castelao. Non é necesaria inscrición previa.

Esta actividade conta co apoio do Concello da Coruña.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Crónica fotográfica da Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria 2025

Estas son algunhas das fotografías da Polavila DoCampo, que tivo lugar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, organizada pola Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías enviadas por Ghanito).

Maceda homenaxea Francisco Carballo no centenario do seu nacemento

Desde Nós Diario:
“A xornada desenvolvida neste 15 de marzo en Maceda arrancou ás 11 horas na parroquia natal de Carballo, Asadur, cunha ofrenda floral no cemiterio onde está soterrado desde o seu falecemento en 2014.
Os asistentes ao acto desprazáronse ás 11:30 á casa familiar de Carballo, onde o seu amigo e compañeiro de loita nacionalista, Celso Sánchez, deu lectura a un escrito do homenaxeado. Media hora máis tarde, interveu a alcaldesa da localidade, Uxía Oviedo.
A xornada promovida pola Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC) tivo os seus actos centrais ás 12 horas no salón de actos do Concello de Maceda, onde actuou como mantedor o presidente da entidade, Santiago Prol.
O acto arrancou coa actuación musical de Ergutío Cantareiras e a proxección do audiovisual Lembrando a Francisco Carballo, onde se recollen diversos aspectos da súa vida.
A continuación tomaron a palabra a concelleira de Cultura de Maceda, Beatriz Cuenca; o presidente da Fundación Terra e Tempo Francisco Rodríguez; a sobriña do homenaxeado Milagros Calvo Carballo; os antigos cregos Manuel Peleteiro e Antón Gómez; o xornalista Xan Carballa; o ex alcalde de Maceda Bieito Seara; e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón.
O acto serviu para presentar o último número da revista Terra e Tempo, dedicado ao homenaxeado e titulado Francisco Carballo. Na fronteira do eclesial e co corazón na Galiza, que ofrece unha completa e detallada panorámica sobre a súa figura, obra e traxectoria.
A publicación recolle a colaboración de amigos, compañeiros de militancia política e especialistas na figura de Carballo, como Francisco Rodríguez, Milagros Calvo Carballo, Antón Gómez, Victorino Pérez Prieto, Pilar Allegue, Xosé Lois Ruiz Vicente, Anselmo López Carreira, Bieito Lobeira, Bieito Seara, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Santiago Prol.”