Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hoxe é o cabodano de Xosé María Díaz Castro, quen se nos foi hai hoxe vinte e catro anos. Marchou o home, pero ficou connosco a súa escrita, que sempre nos admirará, como tamén admirou en vida aos que foron grandes amigos seus e tiveron a fortuna de ler o magnífico Nimbos en canto se publicou no verán de 1961. Entre estes tiña lugar senlleiro Ramón González-Alegre, director que foi da célebre Alba, a cabeceira que viu por vez primeira impresos os versos de ‘Penélope’ e tantos outros.
En lembranza de quen tan memorables páxinas nos legou, deixo aquí a dedicatoria inédita que o propio poeta estampou nun exemplar da primeira edición de Nimbos enviado, dende Madrid, ao seu amigo González-Alegre, quen o recibiu en Vigo para gorentalo devagar, como deixou escrito en diversos lugares.”
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
A Coruña: conferencia Julio Cortázar, escritor e tradutor, a cargo de Francisco X. Fernández Naval
O
martes 30 de setembro, ás 20:00 horas, na Salón de Actos da Biblioteca Pública González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), Francisco Xosé Fernández Naval pronunciará a conferencia Julio Cortázar, escritor e tradutor, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Tradución e tamén do centenario do nacemento de Cortázar.
Narla, Friol, Lugo: nº 3 da revista oral Castronela, arredor da figura de Celestino Fernández de la Vega
O
sábado 27 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), pertencente á Rede Museística da Deputación de Lugo, terá lugar a terceira edición da Revista oral de periodicidade anual Castronela, coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre e gratuíta. Estará dedicada á figura de Celestino Fernández de la Vega. O sumario é o seguinte:
– Portada musical. Preludio da Primeira suite (J. S. Bach), por Paula Rancaño (3’).
– Vida. Lugo, cidade feita á medida do meu corazón, por Ramón López Vázquez (10’).
– Música. Primeiro movemento Suite para cello só (G. Cassadó), por Paula Rancaño (3’).
– Celestino en Friol. Os anos mozos na terra natal, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
– Música. Elexía (Andrés Gaos), por Paula Rancaño (3’).
– Celestino e Guitiriz. As viaxes a Guitiriz, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
– Narración 1. Mortes de trasmundo, por Lois Pérez (5’).
– Música. Estrada de Madrid (Luigi Bocherinni), por Paula Rancaño (3’).
– Narración 2. O novenario do Totó, por Lois Pérez (5’).
– Obra. Unha obra tan importante coma breve, por Ramón López Vázquez (10’).
– Música. Lela, por Paula Rancaño (3’).
– Epílogo. Lembranzas, por María Luísa Maceda Méndez (viúva de Celestino F. de la Vega) (5’).
– Colofón. Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (5’).
– Contracuberta musical. Negra sombra, por Paula Rancaño (3’).
Cen anos do nacemento en Friol do ensaísta e pensador Celestino Fernández de la Vega, no Diario Cultural
Cen anos do nacemento en Friol do ensaísta e pensador Celestino Fernández de la Vega, no Diario Cultural da Radio Galega.
Lembranza de Celestino Fernández de la Vega, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Tal día coma hoxe, fai exactamente cen anos, naceu en Friol Celestino Fernández de la Vega (1914-1986), quen había ser, andando o tempo, unha das voces senlleiras do pensamento e o ensaísmo galego de Posguerra.
En homenaxe a quen foi o descubridor dos arcanos de O segredo do humor, hoxe recupero aquí un texto seu descoñecido, que pasou desapercibido todos estes anos mesmo para os grandes estudosos da súa figura, pois non aparece referenciado nas completas bibliografías que sobre del fixeron Carlos Fernández, Siro López ou, máis recentemente, Ramón López Vázquez.
Trátase dun pequeno artigo resumo dun seu traballo maior, o ensaio de carácter histórico El enigma de Santa Eulalia de Bóveda (1970), do que neste texto que reproduzo se fai unha acaída síntese.
O artigo, titulado Un curioso en Santa Eulalia de Bóveda, aparece integrado no volume colectivo Galicia Ano 70, unha publicación da vella librería-imprenta Celta de Lugo no que tamén colaboraron outras voces maiores da escena literaria lucense en particular e galega en xeral, como Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros. (…)”
Lugo: Cilistro na memoria vida de Lugo, no centenario de Celestino Fernández de la Vega
Terra Chá: Memoria da Chaira Enteira, X cabodano de Manuel María, o luns 8 de setembro
O
luns 8 de setembro de 2014 a Irmandade Manuel María organiza unha nova edición da Memoria da Chaira Enteira, en conmemoración do X cabodano de Manuel María. O programa previsto é o seguinte:
– 14:30 h. Xantar no Restaurante Río Ladra (Rábade).
– 17:00 h. Recital de poesía en Penas de Rodas.
– 18:00 h. Ofrenda no Cemiterio de Outeiro de Rei.
– 19:00 h. Na Carballeira de Sta Isabel: entrega da Navalla de Manuel María a Felipe Senén e, in memoriam, a Suso Vaamonde.
* Para máis información e apuntarse ao xantar, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 646413890.
A Vilerma (Maside, concello de Sarria): Homenaxe da AELG a Xela Arias
O
pasado ano 2013 cumpríronse 10 anos do pasamento da poeta Xela Arias. Por este motivo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que xa o pasado marzo lembrara a autora nunha homenaxe en Vigo, organiza para o vindeiro sábado 6 de setembro, ás 12.00, na Vilerma (parroquia de Maside, concello de Sarria) un novo acto para testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica.
Descubrirase unha placa na casa familiar, na que viviron a autora e mais seu pai, Valentín Arias, quen foi cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Despois da intervención do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, continuarase coa lectura de textos de Xela Arias por parte das escritoras e o escritor Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e Xulián Maure. Seguiremos así facendo memoria dos seus versos e transmitindo ese herdo inmenso que é a obra dunha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua; unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, que transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.
A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.
Ánxel Fole fai 111 anos, por Armando Requeixo
Artigo
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O 11 de agosto de hai, exactamente, 111 once anos —cifra capicúa onde as haxa— viña ao mundo en Lugo Ánxel Fole, quen había de ser, andando o tempo, un dos narradores galegos máis importantes do seu século. Aquel rapaz que vía a luz primeira nun antigo casarón da Praza do Campo Castelo (onde agora, e dende hai xa anos, o concello dispuxo unha estatua na súa memoria) foi unha das voces principais da recuperación literaria galega na Posguerra.
Cando aínda a Rede era apenas un asomo do que vivimos, alá polo xa afastado 1997, escribín para o tamén histórico Vieiros un artigo divulgativo (“Ánxel Fole: un narrador galego diferente”) que hoxe, con mínimas correccións, me presta recuperar a modo de puntual homenaxe a un escritor ao que sempre cómpre volver. Que sexan parabéns, don Ánxel, nese Ceo bravo onde ha de andar parolando e escribindo á lus do candil.
Ánxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos nosos escritores máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ao longo da súa vida todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo no que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).
Entre toda esta produción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativador prólogo ficcionalizado que, baixo o título de “Terra do Caurel”, dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprender o marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolver as súas afeccións cinexéticas, deciden “matar o tempo” contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios é despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nós o alí narrado polos diferentes cazadores.
Ora ben, “Terra do Caurel” vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistemático e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ao interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes.
Evidentemente, Ánxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, máis ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Porén, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da Posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entender a nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral.
Precisamente por estas razóns, “Terra do Caurel” é un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofrécennos a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. “Terra do Caurel”: cartografía foleana do mapamundi cultural galaico.”




