Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti

Editado pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).

Pontedeume: Homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro ás 12:30 horas

Con motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.

Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro

“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.

Profesores da Universidade de Santiago homenaxean a Juan José Moralejo

“Un grupo de profesores da Universidade de Santiago ofreceron o xoves 22 de setembro unha homenaxe ao tamén profesor Juan José Moralejo Álvarez. A celebración tiña como motivo o 70º aniversario do doutor en Filoloxía Clásica, que foi profesor de numerosas promocións da Universidade compostelá. A homenaxe, que partiu dun grupo de docentes do Departamento de Latín e Grego, tivo carácter aberto, e fóronse sumando no salón de actos da Facultade de Filoloxía unha parte dos amigos, colegas e exalumnos do profesor que traduciu a Política de Aristóteles ao galego”. Vía La Voz de Galicia.

Gondomar: proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro dirixido por Manuel Forcadela

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, no Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10) de Gondomar, terá lugar a presentación e proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro a cargo do seu director, Manuel Forcadela. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.

Gondomar: recital poético, concerto e representación teatral en homenaxe a Álvaro Cunqueiro

O venres 16 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, terá lugar un recital poético de textos de Álvaro Cunqueiro a cargo de Marta Dacosta e Rexina Vega, concerto musical baseado en textos de Cunqueiro a cargo de César Morán, acompañado polo contrabaixo de Alfonso Morán, e representación do prólogo do Incerto señor don Hamlet a cargo do grupo Non si Teatro. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.

Carballo: Memorias das Memorias dun neno labrego, por Cándido Pazó

O xoves 15 de setembro, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura (Rúa do Pan) de Carballo, e dentro das actividades do 35º aniversario da Asociacion Cultural Lumieira, terá lugar a representación de Memorias das Memorias dun neno labrego, a cargo de Cándido Pazó, no 50 aniversario da primeira publicación do libro de Xosé Neira Vilas. Vía Fervenzas Literarias.

A Coruña: Dezasete letras na brétema, conferencia de Alberte Suras sobre Manuel María

O xoves Alberte Suras15 de setembro, a partir das 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Dezasete letras na brétema (unha ollada arredor de Manuel María), a cargo do escritor e profesor Alberte Suras.

Barcelona: mesa redonda sobre Cunqueiro e a cultura catalá

O xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Prat de la Riba do Institut d’Estudis Catalans (Carrer del Carme, 47) de Barcelona, terá lugar unha mesa redonda sobre a figura de Álvaro Cunqueiro baixo o título de Cunqueiro e a cultura catalá, onde Pere Gimferrer, Jordi Garcia, Basilio Losada e Fernando Valls analizarán a vinculación do autor mindoniense con Catalunya. Salvador Giner e Ramón Villares presidirán o acto, enmarcado na celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro.