O
xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Santiago: Á beira de Beiras, homenaxe a Xosé Manuel Beiras, o 17 de decembro
Co
gallo do 40º aniversario do libro O atraso económico de Galicia terá lugar unha homenaxe ao seu autor, Xosé Manuel Beiras Torrado, o vindeiro 17 de decembro en Santiago de Compostela, baixo o título Á beira de Beiras. A comisión organizadora, integrada por Xosé María Álvarez Cáccamo, Salomé Álvarez Blanco, Xusto Beramendi, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo, Lidia Senra e Xosé Manuel Soutullo, infórmase de que a homenaxe contempla tamén a celebración do 75 aniversario do economista, profesor e político galego, engarzando así as dúas efemérides e “ofrecendo o merecido recoñecemento pola súa traxectoria de entrega a Galicia e loita pola reivindicación dos valores que ennobrecen ao ser humano”.
Nese día, 17 de decembro, ás 12:30 horas, no salón Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, farase a presentación dun libro dedicado á súa persoa editado por Galaxia con máis de trinta autores, xunto con outras actuacións no mesmo lugar que se están a programar. Este acto será público.
A continuación, ás 14:30 horas, terá lugar un xantar no seu honor no restaurante do mesmo auditorio, para o que será preciso inscribirse na conta do Banco Santander 0049 5404 22 2795102504 (Homenaxe a Beiras), mediante o pago de cincuenta euros. Máis información no correo: homenaxebeiras@gmail.com
Crónica posterior en Galaxia. Nesas ligazóns pódense ver unha fotogalería do acto e a súa intervención.
Santiago: 30º aniversário da AGAL, o sábado 5 de novembro
“O
sábado 5 de novembro a Associaçom Galega da Língua (AGAL) celebra no Museu do Povo Galego, em Santiago de Compostela, o ato comemorativo do 30º aniversário da entidade reintegracionista. A receçom aos assistentes será às 11:00 horas, e a partir das 11:30 invervirám diferentes pessoas que explicarám nas suas próprias palavras diferentes aspetos da história da associaçom e da atividade realizada nas últimas três décadas. O ato encerrará contra as 13:00 horas com degustaçom de aperitivos e bebidas. Por enquanto, já confirmárom a participaçom no ato perto de um cento de pessoas. Além disso, representantes de diferentes entidades também anunciárom a presença de representantes institucionais.
Na mesma data, mas já ao meio-dia, haverá umha homenagem aos sócios da AGAL e membros da Academia Galega Isaac Alonso Estraviz e José-Martinho Montero Santalha. Decorrerá a partir das 14:15 h. no Restaurante O 16, mesmo ao pé do Museu do Povo Galego. Devido à lotaçom limitada, já nom é possível reservar vaga, e mesmo foi estabelecida umha lista de espera. Ao redor de meio cento de pessoas tributarám-lhes a sua admiraçom e afeto a estes dous vultos do reintegracionismo.
Também como parte das atividades do 30º aniversário da associaçom, o Conselho da AGAL promove um concurso para eleger o novo logótipo de entidade reintegracionista. As pessoas interessadas em participar têm até 17 de novembro para enviar as suas propostas. (…)” Vía Portal Galego da Língua.
Ferrol: mesa redonda sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro
O
xoves 3 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero (Praza do Inferniño, s/n.) de Ferrol terá lugar unha mesa redonda dentro do ciclo dos Faladoiros Cunqueiro que promove o Consello da Cultura Galega. Desta volta, Ramón Loureiro, José Antonio Ponte Far, Rubén Jarazo e Antonio Raúl de Toro Santos debaten sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro. Influencias, confluencias e visións sobre esta potente fonte de inspiración serán analizadas por estes escritores e críticos.
A Coruña: Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011)
O xoves
3 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, terá lugar unha Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011), organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, cos seguintes actos:
– Estrea do documental Miracielo, vida e morte de Manuel Ponte Pedreira, de Pablo Ces, presentado por Aurora Marco.
– Mesa-coloquio coa participación de Maruchi Ponte (filla de Manuel Ponte), Bernardo Máiz, Manuel Pazos e Rubén Afonso Lobato.
– Recital de poesía.
– Actuación musical de Mini e Mero (do grupo A Quenlla) e de Miro Casabella.
Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O
venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.
Armando Requeixo: Cunqueiro e o Camiño de Santiago
Artigo
de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“No día de onte achegueime ata Palas de Rei para participar no VIII Congreso Camiño de Santiago. (…) Pois ben, no marco desas xornadas fun convidado a impartir unha conferencia baixo o título Álvaro Cunqueiro, señor da palabra e dos camiños. (…) As palabras que seguen son un fragmento dun dos capítulos da miña intervención, onde resumo os que entendo son os principais trazos definitorios desa particular percepción. Velaí:
(…) En efecto, a visión que Cunqueiro gardaba do Camiño era ahistórica porque nela —como en xeral en toda a obra do de Mondoñedo— se producía unha abolición da sucesión cronolóxica, de tal xeito que todo o relatado formaba parte dun fresco panhistórico, unha sorte de background sincrónico no que todos os personaxes da Historia da Humanidade convivían nunha mesma e única dimensión presentista. E isto era así porque para Cunqueiro era moito máis importante na ficción esa esfera do imaxinario transreal ou pararreal que a propia vivencia empírica, de maneira que non é estraño ver por xunto como peregrinos do Camiño a persoeiros de tempos e lugares moi afastados, que, porén, conviven, rememoran e dialogan como se tal veciñanza fose o máis esperable e lóxico. Directamente vencellado co anterior está a percepción paradisíaca e ata edénica do propio Camiño. Para Cunqueiro o Camiño de Santiago era un camiño de camiños, un camiño de vida no sentido de que era sentido por el como un camiño de historias, non como un roteiro. Por tanto, o mindoniense despraza o centro de atención dende o viario sociohistórico ata o experiencial individual. Ao escritor non lle interesan os fitos do Camiño, a súa paisaxe como tal paisaxe, senón que vai máis alá. Cunqueiro quere sempre pór de relevo o que no Camiño de Santiago hai de etnopaisaxe (visión antropolóxica), de sociopaisaxe (visión sociolóxica) e mesmo de metapaisaxe (visión teórica). Porque o que verdadeiramente importa non é tanto o que o Camiño é en por si coma o que representa como vía de acceso a unha instancia superior: a do Paradiso no que todos os seres que o transitaron algunha vez habitan, ese espazo edénico, fóra de toda lóxica convencional onde son posibles todos os (re)encontros, todas as maxias, todas as linguas e as cousas todas, pois é o nimbo cunqueirián resultante da sublimación case neoplatónica dos imperfectos pasares terreais ata unha ultrarrealidade idealizada. Ese, e non outro, é o sentido último do Camiño de Santiago para Cunqueiro.”
A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas
O sábado
15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.
Ramón Nicolás sinala que falta “un estudo da súa obra como conxunto”, sobre Celso Emilio Ferreiro
‘Celso Emilio Ferreiro
foi coñecido como moi poucos escritores, segundo apunta Ramón Nicolás, que está preparando unha biografía sobre o escritor que ten previsto publicar Xerais, despois de ter realizado numerosos estudos sobre a obra do escritor de Celanova. Nicolás sinala que o Día das Letras Galegas “marcou un punto de inflexión na celebración: a cantidade e intensidade de actos que se celebraron, non só a nivel académico, senón e sobre todo popular”. Por isto, considera o biógrafo que desde o ano 1989 non hai grandes novidades na recepción da obra de Celso Emilio “fóra dalgunhas achegas interpretativas illadas e puntuais; non hai aínda un estudo que cualificaría como definitivo sobre a súa obra”. Para Ramón Nicolás, aínda con todo o coñecemento que hai da obra de Ferreiro, quedan algunhas sombras sobre algunhas facetas e xéneros que o escritor practicou. Neste sentido explica que “sobre todo a narrativa, por non estar tan popularizada como a poética”. “E son da opinión que hai aí un narrador de altura. Tamén recibe unha escasa atención o labor xornalístico e aqueloutro de carácter político derivado das súas responsabilidades políticas desenvoltas tanto na Federación das Mocedades Galeguistas como no seo dos primeiros anos da Unión do Povo Galego e na súa militancia no PSG”. Sinala que tamén sería desexable desbotar “algúns tópicos evitables ao pouco que un se informe e contraste datos. O máis molesto son afirmacións acusatorias un tanto infamantes e que nunca se acompañan de documentos”. (…)” Vía La Voz de Galicia.
O Parlamento avala o 2012 como o ano de Celso Emilio Ferreiro
‘Os
tres grupos con representación no arco parlamentario galego acordaron este martes [11 de outubro], a instancias do PP, “honrar a figura de Celso Emilio Ferreiro” no centenario do seu nacemento. Deste modo, ao longo de 2012, programaranse diferentes actividades de “promoción e difusión” para dar a coñecer a súa biografía e a súa obra. Malia o acordo do pleno da Cámara, o debate sobre esta iniciativa, que insta á Xunta a elaborar un catálogo de actuacións e a buscar a colaboración doutras entidades para difundir a súa obra e dar a coñecer a súa “actividade política de compromiso con Galicia e en defensa dos valores democráticos”, non estivo exento de polémica (…)’ Galicia Hoxe. Tamén en La Voz de Galicia, La Opinión e Cultura Galega.