Lugo: Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais, o mércores 7 de outubro

1443702711458castelaoerLetra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa e Isidro Novo. É a quinta edición desta “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán, e na que este ano interveñen persoas que rememoran catástrofes e desastres naturais.
Terá lugar o mércores 7 de outubro, a partir das 18:00 horas, no Círculo de las Artes (Praza Maior, 23) de Lugo, con entrada libre.

Ciclóns como o Hortensia (1984) e o Klaus (2009), terremotos como o de 1997 (que acadou 5,1 de intensidade, sendo o seu epicentro no triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá), galernas (como a de 1961, con 83 mortos, que castigou especialmente a Celeiro), así como riadas, inundacións, nevaradas, sarabiadas e tormentas con maior ou menor sona que teñan dado lugar a unha aventura ou vivencia digna de ser contada. Sucesos de aquí e de alá como os que nos van narrar dalgunhas catástrofes en Nicaragua desde a ONG Axunica.

Contan:
– Bernardino Pardo Teixeiro.
– Paco Nieto.
Antón Grande.
– Xerardo Pardo de Vera.
– Ana Vila Montero (da ONG Axunica).

Música:
– Mini e Mero.

Coordinan e presentan:
Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura Oral da AELG).

Cartel_LetraDasFestas_2015_AELG

Primeira excursión da ruta Costa do Solpor, o sábado 17 de outubro

OXosé María Lema Suárez Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza a primeira excursión en autobús da Ruta Costa do Solpor para o sábado 17 de outubro de 2015.

Trátase dunha ruta turístico-literaria de un día que percorre os escenarios naturais da novela Costa do Solpor (finalista Premio Xerais 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria) de Xosé Mª Lema, na súa maior parte de grande interese paisaxístico, tal como se describen na sección O Territorio do/a Escritor/a da web da AELG, concretamente aquí. Visitaremos, entre outros lugares de interese: as ruínas do pazo de Boallo; litoral fisterrán, coa visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra e o castelo de San Carlos; a casa natal do Crego Sabio; litoral muxián: cabo de Touriñán e punta da Buitra, praia da Arnela, monte Cachelmo e a furna da Buserana; a vila maldita de infausto nome; litoral camariñán: cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo e a Serra das Penas Rubias; Valverde; os Coídos Xemelgos de Santa Mariña do Tosto; os valados litorais de Camelle e o Museo de Man.

O guieiro será o propio autor da novela.

– Saída de Vimianzo ás 10 da mañá do 17 de outubro.
– Xantar no Restaurante O Pinar (Os Muños-Muxía), ás 14:30 horas.
– De volta en Vimianzo: sobre as 8 da tarde.
– Prezo por persoa: 25 € (inclúe transporte en autocar e xantar).

Por rigorosa orde de inscrición. Se houber máis solicitudes de inscrición que prazas disponibles, daráselles prioridade aos socios/as.

Para anotarse, contactar con semescom.info@gmail.com

Ruta Costa do Solpor

Vigo: X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas?, mesa redonda de poesía, con Rosa Enríquez e Teresa Moure

O1442217783371bannerXENUVigo2015 X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas? é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, coa que se quere achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
O obxectivo xeral deste ano é que o alumnado obteña unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Na edición deste ano preténdese chegar a ese obxectivo a través da idea de que cada relator/a dea unha visión da obra (e/ou da figura pública) do/a outro/a, unha introdución subxectiva e breve sobre a súa recepción da obra da persoa compañeira de mesa, que preguntas lle suscita, para despois encetar un diálogo fluído entre relatores-as para, ao final, establecer un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas.
A entrada é libre.

Xoves 1 de outubro ás 13:00 h.
Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Mesa redonda de Poesía.
Rosa Enríquez e Teresa Moure.

CartolinaXENUVigo2015

Estreouse a nova web da AELG

Onte,AELG Logo 2-2015 28 de setembro, estreouse a nova web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Entre as novas funcionalidades destacamos:

• Agora as páxinas teñen unha URL amigable que contextualiza a páxina na que te atopas e contén información útil, como o nome do/a autor/a. Aténdese a cuestión de xénero:
/servizos-a-socios-as.
/centro-documentacion/autores-as/buscar.
/centro-documentacion/escritores-as-do-mes.
/centro-documentacion/autores-as/ledicia-costas.
• Maior relevancia das fichas de socios/as, o que unido á URL amigable favorece que os socios/as poidan mesmo difundir esta ficha dentro do portal da AELG como espazo web persoal.
• Buscador de socios/as accesible desde todas as páxinas. Tamén se incluíu a función de autocompletar, que ofrece suxestións a medida que se introduce a cadea de busca e permite ir directamente á ficha dun socio/a sen pasar pola páxina intermedia de resultados da procura.
• Sección de novidades editoriais en portada.
• Novo formato dos vídeos (mp4 e webM) no centro de documentación. Este novo formato permite visualizar os vídeos nunha calidade moi superior á actual e implica a recodificación e subida á web de todos os vídeos orixinais. Empezouse polos vídeos gravados individualmente a socios/as para posteriormente seguir coas seccións de vídeos das actividades, polafías e palabra audiovisual.
• Evítase a apertura de novas ventás do navegador, algo molesto para o usuario/a e moi pouco frecuente a día de hoxe. Así, as fichas de vídeos, actividades, novidades, obradoiros, etc, amósanse agora nunha, que vai integrada na mesma páxina nunha ventá de diálogo modal.
• Actualizouse á última versión dispoñible o editor HTML na ferramenta de administración.
• Novos espazos de vídeos “Videoteca de obras” e “Entrevistas a socios/as”. Ao estilo dos portais de vídeo actuais, amósase unha caixa de busca que permite buscar polo texto dos diferentes campos de catalogación (os que se amosan na ficha, como por exemplo, na “Videoteca de obras”, o título do vídeo, o título e autor da obra, o socio/a que le ou o lugar e ano de gravación). Na páxina de entrada, para non amosar só o buscador, amósanse 4 vídeos aleatorios (diferentes cada vez que accedes).
• A web foi deseñada para facilitar a creación no futuro dunha versión para dispositivos móbiles.
• Creación dun Espazo privado para cada Socio/a, que van dispor dun espazo persoal protexido por usuario-contrasinal desde o que terán acceso a servizos ofrecidos pola AELG (por agora, modificación da súa biografía e proposta de novas obras a incluír no Centro de Documentación).

ecrawebaelg1

A AELG tece o futuro da literatura galega

Desde2015092622001910864 Sermos Galiza:
“Unhas dez horas déronlles aos escritores e escritoras da AELG para debater e escoller os fíos cos que tecer o futuro da literatura en lingua galega. Precisamente, o sexto congreso da asociación celebrouse baixo a pregunta “Para quen escribirmos o futuro?”. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, fai fincapé en que unha das cuestións principais que se acordaron no Congreso pasa pola necesaria visibilidade social do escritor e da escritora, así como traballar co idioma, para que o idioma sexa ferramenta de modernidade.
Entre as propostas destacadas que saíron dos grupos de traballo, Cesáreo Sánchez salienta a necesidade de crear un Instituto Rosalía de Castro que divulgue a literatura galega no mundo. Co mesmo obxectivo, falouse da necesidade de impulsar a visibilización internacional da literatura galega nas feiras internacionais.
En conversa con Sermos Galiza, o presidente da AELG dá conta das principais conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo nos que se organizou o Congreso. En relación á mesa sobre os dereitos de autor e autora e a profesionalización, “incidiuse na necesidade de buscar que a nosa literatura saia ao mundo a través de traducións e da creación dunha axencia literaria, como hai noutros países”.
“Tamén se acordou que a AELG, na medida en que poida, traballará por crear un servizo de orientación aos autores e autoras á hora de interpretaren os contratos”, sinala. “Aínda que non sexamos profesionais no sentido de non poder vivir das nosas obras, insistiuse moito en que cómpre que os escritores e escritoras sexamos percibidos pola sociedade como profesionais que traballan na construción dunha literatura nacional”, engade.
O grupo de oralidade acordou potenciar a liña de traballo no ámbito escolar, a través de modelos como o teatro e a narración oral. O presidente da AELG afirma, ao respecto, a importancia da oralidade, pois “ten relación coa situación actual do idioma, porque se non hai falantes de galego, non haberá contadores de historias”. Como elemento de prestixio, este grupo de traballo tamén propuxo que as Letras Galegas sexan dedicadas un ano á literatura oral.
No que respecta á mesa sobre novas formas de edición, Cesáreo Sánchez pon de manifesto que se coincidiu na necesidade de ser flexíbeis cos novos formatos mixtos tecnicamente e que contan cunha gran difusión. Tamén se acordou procurar para os autores e autoras un papel decisivo nos procesos de cambio da difusión dos contidos culturais e estar atentos e atentas ás novas formas de difusión de contidos.
Sobre a literatura dramática, o presidente da AELG sinala que se insistiu en que cómpre que o sector busque a recuperación da administración dos certames de escrita dramática e a garantía da publicación e da escenificación das obras gañadoras. Este grupo de traballo considerou preciso a levar a escrita dramática ao ensino e puxo o foco sobre a necesidade de promover lecturas dramáticas e, sobre todo, que se programen autores e autoras galegas, e non só autores e autoras traducidas. O presidente da asociación salienta que se acadou un acordo para que os dramaturgos creen unha sección de literatura dramática, como xa existe no caso da tradición oral.
En canto á lusofonía, as persoas participantes coincidiron na importancia de aproximar a literatura galega á cultura da lusofonía, de maneira que se poida amosar a riqueza da literatura galega ás culturas lusófonas. Este grupo de traballo acordou que a AELG potencia a tolerancia ortográfica sen discriminacións que impidan a difusión dunha parte da nosa literatura.
No que atinxe á formación de lectores e lectoras, grupo que, segundo Cesáreo Sánchez, espertou un grande interese, reivindicouse a literatura infantil e xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de se considerar estratéxica na formación de novos lectores e lectoras. “Advertiuse de que é moi importante que a literatura infantil e xuvenil se inclúa como materia específica na formación do profesorado”, engade.
Cesáreo Sánchez salienta que as conclusións das distintas mesas de traballo representan unha guía de traballo para os próximos anos. “Reflexionamos sobre o conxunto de temas transversais necesarios sobre como enfocar o futuro da literatura sendo críticos coa situación actual, mais esperanzados, ilusionados e con moito optimismo”, confesa.
O punto final do Congreso, no que se presentaron os aspectos da páxina web (que celebra os 20 millóns de entradas cando apenas ten 10 anos de vida), púxoo a música de Xardín Desordenado, que musicou poetas galegos e galegas.”

A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria 2015, con Dores Tembrás, Pedro Feijoo e Felipe Senén

AF_CARTAZ_PASEOS_35x50_cmPaseos pola Coruña literaria é 1443428176274paseoslitcorunha2015-bannerjpgunha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, na que terán lugar novos paseos pola nosa cidade coas propias escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na Coruña.

17 de outubro
A Coruña, unha cidade ao descuberto, con Dores Tembrás.
Saída: Xardíns dos Cantóns.

A cidade que se abre nunha cartografía infantil, unha urbe que se pon ao descuberto por medio das historias dos avós pero tamén dos referentes literarios coñecidos na adolescencia. Unha pequena deriva pespuntada palabra a palabra:
e as pegas rebuldás
cubriron as rúas
o asfalto nevado de noces
e todos
cos zapatos de Dorothy
en compaña do lobo
choutando nelas.

31 de outubro
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra, Pedro Feijoo.
Saída: Praza do Humor.

Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Ou si, se se observa cos ollos adecuados… Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta, e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, eu propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo após as pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aian e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de San Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira. Se é que tal cousa existe, claro está. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo a ensinarvos a cidade? ;) Espero que sexa do voso maior agrado!

14 de novembro
De conversa co “Genius loci” dunha cidade vella, con Felipe Senén
Saída: Porta do Xardín de San Carlos.

Adentrarémonos na Prehistoria e na Historia desa croa ou croio de pedra rosa que é a Coruña. Dende o baluarte Vello ou Xardín de S. Carlos, ás 12 do mediodía dese sábado 14 de Novembro, cando aínda celebramos por Galiza adiante aos dous santos homonimos das Panoias, aos San Martiños de Tours e mais ao de Dume, cando aínda arrecenden na memoria as lumeiradas e as castañas asadas dos Magostos. Encetaremos unha pequena xeira arredor das luces e das sombras, na busca da conversa co “genius loci” dese couto ou “locus amoenus”, entre as pantasmas de Xerión, de Moore e de lady Sther Stanhope, de Porlier… polas paisaxes e as paisanaxes inspiradoras de Aguirre, Pondal, Rosalia, o Murguía dos Precursores, Francisca Herrera… sen librarnos da Condesa. Escudos, campas, epígrafes, lendas, mitos e ritos que se perden e que lembraremos baixo o Arco do Arquivo do Reino de Galiza… a carón do templo dos Domine-Cane, das fratellas de San Francisco e a carón dunha imaxe que foi Venus, feita Virxe da Estrela para os nautas do Mar dos Ártabros…Porto de Compostela.
A Coruña é cidade serea, ben o sabía Lugrís, da María das Batallas, de Ines de Ben, de Xoana de Vega, de Concepción Arenal, de Rosalía, Carolina Herrera, María Barbeito, Luisa Villalta que facía música coa palabra. Aqueloutra Coruña que cheiraba a tabaco e chicolate e un raparigo abríase ó mundo entre o amor e a morte, Pabliño Picasso. Marineda atlántica, de castros, altares, torres e muiños a beilar movidos por un vento toleirón… A Cidade amada de Garcés, de ida e volta de Manuel María, de atlántidas… Unha conversa en alto para coñecer, querer e defender realidades fronte a virtualidades, a orixe, a orixinalidade fronte á macdonalización´.

VI Congreso de Escritores/as Galegos/as: Para que(n) escribimos o futuro?, o sábado 26 de setembro

ProgramaVICongresoAELG2015O VI Congreso de Escritoras/es, 1442482347743BannerVICongresoAELG2015actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello de Pontevedra a través da súa Concellaría de Cultura, é un encontro periódico cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás/aos asociadas/os. Poden verse aquí as edicións anteriores, celebradas en 1981, 1989, 1995, 2001 e 2005.
Unha vez analizadas as súas achegas conclúese que os temas de interese poden agruparse nos seguintes epígrafes, que constituirán os seis grupos de traballo que haberá no Congreso (entre parénteses, as persoas que os coordinarán):

Programa
10:15 h. Salón de actos. Presentación do Congreso (Cesáreo Sánchez Iglesias, Anxos Riveiro e Mercedes Queixas Zas).
10:30-12:00 h. Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro) – A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa).
12:00-12:30 h. Pausa café.
12:30-14:00 h. O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra) – Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial).

16:00-17:30 h. Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga) – Formación de lectores/as (Ledicia Costas).
17:30-18:00 h. Pausa café.
18:00-19:30 h. Salón de actos. Sesión conxunta: Presentación da nova web da AELG e sesión conxunta de todos os grupos de traballo.
20:00-21:00 h. Actuación aberta ao público: Xardín desordenado.

Ás 19:30 h., convócase Rolda de prensa no Seminario 3, na que o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e mais Mercedes Queixas Zas como secretaria xeral da AELG e coordinadora xeral do congreso, farán públicas as conclusión do mesmo.

Convocámosvos as Socias e Socios a asistir ao IV Congreso de Escritoras/es, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro no Pazo da Cultura (como chegar) da cidade de Pontevedra, co apoio da súa Concellaría de Cultura.

CartelVICongresoAELG2015

Escola de Escritoræs. Cuarto ciclo do Obradoiro de narración oral en Lugo: “Iniciación á regueifa e á recompilación de Tradición Oral”

IVObradoiroNarracionOralAELGEscola de Escritoræs. Cuarto ciclo do Obradoiro de narración oral en Lugo: “Iniciación á regueifa e á recompilación de Tradición Oral”

Organiza:1442225999374bannerIVObradoiroNarracionOral Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Patrocina: Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Lugar: Centro Social Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros).

Duración: 26 horas / 12 sesións semanais de 2 horas e 10 minutos cada unha.

Prazas: 25 (maiores de 15 anos). Adxudicaranse por orde de inscrición, tendo preferencia os alumnos/as asistentes aos 1º, 2º e 3º ciclos do Obradoiro de narración oral.

Calendario: Os martes
29 de setembro.
6, 13, 20 e 27 de outubro.
3, 10, 17 e 24 de novembro.
1 e 15 e 22 de decembro.

Horario: de 18 a 20:10 horas.

Contidos:

· Iniciación á regueifa, por Josiño da Teixeira (4 sesións).

· Iniciación á recompilación de mitos, lendas, contos e sucedidos de Lugo, por Isidro Novo e Antonio Reigosa (6 sesións).

Realizaranse entrevistas en vídeo e audio en diferentes lugares e con diferentes portadores co obxectivo de gravar, conservar e difundir o noso patrimonio oral. Preparación dunha ficha técnica e dun diario de campo, así como de cuestionarios temáticos.

Crearase un blog ou web onde se irán publicando os materiais recompilados (audios, vídeos…), debidamente inventariados, transcritos e editados.

· Clase maxistral, con Xurxo Souto.

Achegarános ás historias da tradición oral do mundo do mar.

· Sesión final, coordinada por Antonio Reigosa e Isidro Novo.

Aberta ao público, e na que se representarán exemplos de patrimonio oral.

Inscrición:
Gratuíta, do 15 ao 25 de setembro de 2015, no Rexistro Xeral do concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n).

Entrevistas sobre o VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG en Pontevedra

DesdeProgramaVICongresoAELG2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevistas con Cesáreo Sánchez Iglesias e Alfonso Becerra, no Diario Cultural, en relación ao VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG. Pódese escoitar a nova completa aquí.”

Escola de Escritores-as: Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela)

Suso de Toro Literatelaimpartirá o Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela), da Escola de Escritoras-es da AELG, que constará de 10 sesións (nunha delas participará como escritor convidado Pedro Feijoo).
A actividade terá lugar entre o 26 de setembro e o 12 de decembro de 2015, contando co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.

Contidos
– Formación do escritor e técnicas narrativas.
– Delimitación do campo da poesía e da ficción narrativa.
– A construción do/a autor/a.
– Redacción de textos.

Público destinatario: adulto.
Prazas: 25.
Lugar: Centro Sociocultural da Trisca (Corredoira das Fraguas, 92), en Santiago de Compostela.
Duración: dez sesións de dúas horas cada unha.
Horario e calendario: de 11:30 a 13:30 horas os sábados 26 de setembro, 3, 10, 17 e 24 de outubro, 7, 14, 21 e 28 de novembro e 12 de decembro.
Preinscrición e admisión: a preinscrición farase enviando un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.org) ata o 12 de agosto incluído. Cómpre indicar o nome completo o número de identidade un teléfono de contacto. Rematado o prazo de preinscrición, elaborarase unha listaxe por orde de entrada das solicitudes, que se comunicará a todas as persoas inscritas para que aquelas que obtiveran a praza (as 25 primeiras) formalicen a matrícula. En caso de que non o fagan dentro do prazo sinalado, avisarase por orde ás persoas que quedaran na listaxe de agarda para que a formalicen.
Matrícula: entre o 7 e o 15 de setembro. A folla de pagamento deberá recollerse no Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa de Berlín, 13, tel.: 981-528750) e volver entregala dentro deste prazo unha vez realizado o pagamento nunha entidade bancaria.
Prezo: 34 euros.