Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o domingo 23 de febreiro, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Vigo
Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 22 de febreiro, ás 12:00 horas, na Imprenta de Juan Compañel e Centro Social A Revolta, coorganizado entre a AELG e a Asociación Cultural O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Lugo
Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 21 de febreiro, ás 11:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. O acto consistiu na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, a lectura pública da obra de Rosalía de Castro por alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A AELG súmase á manifestación nacional “Lingua Vital Xa. Paremos a emerxencia lingüística” á que nos convoca Queremos Galego este domingo 23 ás 12 na Alameda de Compostela
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade profesional que aglutina e representa as escritoras e os escritores galegos, manifestamos a nosa perplexidade ante o veto á nosa entidade a formar parte das comisións para a “revisión” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este veto é unha falta de respecto ao traballo dos e das escritoras galegas no labor de construtores, divulgadores e dignificadores do idioma e da súa capacidade para crear falantes, pois a lectura é unha das ferramentas normalizadoras que ten demostrada historicamente a súa eficacia, para alén das actividades de fomento da lectura que son en esencia actividades normalizadoras.
A exclusión da AELG das conversas e dos grupos de traballo postos en marcha o pasado día 12 na Cidade da Cultura, evidencia que desde o partido que ostenta o goberno da Xunta non hai vontade de contar cunha participación ampla e plural de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega, unha medida imprescindíbel para o éxito de calquera proposta normalizadora.
Falta de vontade que tamén demostra o inicio das conversas marcando posicións inflexíbeis, velaí a negativa a derrogar o Decreto 79/2010, amplamente cuestionado desde os seus inicios, advertido polo Comité de Expertos de Europa e causa incuestionábel do descenso no número de falantes, do incremento dos prexuízos contra a lingua e mesmo do incumprimento da propia Lei de Normalización Lingüística, toda vez que se constata a incapacidade dunha parte da mocidade para se expresar con algunha fluidez na nosa lingua. A mesma falta de vontade que se demostra nos pasos lexislativos dados desde entón reducindo a presenza e a esixencia de coñecemento da nosa lingua na CRTVG ou na Administración.
A AELG reclama un proceso transparente, coa participación de todas as entidades sociais, cun guión claro en que se asuman compromisos para o incremento e a diversificación dos recursos, a aplicación das medidas debidamente planificadas e a súa avaliación.
Con esta reivindicación estaremos este domingo en Compostela sumándonos á manifestación á que nos convoca Queremos Galego, porque, como dixo o irmán Daniel, somos galegas e galegos polo idioma, esa lingua en que o pobo lle pediu a Rosalía que cantase. Que maior homenaxe, que mellor agasallo para a nosa poeta no seu aniversario que volver sermos pobo que atravesa as rúas da súa cidade para berrar aos que tan altos están que non oen, as palabras que escribiu Manuel María: que “recibimos a lingua en usufruto e temos a obriga de conservala e mellorala” se queremos seguir chamándonos galegas e galegos.
O futuro, tamén o de quen nos goberna, só será se é na nosa lingua.
Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2025
O acto central do Día de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta.
Este é o programa previsto:
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG en 2025, Marga do Val.
Lectura de poemas rosalianos:
– “San Lorenzo”. Pilar Astray. Asociación do Traxe Galego.
– “Unha vez tiven un cravo”. María Precedo Castro. Asociación Cultural e Musical Solfa.
– “Daquelas que cantan as pombas i as flores”. Zoe IriArte, Plataforma Ulloa Viva.
– “Has de cantar” (Fragmento). Leire Prieto Orjales e Irene Sampedro Puentes, Alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
– “A Gaita Gallega. Resposta” (Fragmento). Xaquín Rubido Muñiz, Voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
– “Silencio”. Olaia Novo, Música, ensinante e mediadora cultural.
– “Abrid´as frescas rosas”. Ana Díaz Freiría, Ecoloxistas en acción.
– “Cando penso que te fuches”. Felín Romero Lorenzo, Comunidade de Montes de Mosende (O Porriño), escritor.
– “Olvidémo-los mortos” (Fragmento). Paz Fernández Pereiro, Veciña de Mos, ensinante e activista social.
– “Xan”. Noela Vázquez Ledo e José González Alonso, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD).
– “Tecín soia a miña tea”. Mercedes Espiño Amil, Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), ensinante.
– “Dend´ aquí vexo un camiño”. Cristal Méndez Queizán, Música, Maga de Voz.
– “Por que”. Helena Pousa Ortega, Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado, a Louriña.
– “A xustiza pola man”. Xosé Manuel Beiras Torrado, Profesor e escritor.
– “Eu cantar cantei”. Goretti Sanmartín Rei, Alcaldesa de Santiago de Compostela.
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Ofrenda floral.
– Interpretación do himno.
A Coruña: Día de Rosalía de Castro 2025
En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o domingo 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o acto do Día de Rosalía 2025 na Coruña, coa lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, por parte de Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía.
Vigo: Día de Rosalía de Castro 2025
O Día de Rosalía 2025 celébrase en Vigo, coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro, o sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, coa colocación dunha ofrenda floral na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12), tendo lugar xusto despois, no Local da Asociación Cultural A Revolta, a lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, levándose a cabo posteriormente unha lectura pública da obra de Rosalía e a degustación dun caldo de gloria.
Lugo: Día de Rosalía de Castro 2025
O 21 de febreiro, ás 11:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro (en caso de choiva, o acto tería lugar no Auditorio do Vello Cárcere), terá lugar a conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Lugo, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
O acto consistirá na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, a lectura pública da obra de Rosalía de Castro por alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora.
Compostela: conferencia A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural, por Jorge Corrales, director xeral de CEDRO
O 7 de febreiro, ás 17:00 horas, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o director xeral de CEDRO, Jorge Corrales, impartirá unha conferencia baixo o título A Intelixencia Artificial. Retos actuais para a creación cultural. O acto será introducido por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
A entrada é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas. Non é necesaria inscrición previa.
Pontevedra: acto polo Día de Rosalía 2025
O sábado 22 de febreiro, ás 12:30 h., no Bar Verbena, Lucía Novas lerá o manifesto da AELG, nun acto ambientado polo colectivo O Fruto e a Serpe, onde o público está convidado a participar nun recital de micro aberto. Esta actividade terá lugar dentro das propostas do Concello de Pontevedra e o seu Servizo de Normalización Lingüística con motivo do Día de Rosalía de Castro.