Texto lido por Alberto Lema na mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 24 de setembro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Ser ou non ser posmoderno?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Alberto Lema leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

Sobre a Posmodernidade

“Cando Lyotard escribiu o seu célebre texto A condición posmoderna hai xa corenta anos non estaba a celebrar a fin da historia, nin da loita de clases ou das ideoloxías, para iso aínda faltaban case vinte anos, ata a publicación en 1992 de A fin da historia e o último home de Fukuyama. O que fixo Lyotard foi describir un desprazamento nos gustos dos estudantes universitarios canadenses dos setenta que se confesaban aborrecidos dos metarrelatos, un concepto problemático por vago e plurívoco, como tamén o é o de Posmoderndade, pero que viría a ser algo así como aquelas narracións que pretenden transmitir unha unidade de sentido totalizadora e un horizonte de emancipación, como acontece, poñamos por caso, en Cien años de soledad. Unidade de sentido, totalidade, emancipación… son todos eles conceptos que entraran en crise co devalo do 68, conceptos dos que Foucault, continuando a demolición de Nietszche, denunciara por reaccionarios, delirios da Razón burguesa occidental, da que o marxismo era un fillo non exactamente espurio, e que portaban canda si novos procesos de exclusión, control e encerro. Os principios da Razón Universal eran concibidos, logo, coma exércitos en misión de conquista, sometemento e colonización da Diferenza, pois nesta idade da que falamos, principios dos setenta, as políticas da igualdade, esa liña histórica que vai de 1789 a 1968, perderan todo o seu prestixio fronte ás políticas da diferenza, as das minorías sexuais, raciais e xenéricas que son as que aínda hoxe ocupan o centro do debate. Lyotard o que fixo, pois, foi simplemente pórlle nome a algo que xa estaba alí, a Posmodernidade.
Entón como podemos facer para analizar en menos dunha hora este fenómeno da posmodernidade que aparece decote relacionado con outros como o de Globalización, capitalismo serodio, fin da historia, crise do suxeito, cultura pop ou a morte de deus?
Como vedes, este sería un programa de estudos digno dun par de trimestres ou, cando menos, dun deses cursos de posgrao cos que embelecer o currículum e contribuír ao negocio da privatización do saber. Advertimos, antes de empezar, que non temos afán de sistematicidade ningún, nin de cohesión, non vai haber notas a pé de páxina, nin bibliografía consultada.  Seremos necesariamente redutores, esquemáticos e moi aventurados nas conclusións. Alá imos.
A Posmodernidade maniféstase como unha forma cultural produto dunha morea de transformacións sociais, tecnolóxicas e históricas que se foron producindo ao longo dos últimos corenta anos e que supoñen unha creba na administración do saber, a cultura e a arte só comparable á acontecida durante o Renacemento. O que resulta diferente neste caso, é que a Posmodernidade non ten misión redentora ningunha, non hai regreso ao Home nin á Razón,á Natureza ou á Liberdade, a Posmodernidade interésalle máis ben a relación do home cos obxectos de consumo, como predicir e manipulara súa demanda de novas mercadorías. Na era posmoderna, non é que a arte se sometese finalmente ao Mercado, é que nada existe fóra do Mercado. A arte, en palabras de Walter Benjamin, xa perdera a súa aura na era da reprodución en masa, é dicir, durante o primeiro terzo do século XX, no capitalismo fordista, e máis adiante, cando aparezan Duchamp e Andy Warhol, perderá o que lle restaba de sagrado: a noción de autor, orixinalidade, traballo aplicado.
Pero ben, antes de proseguir fagamos unha breve panorámica histórica, necesariamente esquemática pero axeitada, espero, aos fins propostos. No momento de partida, aló contra o século XVI, temos unha pequena elite intelectual que racha co monopolio do saber da Igrexa e, grazas á imprenta, inicia o maior proceso de democratización da cultura coñecido ata ese momento. Estas elites divídense en dúas faccións: unha conservadora que pretende manter o pobo separado do Saber, ou mellor dito, pretende manter o pobo separado do acceso a un saber non regulado por eles. Esta facción reaccionaria adoita ser católica en materia de relixión, e absolutista en política. A outra facción si está interesada en espallar o saber, que neste momento histórico equivale a tirar edicións masivas da Biblia, son máis ben evanxélicos en relixión, é dicir, protestantes, e republicanos en materia política. A Biblia que farán circular en masa estará depurada de intervencións interesadas romanas, e admitirase, mellor dito, promoverase unha lectura directa e sen intermediarios das Sagradas Escrituras. Isto vai dar lugar a unha auténtica revolución cultural pois, por un lado, torna superfluo o papel dos sacerdotes que ata ese momento eran os garantes da única lectura lexítima dos textos, e por outra parte, posibilita interpretacións moi radicais e perigosas dos evanxeos que postulan, por caso, a igualdade radical entre os homes.
Desta segunda póla nacerán, pasados dous séculos, as Luces, pois, se a palabra de deus fora deturpada polos Papas para o seu proveito, como podían os reis absolutos seguir a reclamar o seu dereito á coroa pola graza divina? Esta é a pregunta Ilustrada por excelencia: por que nos gobernan como nos gobernan.
Ademais diso, no interior desta facción evanxélica, os conflitos da Fe coa Razón resólvense maiormente en favor da segunda, aínda que non sempre, como ben sabemos polo caso Darwin, e isto posibilita un maior desenvolvemento técnico destes países libres de obediencia ao Papa e ao Índice da Inquisición, que co paso do tempo dará lugar á Revolución Industrial.
Pensemos agora no caso de Rousseau. El defende que todos os homes nacen iguais -e cando digo homes refírome en exclusiva á parte masculina da humanidade, ás mulleres aínda non lles foi recoñecida esta igualdade- dotados dunha Razón que os fai libres e propensos a escolleren o Ben mor da súa bondade innata Esta concepción do home, como se pode prever, era moi dificilmente compatible coa monarquía absoluta e os privilexios da nobreza. Vitoriosa a Revolución, Napoleón espalla coa baioneta este novo credo por toda Europa en loita aberta coa Igrexa e o Antigo Réxime. Esta guerra entre a burguesía liberal ilustrada e o Antigo Réxime aristocrático e relixioso dura aproximadamente todo o século XIX, e, finalmente, remata coa derrota do bando aristocrático, cando menos en Europa, en España isto tardará máis tempo en acontecer, e o resultado da Guerra Civil prolongou aínda uns decenios máis o século XIX en España.
Os artistas e intelectuais do bando vitorioso, pola súa parte, divídese en dous. Por un lado, a súa facción máis progresista alíase co proletariado dando lugar a unha morea de filosofías igualitaristas: como os sansimonianos, os fourieristas, os cabetianos nun primeiro momento, e os anarquistas e comunistas máis adiante. A outra facción establece unha alianza coa burguesía triunfante a quen lle ofrece o produto do seu traballo, ou, por expresalo en termos althusserianos, transfórmase no seu aparato ideolóxico. Por suposto, esta liña divisoria non é tan sólida como poida parecer, é máis ben porosa, e un escritor que en principio pretende escribir para un bando, pode servir sen querelo os fins do contrario, como sucede nos casos de Víctor Hugo, Balzac, Dickens. En todo caso, son todos unha elite intelectual que transmite unha visión do mundo unificada aos seus lectores, e que denuncia en moitos casos, as malas condicións de vida dos proletarios durante o primeiro capitalismo. Os de abaixo, por suposto,tamén producen a súa parte, pero esta non aparece, polo xeral, nas antoloxías, aínda que o esforzo de Rancière ou E. P. Thompson nos últimos tempos están a mudar esta concepción. A facción pro-burguesa dos intelectuais e artistas divídese a si mesmo en dúas partes, e desculpen tanta ramificación: unha elitista que vai practicar a arte pola arte (Flaubert, Baudelaire, Mallarmé), e outra de masas que vai producir para o gran público, como foron os irmáns Dumas ou o devandito Dickens. Desta segunda póla de produción cultural en masa orientada ao gran consumo nacerá, practicamente un século despois, a Posmodernidade.
E así chegamos ao século XX. O que coñecemos por Modernismo é a arte que practica a facción de “arte pola arte” da arte burguesa. O que coñecemos por Vangardas procede, na súa meirande parte, dos artistas que se dirixen ao proletariado, xa non coa idea de educalo, senón de crear un arte novo, antiburgués, revolucionario, orientado a un pobo futuro aínda por se manifestar. Ao mesmo tempo prodúcese, grazas aos novos medios técnicos, un verdadeiro salto cualitativo na capacidade das novas ferramentas tecnolóxicas para reproducir e espallar os produtos culturais. Invéntase a fotografía, o cine, a radio, edítanse miles de xornais, libros, panfletos… esta superprodución de bens de consumo artístico supón tamén, grazas á deflación consecuente, unha grande ampliación do público con capacidade para acceder a eles.
Entón chega a experiencia da I Guerra Mundial e da Revolución Rusa. A experiencia do horror da gran guerra supón a creba definitiva na confianza dos valores da burguesía ilustrada, que é practicamente varrida do escenario político durante os anos trinta e substituída polo Fascismo. Da outra parte, están os artistas fieis á promesa derivada do acontecemento de Outubro e que agora semella máis próxima ca nunca: a dunha sociedade sen explotación.
Finalizada a II Guerra Mundial co resultado que coñecemos, dá comezo unha Guerra Fría na que se enfrontan o Capital, que absorbeu para o seu bando no combate ideolóxico os restos do fascismo (lembremos os casos Heidegger ou Jung), e o Comunismo, que recruta para as súas filas unha morea de artistas e intelectuais que non son unicamente comunistas pero que, malia a todo, se aliñan con este bando, o que lle permite acadar unha hexemonía cultural que vai durar ata a chegada da Posmodernidade.
Neste tempo empeza a producirse no campo Occidental -grazas á gran potencia difusora dos novos medios de información e, nomeadamente, da televisión, a maior ferramenta de propaganda e control ideolóxico xamais inventada- un fenómeno que contra os anos noventa pasará a chamarse Globalización, pero que neste momento, a mediados dos anos cincuenta, aínda non ten nome, e consiste na distribución a escala planetaria de bens culturais producidos nomeadamente nos Estados Unidos que máis tarde pasarán a ser chamados cultura popular, ou Pop, pero que, en realidade, son puro folklore norteamericano producido e distribuído en masa. Este tamén é tempo do que Hobbsbawn chama a Idade Dourada da economía capitalista que experimenta, mellor dito, fomenta, unha suba espectacular mediante o creto no campo da demanda.
E nestas condicións chegamos á Guerra do Vietnam e Maio do 68 que podemos considerar como os dous derradeiros momentos de dominación intelectual, política e artística da esquerda que, a partir de entón, perde definitivamente a hexemonía cultural. Estamos no mediodía da cultura do hedonismo e o consumismo. A mocidade dos países capitalistas empeza a estar convencida de que vive no mellor dos mundos posibles, e esta impresión vese reforzada coa caída do Muro en 1989. Dez anos máis tarde todo o mundo ten un móbil e un computador persoal, Fukuyama publica A fin da historia e o último home en 1992, e abofé que parece ter toda a razón.
É o momento ideal para o reinado do superhome nietszcheano que xa non ten máis a obriga de se comportar como deus manda. Os novos filósofos, Baudrillard, Vattimo, espallan a boa nova da cultura do espectáculo e do simulacro, do capitalismo cognitivo e da fin da loita de clases. A grande obra literaria deste momento é American Psycho, de Brett Easton Ellis. A aparición da Rede vén a incrementar aínda máis, o monopolio tecnolóxico e cultural anglo-norteamericano, malia a que Manuel Castells edificase esas marabillosas utopías cibernéticas segundo as cales a horizontalidade e a multiplicación dos centros son a conclusión ineludible da expansión da Rede, hoxe vemos, como acaba de demostrar moi graficamente o caso Snowden, que o tráfico na Rede está practicamente nas mans de tres ou catro oligopolios norteamericanos  que son os que deseñan a súa estrutura fundamental, os filtros de censura e as liñas de fuga.

Que trazos definen entón a novela posmoderna?
1. O predominio da primeira persoa. Coa caída dos metarrelatos, tamén decaeu o ideal de verdade e, por tanto, os puntos de vista omniscientes.
2. Esta primeira persoa que fala carece de identidade colectiva. Polo xeral, non forma parte dun grupo de acción política, senón máis ben, dun grupo de consumo, é dicir, dunha tribo máis ou menos urbanizada, da que se detallan os seus signos de identidade e ritos de pasaxe.
3. A ironía. Nada semella acontecerlle realmente ao narrador-personaxe. Non hai experiencia da dor propia ou allea. Todo sucede nunha distancia que torna o outro descoñecido, fantasma ou fetiche.
4.  O presentismo. Non hai profundidade histórica, os personaxes parecen aboiar nun presente perpetuo. O retroceso na Historia suporía a ameaza segura de se topar cun metarrelato, é dicir, no caso español, coa Guerra Civil.
5. Non hai conflito de clase. O narrador personaxe pertence a esa categoría ilusoria chamada clase media que se caracteriza por non ter problemas de cartos.
6. Non hai vangarda, hai orixinalidade. O mercado é a única medida obxectiva de valor, e como experimentalismo repele o gusto medio, é frecuente a caída no uso de formas caducas e anacrónicas mais supostamente seguras por accesibles.
7. Non hai heroe. Xa non digamos heroe socialista, non hai heroe tampouco á forma do Dandy baudelairiano, o flaneur que pasea pola cidade observando o que acontece e dedicado a unha vida monacal de culto estético.
8. O xénero apocalíptico. Se o Modernismo foi o tempo das distopías producidas polos pesadelos da Razón, os mundos post-apocalípticos resultado dunha catástrofe ecolóxica, ou dun colapso da civilización é unha da paisaxes características deste tempo.

Que sucede hoxe?
En Occidente e nos países do chamado Primeiro Mundo, a Crise do 2008 rematou coa ficción da fin da historia pola superación das contradicións internas do Capital. A realidade reprimida da explotación e a exclusión regresa con máis forza ca nunca: perda de dereitos laborais, infratraballos, precariato, desemprego, endebedamento masivo das familias, endebedamento masivo do estado para socializar as perdas da banca e das grandes corporacións… o que sucede hoxe, a diferenza de noutros momentos históricos, é que non existe un horizonte de emancipación colectivo compartido por moitos polo que loitar. A esquerda parece acharse agora nun estado de parálise e pesimismo diante da magnitude dunha catástrofe ante a que se sinte incapaz de dar resposta.

Que facer?
Pensamos que, despois do antedito, o escritor ou escritora que queira escribir atendendo ao mandato rimbaudiano de sermos completamente modernos, debería empezar, en primeiro lugar, por tomar conciencia do contido ideolóxico que porta a Posmodernidade que vimos de describir, é dicir, tomar conciencia do feito de que a actual estética dominante é, en realidade, reaccionaria.
En segundo lugar, tras o acontecido no século XX, o escritor non pode  considerar máis a historia como un proceso alleo á nosa vontade e condenado a se realizar de xeito hegeliano. A historia da literatura, como dixeron Bertolt Brecht e Walter Benjamin, é tamén a historia da loita de clases. Non existen espazos fóra do mapa desde os que escribir libremente e exentos de responsabilidade ante  que acontece.
Dicía Zizek en Repetir Lenin, que a saída da Posmodernidade non pode resultar nun regreso aos postulados da Modernidade. Non podemos escribir outra vez novelas de realismo crítico nin obras de teatro épico nin poesía social sen incorrer na repetición, no anacronismo.
Non sabemos dicir nós tampouco que forma exacta terá a literatura que responda aos mandatos de Rimbaud, de Brecht e de Benjamin, pero si estamos seguros de que non poderemos escribir sen tratar de darlles resposta.”

Texto lido por Samuel Solleiro na mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 24 de setembro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Ser ou non ser posmoderno?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Samuel Solleiro leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

Cinismo, ironía e hermenéutica: me cago en Dios e na cona de Cristo

“Como a calquera, fascínanme as cousas escuras e esotéricas. Poñédeme diante unha banda de neonazis e posibelmente cague por min pero non sexa quen de deixalos de mirar. Regaládeme un disco no que a voz estea ecualizada moi baixa e o fondo sonoro sexa unha nota grave de sintetizador e uns pasos sobre a neve e con certeza soará moitas veces na miña casa. Mellor se pode ter unhas runas viquingas na capa, e xa se os membros do grupo poden ser os neonazis de antes, é moi probábel que exacule. Son así. Demasiada televisión, non o sei.
Noutra época, eu tamén fun á universidade. Fun durante moitos anos para facer diferentes cousas. Comecei en 2000: eran tempos de vacas gordas, ou pronto viñeron. A universidade estaba ben porque aprendías moitas cousas. Para persoas coma min, que temos un imán para todo o que supoña un sobreestímulo, era un lugar fabuloso. En 2003 fun vivir a Barcelona, que como sabedes é unha cidade moi moderna, e nalgunhas materias dunha cousa que estudaba eu que se chamaba antropoloxía aparecía por momentos algo chamado posmodernidade, sobre o que normalmente se opinaba pero nunca se definía. O esoterismo do asunto cautivoume moi pronto (mesmo se na miña universidade, é xusto recoñecelo, non se tiña unha enorme confianza nestas cousas). Comecei a ler libros que non entendía moi ben (Vattimo, Lyotard, Baudrillard) e que por sorte daba aproveitado para traballos académicos. Aprendín que a posmodernidade era unha cousa que se explicaba por medio de listas nas que a grandes trazos o primeiro concepto pertencía ao campo semántico da seriedade e a rixidez e o segundo, que era o bo, ao campo semántico da brincadeira e do humor. Todo cousas flexibles, ambiguas, elásticas. Como podía un resistirse a cousas como o rizoma ou a máquina desexante, tan como de Looney Tunes? Non se entendía nada, pero iso era en parte o fascinante e, ante todo, era unha cousa de xente moderna, ou do que eu viña chamando xente moderna e que en realidade era xente posmoderna. Como for, esteticamente todo casaba con todo e eu escribín un libro que se chamou dz ou o libro do esperma no que metín todo o que se me pasou pola cabeza ben mesturado con ocorrencias e sarcasmo porque quería facer literatura posmoderna (pero sen dicilo, que os escritores posmodernos nunca din que o son). Por sorte eu tiña vinte e poucos anos e só era un neno de Tui vido a máis, e como nunca entendera moi ben a Lyotard e todos aqueles señores, o meu proxecto, por esteticista e pedante que fose, trataba de ter un discurso último emancipador. Se fose posmoderno de todo, daríanme moita risa e unha pouca lástima os proxectos emancipadores en xeral. En todo caso o bicho estaba aí, parido.
Hoxe todo se derruba ao noso redor e eu son un señor de máis de trinta anos que sabe que un só pode traballar se vai ao estranxeiro (onde eu mesmo veño de aguantar dous anos) ou asome que lle paguen mal para, no mellor dos casos, ter un traballo dos de traballar, e non dos de ler libros para interpretar o seu posíbel significado. Quero dicir que nos anos da burbulla inmobiliaria eu, que era moi novo para querer ter un piso, vivín nunha auténtica burbulla especulativa de datos e coñecementos. Até comecei unha tese de doutoramento sobre Jean-Luc Godard que madia leva ía ser a nai de todas as teses e que hoxe me fai rir un pouco e chorar outro pouco. Agora só espero que me dean un carné de antigo alumno da universidade ou algo así para poder sacar algunha triste novela da biblioteca. Enfín, estades nunha universidade, así que xa sabedes como está o patio. Pero non me resisto a emparentar a crise do mundo universitario que estamos a vivir coa crise da posmodernidade tamén na literatura, en tanto que ambas crises son, en boa medida, a crise do coñecemento especulativo. Cando un ten fame non pode dicir que todo é ficción. E se moitos teñen fame, o que segue a dicir que todo é ficción, por pouca fame que teña el, é un desgraciado.
Poñamos por caso a ironía. A primeira vista, calquera con dous dedos de frente diría que a ironía é unha forma intelixente de rebelarse contra o poder. E que, en boa lóxica, é máis boa que mala. E porén, chegados a un tempo no que a ironía é a norma, non podemos seguir cegados co relato de que a ironía tamén é a excepción. Se até os anuncios da tele son irónicos é porque estamos nun punto no que a ironía é autosuficiente. Penso que está demostrado que a actitude irónica dá orixe sistematicamente ao cinismo e que este, por moi á moda que estea, é un sentimento como de clases explotadoras (e se non o considerades demostrado, convídovos a ler revistas posmodernas como Vice, que por certo é propiedade de Rupert Murdoch desde hai semanas e dubido moito que tal cousa a vaia facer menos corrosiva -ao contrario). O que estou a dicir, parece mentira pero estoullo a plaxiar a David Foster Wallace, o que resulta bastante contraditorio tratándose dun expoñente tan claro de narrador posmoderno, pero o noso tempo é contraditorio. Aparece nun artigo titulado E unibus pluram: televisión e narrativa americana (incluído aquí), e di que a ironía é liberadora nunha primeira fase, que vén sendo un desbroce do terreo, por así dicir, pero que despois, como non está deseñada para funcionar construtivamente, acaba sendo a voz dos prisioneiros que chegaron a sentirse cómodos na súa cela. Di Foster Wallace: “Creo que o que a ironía actual acaba por dicir é: ‘Pero mira que banal é que me preguntes o que penso en realidade’. Quen teña a desfachatez herética de preguntarlle a un ironista o que pensa en realidade acaba parecendo un histérico ou un moralista. E isto é o opresivo da ironía institucionalizada, do rebelde vitorioso: a capacidade de inhabilitar a pregunta sen que importe o contido é, na práctica, unha tiranía”. Por iso Foster Wallace salvaba da queima a primeira xeración de posmodernos, como Thomas Pynchon ou William Gaddis, como eu salvaría sen o dubidar as Apoteoses do churrasco de Suso de Toro. Pero xa. Chegou.
Como for, se ben eu non son ninguén, sería hipócrita deixar isto aquí sen trazar os puntos para unha alternativa. Non propoño volver ao de antes, fose o que fose o de antes. Se unha cousa boa tivo a posmodernidade foi acabar con ideas como a de que a literatura poida servir para facer algo. Aprendeunos que todo é ficción, e é a todas luces un exceso, pero podemos reter que polo menos a ficción é ficción e está ben que así sexa. Así, eu non digo que haxa que adoptar un ton serio á hora de escribir, cousa que ademais segue a ser maioritaria na nosa latitude, senón que hai outras formas de humor que cumpriría explorar. Outras formas de facer as cousas en xeral sen converternos nuns carcamais nin deixar de incluír smartphones ou redes sociais nas nosas ficcións se no mundo existen smartphones e redes sociais. Hai un ano e pico publiquei un libro que se chamou Gran tiburón branco. Cando o presentei falei de por que non era ou eu non pensaba que fose un libro posmoderno e recollín iso nun texto titulado Contra a interpretación, como o famoso artigo de Susan Sontag. Nese texto eu víñame cagar en Dios e na cona de Cristo verbo da horrorosa teima de sobreinterpretar. É un trazo ben posmoderno que a partir de calquera elemento, da ficción ou non, se tracen cadeas e cadeas de significados probables, posíbeis ou simplemente desexábeis. Hermenéutica, chámase, e na universidade sabedes destas cousas. Pero agora que non hai universidade, ou que non se sabe onde remata a universidade e onde comeza o Banco de Santander, pregunto: que pasaría se as cousas non significasen? Ou se significasen unha soa cousa? Ou se xogásemos a que, aínda que todo poida significar todo, hoxe as cousas significan unha soa cousa, como desde unha perspectiva certamente reaccionaria, insistía Hemingway en que no seu O vello e o mar non había simbolismo ningún, e o mar era o mar, o vello un vello, o neno un neno e o peixe un peixe? Cantos anos hai que non lemos así (aínda que non sexa polas mesmas razóns que quería Hemingway)? Ou que non escribimos para que nos lean así? Seriamos, en todo caso, menos paranoicos, máis honestos, escribiriamos con máis verbos e menos adxectivos, cantarían os paxaros. Se cadra algunha xente lería libros nosos. Ao mellor até habería unha folga xeral.”

Vigo: mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 3 de outubro continúa o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, conversarán sobre a incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético, Berta Dávila e Gonzalo Hermo, co título: Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía.

VI Xornadas de Materiais Didácticos, o 29 e 30 de novembro de 2013

Organizado por Nova Escola Galega e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A Idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, pretendendo nesta ocasión baixo o lema Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego crear un espazo de eminente carácter práctico, a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos que están escritos en galego e contribúeno a desenvolver actividades de normalización lingüísticas nos centros educativos ou noutras institucións socioeducativas.
Sabemos das dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos e polo tanto parece conveniente contribuir á difusión dos existentes e aportar aquelas ferramentas que poidan resultar de axuda para difundir e construir os materiais.
Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado pretendemos recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias, do emprego e da conciliación de recursos elaborados por compañeiras e compañeiros.

Obxectivos
– Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…), coa finalidade de contribuir á normalización lingüística.
– Reflexionar acerca da relevancia e da necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
– Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuir á súa distribución.

Os materiais
Os obradoiros son sesións participativas, onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xomada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 09:15 h. a 11:30 h. e tres de 12:00 h. a 14:15 h., as e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B).
Ademais de asistir ás mesas redondas, conferencias e obradoiros, querémoste convidar a que presentes aos compañeiros/as algúns dos materiais didácticos que teñas elaborado para traballar na escola e que dalgún xeito estean contribuindo á normalización lingüística.
Se estás interesado en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace Ficha para difundir material e cumprimentes a ficha que aparece no mesmo e a envíes a Rocio García Pazos (rocio.garcia.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.

Como presentar material
Para pode presentar o teu material é necesario que esteas inscrito no encontro. Unha vez que recibamos o conxunto de propostas organizaremos as presentacións en función das temáticas e da tipoloxia de material. Cada autor de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a intemet. Na realización da túa presentación, agradeceriamos que prestaras especial atención ás seguintes cuestións:
> Breve presentación do material
> Caracteristicas
> Destinatarios
> Por qué en Galego?
> Breve avaliación
As presentacións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación.

A TVG dálle as costas á cultura

Desde Sermos Galiza:
“A CRTVG botou a tesoira sobre a programación cultural e tira da grella a maior parte de espazos dedicados á difundir a creación artística, musical ou literaria galega. A gadaña da compañía levou da programación o Eirado presentado polo xornalista e escritor Pemón Bouzas, un espazo dedicado á literatura, artes plásticas, espectáculos, música ou cinema Presentábase como “encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas” e emitíase case cando o sábado estaba a piques de rematar. Deixa de producirse despois de catro tempadas. (…)
Canda Alalá pasa á historia da TVG o programa No bico un cantar, un espazo que dedicaba cada capítulo a unha das cancións galegas máis populares. A Rianxeira, Negra Sombra, A Carolina, Unha noite na eira do trigo, Quen puidera namorala ou O Tren foron algúns dos temas que protagonizaron No bico un cantar, que revisitaba as distintas interpretacións e contaba coa colaboración de expertos e coñecidas persoas da cultura galega como Abe Rábade, López Calo, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Neira Vilas ou Méndez Ferrín. (…)
Nos cambios con respecto á programación cultural, a dirección da TVG despois de catro tempadas e varios premios recibidos decidiu deixar de contar coa xornalista e escritora María Solar na presentación do Zigzag. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega manifestou nun comunicado o seu pesar e a súa “gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto”.”

Vigo: mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 26 de setembro comeza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa presenza do Secretario xeral de política lingüística, Valentín García, da escritora Rexina Vega, vogal da AELG en Vigo, e da Decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, María Rosa Pérez Rodríguez, iniciarán o ciclo conversando sobre a relación coa posmodernidade Alberto Lema e Samuel Solleiro, baixo o título: Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados.

Lugo: comeza o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comezará mañá martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, que se estenderá até o 17 de decembro tras 13 sesións semanais, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo é pois o de traballar coa oralidade e chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.

Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesións prácticas aberta ao público, e a última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.

Recoñecemento do traballo de María Solar no programa Zigzag

Comunicación remitida polo Consello Directivo da AELG á Directora Xerente da TVG, Rosa María Vilas Núñez, e ao Director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo.

“Tendo noticia de que deixa de coordinar e presentar o programa Zigzag diario, a escritora María Solar, socia da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, agradeceríamos lle transmitise a nosa gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto.

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG

A Coruña, 21 de setembro de 2013″

Data de entrega e composición do xurado dos Premios da Crítica Galicia 2013

“O sábado 19 de outubro de 2013 celebrarase a cerimonia de anuncio do ditame da XXXVIª edición dos Premios da Crítica Galicia que, a partir das 14:00 horas, terá lugar no decurso dun xantar no Hotel Os Escudos (Avenida Atlántida, 106) de Vigo.
A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Agustín Fernández Paz (escritor, gañador da edición anterior), Antonio García Teijeiro (escritor, profesor), Marta Neira (profesora da Escola Universitaria de Maxisterio CEU de Vigo), María Xesús Nogueira Pereira (profesora de Literatura Galega da USC, membro Sección Crítica da AELG), Chus Pato Díaz (escritora, profesora), Cesáreo Sánchez Iglesias (escritor, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e María do Cebreiro Rábade Villar (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).
Investigación: Patricia Fra López (profesora de Literatura Norteamericana da USC, gañadora da edición anterior 2012), Eulalia Agrelo Costas (docente e investigadora), Xosé Luís Axeitos (profesor, membro da Real Academia Galega), Francisco Campos Freire (profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC), Francisco Díaz-Fierros Viqueira (científico, catedrático emérito da USC, membro da Real Academia Galega), María Pilar García Negro (escritora, profesora da UDC) e María López Sández (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).
Iniciativas Culturais: Margarita Vázquez Corbal (vocal da directiva d’ O Sorriso de Daniel, gañadora da edición anterior), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades), Xaime Domínguez Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra), Branca Novoneyra (bailarina e poeta), Sergio Lago (xestor cultural), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo) e Marcos Lorenzo (xestor cultural, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).
Música: Margarita Viso (presidenta da Asociación Galega de Compositores, gañadora da edición anterior), Felipe González (profesor do conservatorio de Vigo, membro do cuarteto Caramuxo); Lorena López Cobas (historiadora); Marta Fernández Pan (profesora do conservatorio de Santiago); Raquel Gamallo (responsable da web Ghastas Pista); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega) e Xavier Senín Fernández (secretaría do xurado, profesor, vicesecretario da Fundación Premios da Crítica Galicia).
Artes Plásticas e Visuais: Carmen Nogueira (artista, gañadora da edición anterior), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Pilar Corredoira López (crítica de arte e xestora cultural), José Manuel García Iglesias (crítico de arte e catedrático da USC), César Portela (arquitecto), Enrique Velasco (escultor) e Antón Pulido Novoa (secretaría do xurado, pintor, vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia).
Artes Escénicas e Audiovisuais: Nuria Sotelo (bailarina de danza contemporánea), Roberto Pascual Rodríguez (profesor da ESAD, director da Mostra de Teatro de Ribadavia), María Yáñez (investigadora audiovisual, co-editora de EMBED), Camilo Franco (xornalista de La Voz de Galicia), Ramón Rozas (xornalista de Diario de Pontevedra), Sabela Hermida (actriz) e Antón Sobral (secretaría do xurado, artista, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).”

Berta Dávila faise co premio Repsol cunha novela sobre a experiencia da vida e a literatura

Desde Sermos Galiza e Xunta:
“(…) O nome da escritora Berta Dávila volve a ser noticia ao ser a gañadora do premio de Narrativa Breve Repsol, convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, con O derradeiro libro de Emma Olsen que en breve publicará Galaxia.
Unha escritora que volve a súa vila natal, situada a trescentos quilómetros da poboación habitada máis próxima, é a protagonista do relato de Berta Dávila de quen tamén Galaxia publicará na súa colección Costa Oeste en breve a novela Quen matou a Covadonga Balboa?.
A piques de cumprir os corenta anos e cunha enfermidade terminal que aproxima a morte, Emma Olsen regresa ao lugar no que naceu para contar unha historia que nunca se tiña atrevido a desvelar. “A novela está escrita en primeira persoa e foi, nese sentido un reto porque precisaba que esa voz se sostivese” explica Dávila. A literatura trénzase coa vida nunha novela que ofrece unha reflexión sobre o proceso creativo e o espazo que acada na biografía da protagonista. “Deseñei a traxectoria literaria de autora a través das súas novelas e argumentos conectando os acontecementos literarios e biográficos. Nese derradeiro libro reflexiona sobre a escrita, e experiencia da vida e a literatura e como se enlazan entre si. Olsen é unha vila a trescentos quilómetros de distancia da próxima poboación habitada. Nin Enma é galega nin atoparíamos no país un lugar con esas características. A escritora Olsen é americana e a vila sitúase na planície de Dakota, un espazo que existe en realidade e que a escritora recreou na súa novela. (…)
Con Raíz da fenda Berta Dávila esgotou a primeira edición en só un mes. “O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas” sinalaba a escritora arredor do éxito do poemario nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.
Defendía que o libro mudara, en certa medida, a súa maneira de afrontar a escrita. “Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza” dicía e esa pegada apréciase, segundo comenta, tamén na nova novela que, ao ser un relato breve “esixe maior coidado co texto”.”