Xabier P. DoCampo estrea no CGAI un filme que rodou hai 33 anos

DesdeXabierDoCampo 2 Sermos Galiza:
“Este sábado no CGAI da Coruña proxéctase a curtametraxe Na outra beira das augas grandes, que o escritor Xabier P. DoCampo rodou hai 33 anos para un curso de cinema e que agora vén de recuperar e reescribir a historia.
O pase do filme será o sábado 20 ás 18 horas e incluirá unha conversa posterior co escritor, aquí no rol de director e guionista. A fita foi estreada no pasado Culturgal, cando Docampo sorprendía a propios e estraños dando a luz un filme que rodou hai case 44 anos na Costa da Morte. Titúlase Na outra beira das augas grandes e é unha adaptación dunha lenda dos Pés Negros americanos que lle pareceu ao autor “unha marabillosa metáfora desa emigración galega, eses homes e mulleres que foron buscar a vida á outra beira do océano”.
“Isto nace da miña paixón por contar historias e por que mas conten”, explica Docampo. “Eu amo o feito marabilloso de contar historias, non é que non me importe o medio polo que se contan, pero persigo por riba de todo a fascinación que asolaga a miña alma ao aprehender a emoción dunha historia ben contada. E iso é o que pretendín con Na outra beira das augas grandes”.
A orixe da fita remóntase a 1981, cando Docampo, xunto con outros compañeiros, participaron nun curso de cinema e, como parte del, tiñan que rodar un filme. El, como non podía ser doutra maneira, teimou en facer un guión para nenos e nenas que foi seleccionado e comezou a gravación en diversos lugares da Costa da Morte tendo como protagonistas aos actores Miguel Pernas e Maruchi Olmo. Sen embargo, os cartos rematáronse e aquela fita gardouse nun armario “coa condición de que o montaría cando tivese posibles, pero nunca os tiven e alí ficou durante case 33 anos”. Sigue lendo

Carlos Seijo: “Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas”

Entrevista Xosé-Neira-Vilas-150x150de Montse Dopico a Carlos Seijo en Praza:
Xosé Neira Vilas foi entrevistado moitas veces na súa casa de Gres. E non era difícil xa non empatizar con el, senón ficar prendado da súa xenerosidade. Mais o equipo do documental O espantallo amigo, dirixido por Carlos Seijo, quixo ir máis alá. Captar, nunha metáfora, a “esencia” do personaxe ou, máis ben, do creador e da persoa. E atopárona nun espantallo que quere ser amigo de todo o mundo. Tamén dos animais que van comer as froitas das árbores. E que quere, sempre, ser útil aos demais.
– Praza (P): Foi iniciativa de Neira Vilas ou vosa?
– Carlos Seijo (CS): O proxecto xurdiu un pouco da convivencia con el, do encontro con el, que partira da iniciativa de xente da súa contorna. Nun principio a idea era gravalo e entrevistalo. Pero xa estando con el o que tentamos foi buscar a súa esencia. Xa tiña moitas entrevistas feitas na súa casa, polo que o que nós queriamos era iso: buscar a esencia de Neira Vilas. Que non é fácil, porque é unha persoa cun gran percorrido vital e creativo. Así que, como capturar a esencia de alguén tan inmenso? Pensamos que coa metáfora. E repasando a súa bibliografía reparamos en Espantallo amigo, porque detrás dese personaxe está Neira Vilas. É un personaxe que está por enriba do seu dogma, que é escorrentar os animais. É un espantallo conciliador, amigo de todos os animais. Pois así era Neira Vilas. Unha persoa amiga de todo o mundo, por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: Iso pode ter máis lecturas. Coma moitos outros emigrantes que fixeran moito pola cultura galega, volveu a Galicia sen nada. Outros tiveron menos sorte e pasárono realmente mal, porque este país é así e ninguén lles botou unha man.
– CS: Penso que niso foi elemental o seu don de xentes. El tiña esa capacidade de ser amigo de todo o mundo. O que teño claro é que tivo o control da súa vida en cada momento. El chamábame para dicirme que podía facer tal cousa ou tal outra no documental… Os artistas moitas veces teñen a tendencia a recollerse na súa esfera de creatividade e esquecer o demais, pero el non. E claro que existe esa historia negra do artista que quedou sen nada. Pero non era o seu caso por esa capacidade que tiña. El estivera en Cuba e participara da revolución, pero aquí tiña moi bos amigos que eran alcaldes do PP… Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: “En galego síntome libre”, di.
– CS: Gústame esa parte. Di iso e abre as mans. E nós poñemos despois o espantallo cos brazos abertos. Quedou moi coreográfico… O galego é a súa lingua nai, algo nuclear para el. Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua. Nunca deixou de lado o galego, pois seguiu sendo o centro da súa creación. (…)”