A Coruña: Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes, o sábado 28 de novembro

ObannerXLC2015 sábado 28 de novembro terá lugar a Xornada de Literatura e Cinema: Unha literatura en imaxes, actividade da AELG co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, no Centro Ágora da Coruña.
Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 8 horas lectivas.
A inscrición realizarase na web da AS-PG desde o 10/11/2015 até o 26/11/2015.

PROGRAMA

9:30 h. Recepción, entrega de material e inauguración.
De 10:00 a 12:00 h. Literamas, a literatura galega no cinema (conferencia), por Manolo González.
Interaccións entre a literatura galega e o cinema e algunhas aplicacións para a aula.
De 12:00 a 13:00 h. A cicatriz branca. O corpo da fala (mesa redonda), con Margarida Ledo Andión e Eva Veiga.
As pasaxes entre o texto escrito, a imaxe e o imaxinario.
Atopar o “seu lugar no mundo” como proceso de apropiación do propio corpo, mesmo do corpo da fala: a viaxe, no mellor dos casos, de tantas mulleres forzosamente transterradas.
De 13:00 a 14:00 h. Poesía e Vídeo con/sen cámara. A experiencia da intención (obradoiro), por Antía Otero.
Presentarase a experiencia de idear unha peza de videopoesía máis aló do seu soporte técnico. A intención é a de pararse a analizar a relación entre palabra e imaxe no proceso de creación sen perseguir un resultado físico. Un convite a editar contando.
De 16:00 a 18:00 h. De palabra a píxel. Introdución á videopoesía (obradoiro), por Celia Parra.
Unha fiestra para coñecermos as particularidades deste xénero entre o poético e o audiovisual. Exploraremos definicións, tipoloxía, creadoras e creadores referenciais, exemplos de videopoemas, videopoesía en Galicia e recursos na rede para aplicar nas aulas.
De 18:00 a 20:00 h. Ao redor do Proxecto Nimbos (conferencia), por Martin Pawley.
O Proxecto Nimbos é unha serie de curtas realizadas por diversos cineastas ‑non só de Galiza- inspirados en poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro (1914-1990). A iniciativa foi impulsada dende o blog Acto de Primavera e na actualidade conta xa con perto de trinta pezas, varias das cales foron exhibidas en festivais internacionais de cinema.

Obxectivos
– Achegar a vinculación histórica da literatura coa súa proxección a través da imaxe.
– Afondar nas relacións interdisciplinares das diferentes artes.
– Ofrecer pautas de metodoloxía didáctica interactiva a redor da experiencia poética.
– Experimentar novos soportes técnicos vinculados á lectura.
– Analizar a relación entre palabra e imaxe no proceso de creación.

Metodoloxía
– Alternarase a intervención teórica das participantes coa proxección parcial de filmes e curtas vinculadas coa literatura galega.
– Promoverase o coloquio e a participación activa a través dos coloquios e dos obradoiros vinculados á creación da videopoesía.

CartelXLC2015

Vigo: presentación de A cicatriz branca, de Margarita Ledo

OMargarita Ledo martes 10 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo (Biblioteca Pública Central. Rúa Joaquín Yáñez, 6 – 2º andar), Margarita Ledo Andión presenta A cicatriz branca, DVD con subtítulos e textos de José Manuel Sande, Pilar Cagiao, Eva Veiga, Margarita Fernández, Mónica Camaño, Renata Otero, Xoana Pintos, Ramiro Ledo e Abe Rábade, publicado por Galaxia.

A esmorga cruza fronteiras

DesdeA Esmorga filme Galaxia:
“O filme baseado na novela de E. Blanco Amor acaba de ser seleccionado para participar na Sección Oficial a competición do “XX Festival du Film Espagnol de Toulouse” (Francia). A cinta de Ignacio Vilar, A esmorga, proxectarase os vindeiros 6 e 9 de outubro e estará arroupada no Festival pola presenza do director, Ignacio Vilar, e o actor Antonio Durán “Morris”.
Logo dun verán de pases ao aire libre por toda Galicia, como xa vén sendo habitual nas longametraxes de Vía Láctea Filmes, a historia do Cibrán, o Bocas e o Milhomes segue a conquistar o público galego. Concretamente ao pase que tivo lugar o pasado sábado 12 de setembro no Castelo da Guarda (Pontevedra) asistiron preto de 1.000 espectadores, que ademais tiveron a oportunidade de participar nun coloquio posterior á proxección co director, Ignacio Vilar, e o actor Antonio Durán “Morris”.
Tendes máis información aquí.”

A Fundación Uxío Novoneyra organiza un festival literario no Courel

DesdeFestival dos Eidos Fervenzas Literarias:
“A Fundación Uxío Novoneyra organiza do venres 14 de agosto ao domingo 16 de agosto o Festival dos Eidos, que terá lugar na aldea de Parada do Courel, onde está localizada a casa que foi morada do poeta Uxío Novoneyra. Serán tres días de lecturas poéticas, concertos, roteiros e cinema para celebrar a primeira edición deste festival literario, un tributo á terra que inspirou ao autor de Os Eidos. Haberá tamén obradoiros e conferencias sobre o mundo da edición e da literatura.
O Festival dos Eidos forma parte do proxecto europeo LitFest; unha iniciativa comprometida co ensino permanente (para toda a vida e para todo o mundo) a través da literatura. Un proxecto no que tamén están integrados a Fondazione Alfonso Gatto (Salerno, Italia), o festival de poesía St. Clementin Litfest (St. Clementin, Francia) e a ONG Catching Lives! (Canterbury, Reino Unido). A proposta está desenvolvida co apoio da Comisión Europea a través do Programa ERASMUS + e fai fincapé na dimensión educativa destes festivais, motivo polo que no programa a Fundación Uxío Novoneyra aposta pola formación práctica vinculada á literatura.
O Festival dos Eidos principiará o venres ás 17.00 h. cun encontro na Casa da Fonte, en Parada do Courel, casa vividoira de Uxío Novoneyra e sede da fundación que leva o seu nome. Será unha xornada de portas abertas e visita guiada. De seguido (19:00 h.) o escritor Xose Lois García pronunciará a conferencia A literatura galega no espazo da Lusofonía. Unha cea convivio na Ferreiría de Seoane e un concerto a cargo de Uxía Senlle pecharán esta primeira xornada.
A segunda xornada do Festival chega repleto de actividades, como un obradoiro de Crowdfunding para proxectos literarios, a proxección do filme A esmorga (ás 15:00 h.), diálogos poéticos (ás 18:30 h.) ou un recital de Carlos Oroza. Isto e moito máis para unha xornada que rematará co concerto de Wöyza.
O Festival dos Eidos finalizará o domingo, onde as e os asistentes poderán participar, a partires das 10.00 h., no roteiro Bico do Brelo de avistamento de paxaros seguindo os versos de Os Eidos de Novoneyra.”