O
mércores 13 de marzo, ás 17:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña, terá lugar En conversa con… Berta Dávila, onde a autora falará co público asistente sobre a súa poesía e creación en conversa aberta. Contará a súa experiencia coa poesía e coa literatura cando foi alumna de primaria, así amosará o seu punto de vista como mestra e como autora. Incidirá na problemática da poesía nas aulas (o seu traballo de fin de grado vai sobre educación literaria e formación do lector de poesía en primaria). Ademais lerá algúns textos. A entrada é libre e gratuíta.
Arquivo da categoría: Coloquios
Vigo: presentación de Retomando a palabra, de David Rodríguez
O
xoves 14 de marzo, ás 20:00 horas, no Café-bar Llave de Oro (Avenida das Camelias, 112), de Vigo, preséntase o libro Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, de David Rodríguez, publicado por Estaleiro. No acto participará o autor do mesmo, conectando coas reflexións contidas no volume coa situación política, social e cultural máis recente, analizadas desde unha perspectiva crítica.
X Curso de Formación Continua: Premios Literarios e de Ilustración
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago no X Curso de Formación Continua: Premios Literarios e de Ilustración.
O presente curso ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos, xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo das licenciaturas, diplomaturas e graos e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita na sociedade das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs). Analízanse estas literaturas desde un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Nesta edición, o tema específico a tratar é PREMIOS LITERARIOS E DE ILUSTRACIÓN.
Xa se pode solicitar matrícula (até o 30 de abril) enviando cuberto, asinado e escaneado este modelo, xunto co documento de identidade tamén escaneado, a
– marta.neirarodriguez@ceu.es, ou
– blanca.roig@usc.es.
Directora: Blanca-Ana Roig Rechou. Universidade de Santiago de Compostela.
Coordinación e Secretaría: Marta Neira Rodríguez. Escola Universitaria CEU de Maxisterio. UVigo, e Isabel Soto López. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Carga lectiva: 60 horas.
Datas de realización:
Parte virtual: do 3 de xuño ao 8 de xullo de 2013.
Parte presencial: do 9 ao 12 de xullo de 2013.
Lugar
Parte virtual: Presentación (3 de xuño de 2013 de 9:00 a 20:30 h.), Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Salón de Graos.
Parte presencial: Biblioteca Novacaixagalicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16/ 15701, Santiago de Compostela).
Requisitos de acceso: Profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, da Comunicación (Xornalismo, Audiovisual, Publicidade), Maxisterio, Xeografía e Historia, Humanidades, Filoloxías, Tradución e Interpretación e profesionais de bibliotecas. Calquera interesado no tema.
Matrícula:
Preinscrición: ata o 30 de abril de 2013.
Formalización: do 2 ao 31 de maio de 2013.
Prezo e prazo de pagamento: 90 €. Un único prazo.
Número de prazas: 125.
Información:
Biblioteca Novacaixagalicia. Telf. 981 59 34 67. bibliofundacion@caixagalicia.es
Universidade de Vigo. Marta Neira Rodríguez. marta.neirarodriguez@ceu.es
Universidade de Santiago. blanca.roig@usc.es. Centro de Posgrao.
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). oficina@aelg.org
Organizan:
– Universidade de Santiago de Compostela. LITER21.
– Departamento de Filoloxía Galega.
– Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).
Colaboran:
– Secretaría Xeral de Política Lingüística.
– Biblioteca Novacaixagalicia.
– Edicións Xerais de Galicia.
– Editorial Caminho.
– Editorial Edebé.
– Instituto Vasco Etxepare.
– Kalandraka Editora.
– Rede Temática As Literaturas Infantís e Xuvenís no Marco Ibérico e Iberoamericano (LIXMI).
– Asociacións: ANILIJ-ELOS; ELOS-GALICIA; Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.
– Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) – USC.
Programa parte virtual
1. As Literaturas Infantís e Xuvenís no marco ibérico e iberoamericano. Bibliografía básica.
2. PREMIOS LITERARIOS E DE ILUSTRACIÓN.
2.1. Premios literarios.
2.2. Os premios no marco ibérico e iberoamericano.
2.3. Premios Andersen.
2.4. Premios Nacionais en España.
3. Ferramentas de comunicación: foros, conversas e correo electrónico con alumnado e profesorado.
4. AVALIACIÓN a partir dun comentario sobre o material proporcionado (entregarase ao recoller o material do curso presencial).
Programa parte presencial
Martes 9 de xullo
9:00-10:00 h. Recollida do material.
10:00-10:30 h. Inauguración: Director do Departamento de Filoloxía Galega, Directora do curso e Director da Biblioteca Novacaixagalicia.
10:30-11:30 h. Informes dos investigadores da Rede LIXMI.
Os premios no ámbito castelán. Jesús Díaz (ULL. España).
Os premios no ámbito catalán. Gemma Lluch (UV. España).
Os premios no ámbito vasco. Xabier Etxaniz (UPV. España).
12:00-14:00 h. Informes dos investigadores da Rede LIXMI.
Os premios no ámbito iberoamericano: Arxentina e México: Laura Guerrero (UIA.MX. México) // Brasil: João Luís Ceccantini (UNESP “Júlio de Mesquita Filho”. Brasil) // Uruguai: Liliana Dorado (Hope College. EUA).
Os premios no ámbito galego. Eulalia Agrelo (USC. España).
Os premios no ámbito portugués. José António Gomes (ESE. IPP. Portugal), Ana Margarida Ramos (UA. Portugal), Sara Reis da Silva (UMinho. Portugal).
16:00-17:30 h. Encontro con autores premiados de fóra de Galicia: Maite Carranza (Premio Nacional), Mariasun Landa (Premio Nacional), Rita Taborda Duarte (Prémio Branquinho da Fonseca). Conversa con Mar Fernández.
18:00-19:30 h. Encontro con autores Premios Nacionais de Galicia: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey (Premio Merlín), Agustín Fernández Paz (Premio Merlín). Conversa con Eulalia Agrelo.
19:30-20:30 h. Presentación do libro: Premios literarios e de ilustración na LIX. Interveñen: Darío Villanueva, Manuel Bragado, Blanca-Ana Roig.
20:30-21:00 h. Coloquio sobre as actividades do día. Modera Pilar Bendoiro.
Mércores 10 de xullo
25º Aniversario da colección Merlín. Premio Merlín.
9:00-11:30 h. Premios Merlín: Jacobo Fernández, Mar Guerra, Teresa González Costa. Conversa con Marta Neira.
12:00-14:00 h. Premios Merlín: Agustín Agra, Marcos Calveiro. Conversa con Carmen Ferreira.
16:30-18:30 h. Antonio García Teijeiro nas aulas. Premio Merlín. Conversa con Berta Dávila. Recital do autor.
19:00-20:00 h. Non hai mellor premio que un verso (poemas para que nos toque a lotería). Carlos Negro (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón).
20:00-21:00 h. Coloquio sobre as actividades. Modera Mónica Álvarez.
Xoves 11 de xullo
9:00-11:30 h. A Editorial Kalandraka e os premios. Encontro cos ilustradores Federico Fernández, Pablo Otero, Ramón Trigo. Conversa con Isabel Mociño e Laura Blanco.
12:00-14:00 h. Obradoiro de ilustración. Pablo Otero.
16:00-18:30 h. A Literatura infantojuvenil no Plano Nacional de Leitura em Portugal. Fernando Fraga de Azevedo (UMinho. Portugal).
19:00-21:00 h. Obradoiro de creación literaria. Dores Tembrás (AELG).
Venres 12 de xullo
9:30-12:00 h. Sesión de contos e música. Equipo de animación á lectura de Kalandraka Editora.
12:30-13:30 h. Clausura: Reitor ou representante do Reitor. Secretario Xeral de Política Lingüística. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Presidente da AELG. Directora do curso.
13:30-14:30 h. Conclusións e entrega de certificacións.
O Temple, Cambre: presentación de Matriarcas, de Montse Fajardo
O
venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2), no Temple-Cambre, terá lugar un coloquio con motivo da presentación do libro Matriarcas, mulleres en pé de vida, coa súa autora Montse Fajardo. Tamén participa coa súa música César Morán, acompañado nalgúns temas por Xosé Taboada.
Pontedeume: encontro cos lectores de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo
O
xoves 7 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Municipal de Pontedeume, Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguéns participarán nun encontro cos lectores do Ateneo Eumés para falar da súa novela Tonas de laranxa (Premio Xerais de Novela, 2012).
Sanxenxo: cea literaria con Pedro Feijoo e a súa novela Os fillos do mar
O
venres 8 de marzo, ás 21:30 horas, no Hotel Justo de Sanxenxo, terá lugar un Cea Literaria arredor da novela Os fillos do mar de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. Esta actividade, organizada pola librería Nós, pola Adega Eidos Viticultores e polo Hotel Justo, é a primeira das Noites Literarias que están a preparar os organizadores. As reservas pódense facer no teléfono 986 690750 ou nas empresas patrocinadoras.
Barcelona: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O
venres 1 de marzo, ás 19:00 horas, na Escola Oficial d’Idiomes de Drassanes (Avda. Drassanes, 14) de Barcelona, terá lugar unha conversa e debate arredor do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (XII)
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Finalizamos con esta entrega as reproducións na Axenda dos vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.
Coloquio da mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía.
A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo
O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.
Venres,
1 de marzo
– 16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
– 17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
– 17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
– 20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
– 21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.
Sábado, 2 de marzo
– 10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
– 10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
– 11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
– 11:30 h. Debate.
– 12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
– 16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
– 17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
– 18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
– 20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.
Allariz, Silleda, Ponteareas e Mondariz-Balneario: homenaxes a Rosalía de Castro
O domingo 24, en Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), catro poetas (Concha Rousia, Iolanda Aldrei, Luz Fandiño e Artur Alonso) recitarán versos na honra de Rosalía acompañados polo trío de música medieval “Ars Anterga”. A lectura de poemas está aberta a quen queira participar.
Por outra banda, todas as persoas que merquen un libro en galego o 23 e 24 levarán de agasallo unha flor.
O Concello de Silleda, nun acto previsto para ás 16:30 horas, descubrirá un mural na rúa Santa Olaia para despois continuar coa lectura de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Queremos Galego Deza. Están convocadas as asociacións culturais e locais, así como a comunidade educativa. Nos próximos días repartiranse poemas da escritora pola vila.
O mesmo domingo 24, ás 12:30 horas, na Rúa Rosalía de Castro de Ponteareas, a Asociación de Mulleres Floralba efectuará unha ofrenda floral a Rosalía, acompañando a lectura pública das súas obras. Ás 18:30 horas, realizarán a mesma acción na Praza da Auga de Mondariz-Balneario.