Do
3 ao 6 de abril terá lugar en Santiago de Compostela, organizado por campUSCulturae, o Congreso Internacional Editando para minorías na era dixital, unha oportunidade para debater sobre a situación do libro e da edición en tempos de recambio tecnolóxico e de agromar de propostas que redescobren o valor dos produtos artísticos de autor, únicos ou concibidos para esixentes minorías que foxen do estereotipado e comercial. Editores, bibliófilos, xestores culturais, escritores, ilustradores, expertos en novas tecnoloxías e deseñadores, entre outros profesionais, daranse cita neste encontro durante o cal se inaugurará a exposición Imprimatur. Está aberto o prazo de matrícula e o envío de comunicación até o 21 de marzo. Máis información aquí.
Arquivo da categoría: Edición
Francisco Pillado deixa a dirección de Laiovento
Desde
Praza:
“Pancho Pillado abandona a dirección da editorial Laiovento. Fixo oficial a súa renuncia ante notario, acompañado de Suso Couceiro e Pepe Carreiro, dúas das persoas que máis o teñen acompañado nos últimos anos no traballo da editorial e que, en principio, continuarán dirixindo o proxecto, que botou a andar en 1991. Pillado asegura estar “desmotivado e demoralizado”, “canso” dun labor editorial “á contra”, nun escenario difícil, no que denuncia a falta de apoio da Xunta e a “invisibilización” da cultura galega nos medios de comunicación. “Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa”, asegura.
Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, fala da crise económica, que en máis dunha ocasión denominou como “espolio”, como fixo por exemplo no prólogo de Banqueiros: “dun tempo a esta parte, a palabra crise é, sen dúbida, o eufemismo utilizado con maior frecuencia para explicar unha realidade cada vez máis triste, ruín e inxusta”. E cita, por exemplo, o dato coñecido hai uns días, de que os galegos e galegas gastan 15,3 millóns de euros menos en libros. “Isto é unha barbaridade” -di Pillado- “e supón un desastre para as editoriais e tamén para librarías como Couceiro na Coruña, que vén de anunciar que pecha”.
Denuncia igualmente a “invisibilidade” da cultura galega, os libros en galego e as editoriais do país nos medios de comunicación: “Estanse publicando libros interesantes, o problema non está aí. Mediaticamente non existimos. Non quero caer no mecanismo fácil de botarlles as culpas aos demais, pero se un lector non sabe da existencia dun libro, se non sae nos medios, se é relegado nas librarías a un lugar secundario, non o vai mercar”.
Fala tamén do Goberno galego, “inimigos da cultura galega”, e en xeral do “nulo” apoio das administracións. Pon o exemplo dun libro colectivo sobre o decreto de plurilingüísmo que hai uns anos lle pediu que coordinase ao maxistrado Luís Villares: “A obra, coa participación de xuristas e profesores, demostraba que o decreto era anticonstitucional. Sabes cantos libros mercou a Xunta? Mercou oito libros, supoño que para darllos aos altos cargos da consellaría”. (…)”
Calendario Profesional do Libro e da Lectura 2014
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2013
Desde
Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2013. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Con esta edición, son xa sete as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en participar.
Agradecer igualmente á Federación de Libreiros de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
– Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
– Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
– Autor do ano para Xabier López.
– Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
– Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para os recortes en Cultura.
– Mellor Libraría para Andel.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”
A Coruña: seminario sobre Cultura galega e edición na Galiza franquista, o mércores 22
Publicado o Volume III das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño
Edicións Positivas
vén de publicar o Volume III das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, e que contén un texto nunca antes publicado, o mítico Caprice de Dieux, así como outros cinco títulos (Sen ir máis lonxe, Cochos, Bailadela da norte ditosa, Memoria de mortos e de ausentes e Laudamuco, señor de ningures).
A Asociación Galega de Editores manifesta a súa preocupación e disconformidade cos orzamentos para o libro do ano 2014
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“A xunta directiva da AGE, entidade que representa ao 85% da edición profesional galega, reunida en sesión ordinaria o 25 de novembro, amosa a súa preocupación e clara disconformidade coas partidas orzamentarias recollidas no Proxecto de Lei Orzamentaria do ano 2014 da Xunta de Galicia, pois segundo o citado documento haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Esta cantidade vén a sumarse aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010, así como aos recortes que se veñen realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas á tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.
A axuda para a tradución de obras do galego e para o galegos, incorporada na partida 32A 770.0 baixo o epígrafe Apoio e promoción do libro en galego, vén de sufrir un recorte de 100.000 euros. O mesmo acontece coa partida destinada a dotar ás bibliotecas públicas de fondos bibliográficos en galego, reducida nun 60% no ano 2010, recúrtase noutros 71.540 euros. Outro tanto ocorre coa axuda para a edición de materiais curriculares en galego, que xa sufrira unha drástica reducción do 50%, e que vén de experimentar un novo e trascendental recurte de 100.000 euros, deixando a publicación de materiais curriculares en lingua galega sen apoio institucional, a pesar da renovación dos materiais didáticos de tres cursos de Educación Primaria, prevista no calendario de implantación da LOMCE.
Mentres se recorta en partidas trascendentais para apoiar á cultura do país, outras intrascendentes para a promoción e o coidado da produción cultural, manteñen o seu orzamento inalterabel dende hai máis de catro anos. Os editores galegos solicitan un cambio nas políticas culturais e un apoio explícito á edición, como sector estratéxico da cultura de Galicia.”
Un pozo sen fondo
Reportaxe
en Cultura Galega:
“Menos títulos, con tiraxes máis reducidas e cun prezo máis alto. Así é o panorama da edición en Galicia e en galego durante os últimos anos, se ben as editoras conseguen manter a facturación no medio da crise. Son datos do último informe do Observatorio da Cultura Galega sobre o sector do libro e xa dispoñibles en Internet.
O número de títulos editados en galego “tocou fondo” no ano 2012, con 1.621 títulos editados. O galego está moi por baixo do catalán (9.326) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. Aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”.
Sen embargo, as empresas mantiveron a facturación previa. “En Galicia aumenta lixeiramente en 2012 con respecto a 2011, tanto na facturación total como na facturación en galego, ao contrario do que acontece no conxunto de España onde diminúe en 2012 un 10,9% con respecto ao ano anterior. Outro dato salientable é que o prezo medio dos libros aumentou todos os anos e que as vendas de libros se incrementaron en 2012 nun 28,7% de exemplares, “polo que chama a atención que diminuíra un 10,9% a facturación”. O informe sinala que a destrución de emprego no mundo editorial é parella á do resto de sectores económicos de Galicia.
O sector do libro xera en Galicia uns 190 postos de traballo, pero en 2012 perdéronse un 18,6% de empregos (39 postos).
En Galicia editáronse en 2011 30.258 exemplares de libros, Isto dá unha tiraxe media de 1.137 exemplares por publicación, unha cifra en descenso pero non tan acusada coma no resto do Estado. En total, as editoras teñen na actualidade un catálogo vivo de libros de 13.292 publicacións, das cales 10.800 están en lingua galega.”
Presenza galega na Feira Internacional do Libro de Guadalajara
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“A próxima semana estarán na Feira Internacional do Libro de Guadalajara as dúas autoras galegas convidadas para participar no Programa Ecos de la FIL, Fina Casalderrey e Elena Gallego, unha actividade de enorme éxito, na que a escritora e académica da RAG xa tivo a ocasión de participar no ano 2009, naquela ocasión acompañada por Manuel Rivas e Alfredo Conde. As autoras participarán en actividades en diversas escolas e outros centros educativos da cidade de Guadalaxara, Jalisco. Fina Casalderrey estará no Centro Universitario de Los Valles e na Preparatoria nº17 desa cidade; e Elena Gallego participará en Líderes del Siglo e na Preparatoria Rexional Arandas. A representación institucional estará a cargo de Cristina Rubal, Subdirectora de Bibliotecas da Xunta de Galicia. Xosé Ballesteros, director de Kalandraka Editora, representará á Asociación Galega de Editores no evento. (…)”
Compostela e Vigo: presentación de Círculo Edições e a revista Elipse
A
cuarta feira 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rua Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase publicamente Círculo Edições, e o número 1 da revista Elipse.
A quinta feira 21 de novembro, ás 20:00 horas, o este acto terá lugar na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo.

