Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2016

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibimos 420 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as dez edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para Os fillos da fame, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia das historias de Galicia, coordinado por Isidro Dubert.
– Mellor libro de teatro para A filla de Woody Allen, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para Presas fáciles, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido para público adulto para Festa no xardín, de Katherine Mansfield, por Estela Villar Nogueira.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou, traducido por Manuela Rodríguez.
– Autor do ano para Diego Giráldez.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor capa de libro para adultos para Galería de saldos, de Diego Giráldez, feita por Iago Sánchez Losada.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de Agustín Fernández Paz.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”

Rebeca Baceiredo: “Normalízase o feminismo pero dende o enfoque liberal, o amparado polos medios e o interiorizado polas mulleres”

Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Praza:
“Intentar “entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos”. Este é o obxectivo ao que responde o novo libro da ensaísta Rebeca Baceiredo, Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras (Axóuxere), que afonda nalgunhas cuestións xa tratadas pola autora en Capitalismo e fascismo (Euseino), e das que tamén se ocupa no seu primeiro poemario, O canto da Sibila (Galaxia).
– Praza: O libro preséntase como unha revisión do “mito explicativo” do patriarcado como un feito natural a partir da análise do xénero como función subalterna. Cal é a orixe do libro? Cal é o seu obxectivo?
– Rebeca Baceiredo: Pretende revisar o mito explicativo patriarcal e liberal. As orixes do libros son sempre, para min, ‘encontros’, algunha experiencia que organizar. Nalgún momento tiven a necesidade de explicar a que respondían comportamentos que nun principio semellan naturalizados pero que cando se acentúan, cando aparece a súa estridencia, aparece a súa patoloxía, que é patoloxía social, é dicir, propios dunha sociedade patolóxica. Era unha cuestión persoal e unha cuestión política, se cabe a distinción, porque durante os anos da crise si observaba regresións sociais, cotiás, no tema de xénero: tiña a sensación de que a sociedade se facía aínda máis conservadora e retrógrada que cando eu crecín, a pesar de ter conciencia sempre das limitacións –e agresións– cotiás que me impuña o xénero feminino.
Porén, a medida que me achegaba ao tema, observaba ata que punto non só respondían a un patrón sociolóxico, senón que tiñan profundas raíces antropolóxicas, e o paradigma liberal que pretende, máis que explicar, canalizar e capitalizar o feminismo, non me ofrecía respostas. Ademais, precisamente durante ese proceso atopei na biblioteca o libro Familia e capital, do profesor Carlos Allones, que expón o proceso de sometemento das femias nos homínidos e o cambio de réxime que se daría no capitalismo. O obxectivo, por tanto, era intentar entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e intentar entender por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento e por que reproducimos outros ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos. (…)”

Tabela dos Libros de xaneiro de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e con el chega a primeira Tabela dos Libros da xeira. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra

Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”

Compostela: presentación de Precariedade e performatividade, de Beatriz Hauser, e Acontecemento e desexo, de Sören Hauser

O venres 30 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), Estaleiro Editora e Proxecto Derriba presentan as súas últimas monografías sobre filosofía contemporánea: Precariedade e performatividade, sobre Judith Butler, e Acontecemento e desexo, sobre Gilles Deleuze, coa presenza de Beatriz Hauser (Beatriz Blanco, autora do libro de Butler) e Sören Hauser (Abraham Rubín, autor do libro de Deleuze). Os libros sobre Butler e Deleuze son, ademais, o antepenúltimo e o penúltimo dos traballos que publicará Estaleiro Editora antes da súa disolución, programada para comezos de 2017 e que se selará cunha tradución do poeta catalán Pau Gener, de inminente publicación.