A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu Socio de Honra, Xosé Manuel Beiras

Desde a AELG manifestamos o noso profundo pesar polo pasamento de Xosé Manuel Beiras, cunha extensa traxectoria de enorme altura como economista, político e intelectual, cuxa obra escrita atravesou diversos campos creativos, sendo os máis coñecidos os do ensaio e a tradución, aínda que tamén se achegou á narrativa e á poesía.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, das que destacamos esta extensa entrevista sobre a súa faceta de escritor, guiada por Xosé María Álvarez Cäccamo.

O seu compromiso co país foi central durante toda a súa vida, participando en numerosas iniciativas, entre as que destacamos a súa presenza crucial no Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Lembramos aquí a Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E dedicada á súa figura en 2025, en Santiago de Compostela.

Por indicación da familia, as persoas que desexen renderlle unha última homenaxe poderán facelo na sala de despedida instalada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, que permanecerá aberta desde as 12:00 horas do venres 9 de outubro, convidando a participar no acto público de homenaxe, aberto á cidadanía, que se vai celebrar o día 9 ás 16:00 horas no propio Museo do Pobo Galego.

Compostela: actividades do 7 e 8 de outubro na SELIC 2026

Compostela: actividades do 4 de outubro na SELIC 2026

Boiro: presentación de Quen conduce o Estado. Arte, ideas, artistas e movementos que deron forma á vitoria do Estatuto de Galicia de 1936, de Iria-Friné Rivera Vázquez, o 3 de outubro

Compostela: V Jornada de Estudo Clara Corbelhe. Legados e limites da teoria crítica: rumo a uns estudos emancipatórios galegos, o 3 de outubro

V Jornada de Estudo Clara Corbelhe

Xulio Pardo de Neyra: “Ser amigo de Tareixa e Marica Campo é unha honra, pero coñecer as amigas das dúas é tamén unha aprendizaxe constante”

Entrevista de Patricia Villarino a Xulio Pardo de Neyra en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Toda a eternidade nun ollar de palabras é o primeiro estudo monográfico sobre Tareixa e Marica Campo.
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): O traballo constitúe a primeira aproximación integral á vida e á obra de Tareixa e Marica Campo, que son dúas figuras fundamentais da literatura e da cultura galega do século XX. É froito dunha investigación que combina a análise literaria, a memoria familiar e a reivindicación social, para recuperar a voz de dúas mulleres que foron e son teatro, poesía, narrativa, ensino e compromiso nun país que moitas veces as ignorou. A obra percorre a súa xenealoxía, o seu contexto histórico e a súa produción literaria, desde as sextinas de Marica até o teatro e a narrativa de Tareixa, pasando pola súa literatura infantoxuvenil e o seu activismo cultural. As dúas irmás Campo están no centro dunha tradición feminina e subversiva, afastada de paternalismos, e merecen o lugar que lles corresponde no canon galego.
– ND: Doutor en Filoloxía Galega e Historia Contemporánea pola USC e profesor na UDC, publicou o seu primeiro libro, Gustavo Freire: o grande esquecido, con 19 anos. Como empezou na escrita?
– XPN: Empecei a escribilo con 18 anos. Desde moi neno sempre me chamou o mundo da investigación. Son fillo de persoas maiores e neto dun avó e unha avoa que sempre tiñan na boca asuntos referidos aos seus percursos e aos anteriores; era xente moi tradicionalista no bo sentido. Sempre estaban a leriar sobre historias que lle aconteceran aos seus e ás súas. Lembro que miña nai díxome unha vez: “Non te preocupes do que fomos, tes que preocuparte do que vas ser; eu non sei como saes así”. Eu contesteille: “E como vou saír se non facedes máis que falar de atrás?”. Á miña nai criouna unha bisavoa e a proximidade con quintas e sextas avoas miñas era total. Os avós da miña tataravoa, que son quintos avós meus, eran como se fosen case meus avós; o contacto era moi grande. Esa teima por non perder o que foi, tanto o bo como o malo… Eles non calaron o malo, que é moito máis interesante que o bo, e eu tampouco o calo porque é moito máis exemplar e moito máis interesante. O meu pai levábame 50 anos e miña nai 41; estar rodeado de persoas moi vellas fixo de min un viveiro de todos eses asuntos. Eu aproveito calquera historia ou percurso para facer unha narración, construír unha novela ou un poemario. (…)”