Santiago: presentación de Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego

convite-agadeaEste é o convite á presentación da publicación Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva, que se vai celebrar no martes día 20 de Setembro, ás 20h no auditorio do Museo co gallo da celebración do Día Internacional do Alzhéimer. Este traballo foi realizado desde o Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo en colaboración coa Asociación Galega para Axuda de Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), co obxectivo de crear recursos asociados aos contidos do Museo para estimular cognitivamente a persoas afectadas por doenzas de tipo alzhéimer.

Tabela dos Libros de setembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis ―e xa vai alá un lustro― regresa a Tabela dos Libros cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Bo remate de verán e felices lecturas!”

2016_setembro_tabela

Xulio Pardo de Neyra escribe a primeira achega á presenza da pornografía na literatura galega

DesdeXulio Pardo de Neyra La Voz de Galicia:
“O escritor e profesor universitario Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) é autor da primeira novela pornográfica galega, Intensa e quente é a túa humidade azul, publicada por Positivas, selo que vén de editar unha achega ao xénero dende un punto de vista ensaístico e académico: Literatura galega e pornografía. Mentres o primeiro concepto está asociado á elegancia, «suxire e non mostra», o pornográfico asóciase «ao baixo, o soez». Porén, segundo o autor, a pornografía non é máis que «imaxes de sexo entre persoas, polo que non ten porque ter ningún compoñente de inaceptación social». Na súa opinión, a pornografía ten o obxectivo de «incitar e excitar» sendo unha «copia do que se produce, sen eufemismos nin cortapisas».
Xulio Pardo de Neyra dedica un capítulo do seu libro á Idade Media, un período áureo, na súa opinión. «A cultura galega no Medievo é unha cultura adulta, hábil en todas as ordes, e sen estar suxeita aos desexos de ningunha outra cultura, cunha liberdade absoluta». (…)”

O libro das festas de Vilalba inclúe un texto inédito de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz La Voz de Galicia:
“(…) O escritor Agustín Fernández Paz, nado na capital chairega en 1947 e falecido en Vigo o mes pasado, mandou para o libro das festas de Vilalba un texto inédito no que volve percorrer a Vilalba da súa nenez.
Para quen eran nenos nos anos cincuenta do século pasado, escribe, as festas «gardaban a ilusión duns días longamente agardados». Neses anos, como chegou a descubrir, vivía en dúas patrias: por unha banda, como expresou Rilke, a da nenez; por outra, seguindo a Pessoa, a da lingua. «No meu caso ambas as dúas únense nun só nome: As Fontiñas, o barrio de Vilalba onde nacín, un barrio daquela con fronteiras ben definidas», escribe.
A zona mudou dende que Agustín Fernández Paz“>Agustín. Por exemplo, era un neno de oito anos a quen seu pai, músico nunha das orquestras da vila, o levou a Foz para que vise o mar por primeira vez. «Falo doutros tempos e doutra Vilalba que vive só na miña memoria. Cada vez que percorro os espazos da vila vexo ao mesmo tempo, como cando superpoñemos dúas láminas transparentes, a Vilalba dos anos da infancia», recoñece.
Eran, xaora, outros tempos: o pan amasábase nas casas e despois levábase cocer; os tebeos cumprían a función que anos despois había ter a televisión; o neno Agustín e os outros do seu barrio facían una fogueira pola noite de San Xoán, e os postres dos xantares do San Ramón -as roscas, o roscón, o brazo de xitano…- preparábanse nos días anteriores á festa…
O neno medrou, pero non esqueceu. «Lembranzas coma estas -escribe no texto- foron facendo de min a persoa que son. E, canda elas, o agasallo maior que me fixo esta vila: a lingua na que falo e soño, a lingua na que escribo todos os meus libros».
Lembra que sendo neno, na súa cama, unha colcha que súa nai fixera con retallos de distintas teas e cores servíalle para imaxinar a súa superficie como un continente de moitos países. «Anos despois descubrín que o mundo é coma a colcha da miña cama de neno: un inmenso mosaico de países e culturas […] Nesa colcha que é o mundo, eu pertenzo ao anaco que se chama Galicia».
A pertenza a ese mundo ten a raíz e orixe en Vilalba, onde non só coñeceu a lingua senón tamén a riqueza que supón. O sentimento é de gratitude e asemade de esperanza: «[…] desexo intensamente que os nenos e nenas da vila, e os da Galicia enteira, poidan tamén expresar un agradecemento semellante cando sexan grandes, Así será se somos conscientes da riqueza que posuímos…». (…)”

Foz: actos destacados da Feira do Libro do venres 19

OFeira do Libro de Foz 2016 venres 19 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:00 h. Presentación do libro A maruxaina e outras sereas, de Paco Rivas, Alfonso Otero Regal e Pablo Mosquera, publicado pola Deputación de Lugo.
21:00 h. Presentación do libro Mortos por amor á Terra. A represión do nacionalismo galego 1936-1959, publicado por Sermos Galiza. Presenta Xosé Ramón Ermida Meilán, acompañado de Xoán Ramón Fernández Pacios e Xoán Costa.

Viveiro: actos destacados da Feira do Libro

OFeira do Libro de Viveiro 2016 sábado 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. (14:30 h. no sábado e domingo) e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa, que chegará ao martes 16:

Domingo 14
20:00 h. Paco Rivas presenta Entre o abalo e a zaranda: dicionario léxico do mar, publicado por Edicións do Cumio, e A maruxaina e outras sereas, pola Deputación de Lugo, acompañado polos coautores Otero Regal e Pablo Mosquera.

Luns 15
19:00 h. Farruco Graña presenta O soño de Xoán, publicado por Embora. No acto estará acompañado por Carlos Nuevo Cal.
19:30 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participa, xunto ao autor, Belén López.

Malpica: presentación de Lembranzas de Malpica, de Xosé González Reyes

IMG-20160805-WA0002

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do xoves 11

OFeira do Libro Cee 2016 xoves 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

11:30 h. Títeres Cascanueces presenta Barriga Verde e o estragapandeiros, baseado en textos de Manuel María.
20:00 h. No Museo Fernando Blanco: Concha Blanco e María Canosa presentan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, e A que altura está o ceo?, de Jorge Mira e María Canosa, publicado por Alvarellos, coa participación de Santiago Garrido.
21:15 h. Pregón da Feira a cargo de Jorge Mira.