Arquivo da categoría: Ensaio
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do venres 24
O
venres 24 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:00 h. Presentación de Caderno de Literatura Popular 2, Cantigas de aquén e de alén mar: Jesús Faustino Rañó Rodríguez, de Raquel García Abuín, e de Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. Presentado por Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo), coa participación de Eulalia Agrelo Costas e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, na Casa do Concello.
– 20:30 h. O escritor e músico Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais. Presenta Xesús Laíño, da Asociación Cultural Barbantia.
– 21:30 h. Actividade infantil. A nena e o grilo, por Magín Blanco.
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do xoves 23
O
xoves 23 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 13:00 h. Inauguración. Actuación musical de Barahúnda (Helena De Alfonso e José Lara), e pregón de Helena Villar Janeiro.
– 20:30 h. Presentación de Un animal chamado néboa e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, publicados por Xerais, coa participación, xunto á autora, de Manuel Bragado e Historia da literatura infantil e xuvenil galega, de Blanca-Ana Roig Rechou (coordinadora da obra), coa participación de Eulalia Agrelo Costas e Marta Neira (coautoras). Presenta o acto Carlos Mosteiro Fraga, da Asociación Cultural Barbantia, na Casa do Concello.
Aurora Marco: “O século XXI será o século das mulleres”
Entrevista
a Aurora Marco na Asociación Galega de Editores:
“(…) – Asociación Galega de Editores (AGE): Aurora, cando escribiches o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega pensabas que ía ter continuidade nun documental, feito ademais polo teu fillo? Como se desenvolveu ese proceso aparentemente, no voso caso, tan natural, de trasladar a historia ao cinema?
– Aurora Marco (AM): Non pensei, non. Á altura en que comecei a percorrer Galiza na procura de informantes para a reconstrución das historias de vida das guerrilleiras que reunín no libro (era o ano 2006), o meu fillo aínda non decidira cursar a carreira de Comunicación Audiovisual. El fixera Enxeñaría Informática de Sistemas e traballara, inclusive, algún tempo nesta profesión. Mais, como a súa vocación era outra, licenciouse despois en Comunicación Audiovisual. Xa no 2010, conmovido por todas as historias que comentábamos na casa, comezou a acompañarnos e a gravar todos aqueles dramas, todas aquelas traxedias familiares, coa finalidade de conservar eses testemuños. Despois, todo foi, como ben dis, un proceso moi natural: el teimou en facer un documental e así nos embarcamos no proxecto. Secundeino en todo e, cando digo todo, tamén me refiro á parte económica porque As silenciadas (o título tamén o puxo Pablo) non contou con ningún subsidio.
– AGE: Como se desenvolveu aquel proxecto?
– AM: Con enorme ilusión porque o documental naceu dunha aposta persoal, familiar, naceu da necesidade de pór en imaxes parte do meu traballo de investigación sobre as guerrilleiras antifranquistas, mulleres que se entregaron á defensa dos valores democráticos, violentados pola forza das armas, na década de 1940 e comezos dos 50.
Recuperar a súa memoria en formato audiovisual, dar voz a un silencio tan prolongado no tempo, coñecer a dureza das seis tramas narrativas que se seleccionaron, aprender da dignidade, do sufrimento, da humanidade destas mulleres, e das súas familias, foi un exercicio tan gratificante que compensou todas as carencias, a falta de apoios económicos e unha chea de problemas que tivemos que solucionar, sen esquecer a nosa inexperiencia… Era a nosa primeira longametraxe documental.
Na fase de gravación, durante máis dun ano -e xa levábamos moito tempo coa investigación- percorremos aldeas e vilas, montes e serras: estivemos no Teixadal, baixo Pena Surbia; fomos ás Bruñas, na Serra do Eixe; subimos ao Invernadoiro, na Serra de San Mamede, lugares onde a guerrilla tiña os seus campamentos; viaxamos a Île de Ré (Francia), onde vive unha das guerrilleiras que protagoniza un capítulo do documental; estivemos en pequenas aldeas, hoxe case deshabitadas, onde tiveron lugar diferentes episodios dos que se dá conta no documental. (…)
– AGE: A túa obra ensaística é froito da madurez, non da física, senón da madurez intelectual no senso, ao meu ver, de que o teu criterio sae a primeiro plano, prima en ti e apartas o que non é prioritario para centrarte en aquilo que es xa consciente que debe ser descuberto.
– AM: Non teño moito máis que engadir a esta apreciación túa que coincide, efectivamente, co meu obxectivo fundamental á hora de enfrontarme a un folio en branco ou, mellor diría, á pantalla do meu ordenador, unha vez delimitado o tema sobre o que quero escribir: deitar luz sobre determinadas parcelas da nosa historia, invisibilizadas, como é o caso do libro dedicado ás guerrilleiras antifranquistas ou a monografía que editei das memorias da republicana María Teresa Alvajar. Anos antes, na biografía de Carvalho Calero (1992), por exemplo, incluín un capítulo dedicado á sublevación militar e a posguerra, unha etapa do biografado que non se tratara antes, entre outras razóns porque o propio Carvalho non gostaba de lembrar; mais tiven a sorte de contar cunha informante de excepción (a súa muller, Mª Ignacia Ramos Díez) e con documentación inédita. Nestes traballos e noutros moitos -nomeadamente os que teñen a ver coa memoria histórica-, nunca agachei o meu pensamento, o meu posicionamento, consciente como son de que a verdade non nos fará mal. Alén da importancia de tirar do esquecemento feitos históricos e persoas que os protagonizaron, ese era un traballo pendente que a historiografía tradicional non acometeu. En certo modo, aínda que cunha perspectiva diferente, no Dicionario de mulleres galegas (2007), tamén é explícito o criterio que adoptei: rachar coa invisibilidade social de traballadoras de diferentes oficios nunca presentes nos rexistros “cultos” (oleiras, redeiras, menciñeiras, impresoras, parteiras, soldadeiras, libreiras…) e doutras moitas de variadas disciplinas (escritoras, pedagogas, militantes de organizacións políticas, sindicalistas, pintoras, compositoras, e un longo etcétera) para recuperar o pasado e pór en valor os seus contributos. Neste sentido, fuxín desa concepción elitista de dicionarios ou enciclopedias, que só recollen as vidas e obras de figuras, digamos, excepcionais, que tamén aparecen no meu dicionario, claro é. (…)
– AGE: Malia non ser unha activista no senso estrito do concepto senón unha investigadora e profesora universitaria especializada nun ámbito concreto do coñemento, sempre estiveches interesada polos asuntos da igualdade e dos dereitos da muller. Coa bagaxe de coñecemento que acumulas de tantas e tantas mulleres do século XX que pensas do que hoxe está acontecendo xa no século XXI?.
– AM: Respóndoche telegraficamente: o XXI vai ser, xa comezou a ser, o século das mulleres e o seu papel vai ser fulcral, pola súa valía, entrega, espírito emprendedor, innovador e infatigábel, aínda que hai que seguir superando, denunciando, as situacións de desigualdade que a sociedade segue a impor. Somos a metade da humanidade e, como lembrou Xohana Torres no seu discurso de ingreso na Academia Galega: “As mulleres sostemos a metade do ceo”. (…)”
Compostela: mesa redonda Nacionalismos, feminismos, comunidades de sentido
Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentamos o venres 17 de xullo na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Xosé Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».
Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»
Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica que encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poético e familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»”
Valentim Fagim: “O que escrevim e escrevo é para tornar evidente o que as instituições teimam em ocultar”
Entrevista
a Valentim Fagim no Portal Galego da Língua:
“No ano 2001, Valentim Fagim publicou O galego (im)possível, um livro que logo se converteu em referência para uma geração de reintegracionistas. Quinze anos depois vê a luz O galego (im)possível. Ainda mais, revisão daquele marcante trabalho. O autor explica nesta entrevista o que mudou no livro… e o que mudou na Galiza neste tempo.
– Portal Galego da Língua: Foi necessário fazer muitas correções para adequar O galego (im)possível. Ainda mais ao presente? Apesar das necessárias emendas, achas que o livro, em geral, resistiu bem a passagem do tempo?
– Valentim Fagim: Nesta edição tentei sobretudo tirar densidade a algumas partes. De facto, dois capítulos foram reescritos porque não me satisfaziam, não eram diretos. Outro dos focos foi atualizar informações que ficaram desfasadas. Quinze anos dão mais de si desde que existe a Internet.
O livro é atual porque os argumentários, quase sempre lugares comuns, descansam no possibilismo, essa doença de quem ninguém está a salvo seja no âmbito ambiental, de género, político ou qualquer outro. É aquela desculpa de «As cousas deviam ser assim, mas…». A vida social, como se sabe, está cheia de «mas» que a tornam bem mais pobre.
De resto, trabalhamos para que este livro seja desnecessário, que seja visto algum dia com olhos de antropologista e que alguém exclame «como se aborrecia o pessoal. Tantas páginas para dizer obviedades!». (…)”
Ribeira: actividades destacadas na Feira do Libro o sábado 18 e domingo 19
O domingo 19 de xullo
finaliza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para estes dous últimos días:
Sábado 18
– 21:30 h. David Pobra, autor de Liña azul, conversará sobre o detective Palmeira.
Domingo 19
– 13:30 h. Presentación de Rubicundo, de María Canosa, publicado en Xerais.
– 21:00 h. Presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto participa tamén Quico Cadaval.
Ribeira: actividade destacada na Feira do Libro o venres 17
O venres 17 de xullo
continúa a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., co seguinte acto literario destacado para este día:
– 20:30 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais. No acto acompañan ao autor Manuel Cartea e Manuel Bragado.


