Arquivo da categoría: Ensaio
A Coruña: presentación do segundo volume da toponimia de Nicandro Ares na Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“O segundo volume da toponimia de Nicandro Ares, compilada e indexada por Antón Santamarina, completa a publicación da totalidade dos estudos toponímicos de Nicandro Ares por parte da Real Academia Galega.
O presidente da Academia, Alonso Montero, despois de escusar a ausencia do autor dos textos, Nicandro Ares Vázquez, debido á súa avanzada idade, salientou a importancia da publicación desta obra que recolle todos os escritos sobre toponimia dun dos grandes eruditos nesta materia no noso país.
Pola súa parte, o coordinador do Seminario de Toponimia, Ramón Lorenzo, destacou o gran labor de edición feito por Antón Santamarina, autor tamén dun exhaustivo índice de temas de grande utilidade para o lector.
Antón Santamarina, membro de número da Academia e editor da obra, comezou a súa intervención debuxando unha breve biografía de Nicandro Ares. Nado en Santa Eulalia de Bóveda, na súa mocidade ingresou no Seminario de Lugo onde foi alumno do arqueólogo Francisco Vázquez Saco, quen o introduciría no estudo desta especialidade e da epigrafía. Xa a partir de 1964, Nicandro Ares encamiña o seu interese cara á ciencia toponímica que, tal e como lembrou o profesor Santamarina, se basea na dilucidación da orixe dos nomes de lugar atendendo a dous principios: o respecto ás leis da evolución fonética das palabras e á súa congruencia semántica. “No caso daqueles termos escuros aínda a partir destes dous principios, hai que botar man dos textos antigos para procurar a súa orixe, e aquí é onde Nicandro Ares amosa un grande olfacto á hora de pescudala remexendo nunha gran cantidade de documentación”, apuntou Antón Santamarina.
Coa saída deste segundo volume de Estudos de toponimia galega de Nicandro Ares Vázquez, a Academia completa a edición dos 178 artigos sobre toponimia deste autor, publicados en diversos medios entre 1964 e 2011, e centrados sobre todo na casuística da provincia de Lugo.”
Compostela: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato
O xoves 19 de setembro 2013, ás 20:15 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Goretti Sanmartín Rei, Xosé Manuel Sánchez Rei e Manuel Bragado.
Destacada presenza galega nos Encuentros de Verines
Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega participará na organización dos Encuentros en Verines, unha tradicional cita literaria que desde o ano 1985 reúne na Casona de Verines, en Pendueles (Asturias) a destacados creadores das distintas literaturas e linguas do Estado español. Os Encuentros están organizados polo Ministerio de Cultura e contan coa colaboración do Instituto Etxepare, o Institut Ramon Llull, e o Consello da Cultura Galega.
Os Encuentros en Verines teñen por obxectivo “propiciar o intercambio intelectual entre escritores de todas as linguas de España, para debater sobre o estado das letras nos seus distintos xéneros e con diferentes enfoques”, segundo o Ministerio de Cultura. Por parte galega participarán Luisa Castro, Suso de Toro, Víctor Freixanes e Miguel Anxo Murado, canda recoñecidos escritores doutras linguas do Estado como Xuan Bello, José María Merino, Carme Riera, Miren Agur, Luís García Montero, Soledad Puértolas, Jon Juaristi ou Luis Mateo Díez, entre outros. Están organizados por Víctor García de la Concha.
O programa deste ano propón unha reflexión sobre os últimos trinta anos das letras no Estado a partir do propio aniversario dos Encuentros. A presenza galega será visible en mesas como O diálogo entre as linguas, na que participará Víctor F. Freixanes, 30 anos de poesía, que contará coa presenza de Luisa Castro ou de Linguas e Pensamento, na que falará Suso de Toro. A presenza galega complétase coas reflexións de Miguel A. Murado na mesa El Filandón, relatos e outras ficcións.”
Compostela: presentación de Meninos de São Raimundo, de Roberto Lima e Bispo Filho
Betanzos: presentación de Raíz e canto I, de Xulio López Valcárcel
O xoves 12 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o ensaio Raíz e canto I. Nomes para unha crónica vital e literaria, de Xulio López Valcárcel. No acto, xunto ao autor, participa Tucho Calvo.
Betanzos: presentación de A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda
O mércores 4 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a obra A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Urco Editora. No acto, xunto autor, participa David Cortizo.
Carballo: actividades do sábado 24 e domingo 25 na Praza dos Libros
Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos destacamos os seguintes para cada día:
Sábado 24
– 19:30 h. Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Miguel Toval, Xosé Manuel Varela e Evaristo Domínguez
– 20:30 h. Presentación, recital poético e concerto musical de Versus, coa participación, entre outros, de Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto.
Domingo 25
– 12:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas e do resto das súas obras.
– 18:00 h. Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e Miguel Toval.
– 20:00 h. Presentación e concerto de Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado en Galaxia, coa participación, xunto á súa autora, de Samira Remuiñán, Xan Remuiñán e Rosalía Fernández Rial.
Queiruga, Porto do Son: presentación de Karlotti, un poema crónico, de Marcos Lorenzo
Viveiro: actos do xoves 15 na Feira do Libro do 2013
O xoves 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos para ese día, destacan a asinatura de libros, a partir das 19:00 horas, de Olalla Cociña, e a presentación, a partir das 20:30 horas, de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade. Finaliza a xornada coa presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado por Redelibros.
Previamente, o mércores 14, ás 19:30 horas, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, coa participación de Comba Campoy e Anxo García.